Haemophilus ducreyi é unha especie de bacterias gramnegativas con forma de cocobacilo, que causa a enfermidade de transmisión sexual chamada chancroide ou chancro brando, que é unha das principais causas de ulceración xenital nos países subdesenvolvidos caracterizada pola aparición de chagas (chancros) dolorosas sanguentas con base necrótica e beiras desgarradas nos xenitais, que comezan como unha lesión papular eritematosa. A doenza trátase con macrólidos como a azitromicina e cefalosporinas de terceira xeración como o ceftriaxone.

H. ducreyi é esixente no seu cultivo, pero pode cultivarse en placas de ágar chocolate. Con tinguidura de Gram ten o aspecto dun "banco de peixes".

A bacteria recibe o seu nome por Augusto Ducrey, o científico que primeiro a describiu na década de 1890.

Patoxénese Haemophilus ducreyi é un microorganismo oportunista que infecta aos seus hóspedes a través de roturas na pel ou só na epiderme. Seguidamente ten lugar unha inflamación, xa que a área de infección é inundada por linfocitos, macrófagos, e granulocitos. Esta inflamación piroxénica causa unha linfadenite rexional no chancroide transmitido sexualmente.

Diagnose Aínda que no diagnóstico das infeccións por H. ducreyi ás veces se usan a detección de antíxenos, seroloxía e métodos de amplificación xenética, e as probas xenéticas teñen maior sensibilidade, non sempre se pode dispoñer deles, polo que o cultivo da bacteria considérase actualmente o método estándar de diagnóstico.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Enfermidade de transmisión sexual

Categoría:Proteobacterias Categoría:Doenzas infecciosas