O antilambda, coñecido en paleografía coa denominación latina diple, é un signo ortográfico auxiliar que pode empregarse como signo simple ou como signo dobre, cunha forma de apertura ( < ) e outra de peche ( > ).
Historia
O nome do signo provén da súa semellanza coa forma maiúscula da letra grega lambda (Λ), mais disposta en horizontal.
O antilambda xa era utilizado na antiga Grecia. O símbolo > considérase unha creación de Aristarco de Samotracia, (século II a.C.), editor de Homero, que o utilizaba para indicar que discordaba da opinión de Zenódoto de Éfeso, editor anterior.
Ese mesmo signo > empregábase nas marxes dos manuscritos latinos e gregos para indicar que nesa liña había algunha palabra ou pasaxe relevante. Posteriormente introduciuse o signo < para encerrar o texto.
Isidoro de Sevilla explica nas súas Etymologiae que o antilambda se usaba na súa época para indicar que unha cita dun texto era bíblica e non un comentario.
Na Idade Media utilizáronse diferentes signos: V, Y, 7... Coa imprenta continuouse a empregar, sendo a orixe das comiñas latinas.
Uso como signo dobre
Como signo dobre recibe tamén a denominación de parénteses angulares, sendo os seus principais usos os seguintes:
Nas transcricións paleográficas e nas edicións críticas de textos antigos utilízase para desenvolver abreviaturas e encerrar partes do texto reconstruídas ou non presentes no orixinal. Pode usarse en vez das comiñas en partes de textos que xa teñan eses signos tras utilizar as comiñas latinas, inglesas e simples. Na banda deseñada empréganse para indicar que unha personaxe fala nun idioma distinto. En Informática serve para encerrar as etiquetas propias das linguaxes de marcación HTML e XML. Nos primeiros tempos de Internet empregábase para encerrar enderezos de correo electrónico e páxinas web, especialmente en texto plano ou naqueles soportes que non permitían formatos. En Matemáticas indican o subgrupo xerado por un subconxunto ou un produto interno.
Uso como signo simple
Como signo simple non pode considerarse propiamente un signo ortográfico auxiliar. Emprégase en ámbitos do saber moi concretos.
En Lingüística é usado para mostrar a etimoloxía ou a evolución dunha palabra. Así, o signo de peche indica que o termo anterior dá orixe ao que segue ( FACERE > FACER), e o de apertura, que o termo que o precede deriva do posterior (OURO < AURUM). En Matemáticas o signo > significa maior que (3 > 0) e < significa menor que (2 < 5), podendo combinarse co signo igual: ≤ ou ≥.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Parénteses Corchetes
Categoría:Puntuación Categoría:Símbolos Categoría:Símbolos matemáticos