Amoeba proteus (antes chamada Chaos diffluens), é unha especie de protozoos, principal representante do xénero Amoeba. O nome proteus déuselle polo antigo deus grego Proteo, que podía cambiar de forma, igual que fai esta ameba, debido á emisión de expansións chamadas pseudópodos, que utiliza para moverse e capturar por fagocitose pequenos organismos unicelulares. Estes, unha vez capturados, quedan dentro dun vacúolo dixestivo, onde son dixeridos encimaticamente. Vive en ambientes de auga doce e aliméntase doutros protozoos, incluídas outras amebas máis pequenas, algas, e rotíferos (invertebrados). O seu tamaño é variable segundo expanda os seus pseudópodos e adoita estar entre 220-740 microns, o que é un tamaño considerable para un protozoo. Como contén fitocromos coloreados, A. proteus pode presentar diversas cores ollada ao microscopio, polo que as hai de aspecto amarelo, verdoso, púrpura etc. Presenta un vacúolo contráctil mediante o cal expulsa o exceso de auga da célula, facendo deste modo unha osmorregulación. O vacúolo está rodeado de pequenas vesículas que traen a auga.
A. proteus posúe un núcleo celular, que contén cromatina granular. Está relacionada coas amebas xigantes do xénero Chaos pero este é un xénero multinucleado. O seu xenoma é moi grande, con 290 mil millóns de pares de bases (outra ameba relacionada, como é Polychaos dubium supéraa con 670 mil millóns), polo que é moito máis grande que o xenoma humano (de só 2,9 miles de millóns de pares de bases).
Galería de vídeos miniatura|Amoeba proteus en movemento.miniatura|Amoeba fagocitando unha diatomea.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Amoeba ameboide
Categoría:Amebozoos