San Juan é unha cidade da Arxentina, capital da provincia homónima. Está situada no centro norte do Val do Tulum e a unha altitude de 650 msnm. É o centro administrativo e comercial do aglomerado urbano do Gran San Juan, que, para o ano 2010, contaba cun total de 471.389 habitantes e está situado entre os dez maiores aglomerados do país. Foi fundada o 13 de xuño de 1562 polo conquistador español Juan Jufré baixo o nome de San Juan de la Frontera, a través do mandato da antiga Capitanía Xeneral de Chile. A finais de 1593, Luis Jufré traslada a cidade á súa localización actual.
A súa fisonomía urbana está caracterizada por unha arquitectura contemporánea, onde destacan amplas rúas, avenidas e vereas excelentemente trazadas cunha espléndida e frondosa vexetación de árbores de distintas especies irrigadas mediante canles, sendo o motivo polo cal se coñece co sobrenome de "cidade oasis", xa que a arrodea un espazo árido. Aspecto que nace tras a destrución masiva provocada polo terremoto de 1944.
É cidade natal de Domingo Faustino Sarmiento, quen foi un destacado político, escritor, docente, e Presidente da República Arxentina, recoñecido pola súa incansable loita na educación pública arxentina.
Conta cunha importante infraestrutura de aloxamento e transporte, e nas proximidades destacan atractivos como Encoro e dique Ullum, a Quebrada de Zonda, termas, museos e é punto de partida para a Rutas do viño de San Juan.
Esta cidade foi, para agosto de 2010, sede do XXXIX Cumio de Mercosur. Tamén para setembro de 2011 foi elixida sede do Campionato mundial de hóckey sobre patíns
Notas
Categoría:Cidades da Arxentina Categoría:Provincia de San Juan