San Cosme de Piñeiro é unha parroquia que se localiza no concello de Cedeira, na comarca de Ferrol. Segundo o padrón municipal de 2007 tiña 437 habitantes (230 mulleres e 207 homes), distribuídos en 27 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 407 habitantes.
Xeografía Piñeiro sitúase na parte oriental da ría de Cedeira, na beira dereita do río Condomiñas e na esquerda do regato Pontigas. Polo norte o Pontigas xunto co seu afluente Candales sepárana da parroquia de Régoa até a fonte da Balteira. Polo leste linda coa parroquia de San Román de Montoxo, e polo sur con esta mesma parroquia na pena de Freixido e no lugar da Trave e coa de Esteiro dende este lugar até o regato Cordobelas na praia. E polo oeste o límite e a praia de Cedeira e o río Condomiñas.
A estrada dende Ferrol atravesa a parroquia até enlazar no lugar da Area, cunha ponte de tres arcos que a une á vila de Cedeira e coa estrada que chega ao Campo do Hospital pasando polos lugares de Campoalegre, Mosende, Casanova e Casagrande. Tamén parte desta mesma encrucillada na Area outra estrada que chega até Chímparra e os altos da Serra da Capelada.
A esta parroquia pertence o chamado ensanche da vila de Cedeira, o lugar da Area, que hoxe é a entidade da poboación máis importante.
Patrimonio A igrexa parroquial, na honra de San Cosme é de cruz latina e nova construción. Érguese preto do comezo da estrada que vai até o Campo do Hospital. Tamén se ergue preto da mesma estrada o edificio que acolleu as escolas e que foi costeado pola sociedade Hijos de Cedeira en La Habana. Neste mesmo lugar da Area, coñecido como ensanche da vila de Cedeira, érguese o grupo escolar e outras edificacións notables xa derruídas e construídas ao longo dun peirao, nun recheo gañado á ribeira do río Condomiñas.
Lugares e parroquias Lugares de Piñeiro
Parroquias de Cedeira
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Cedeira
Categoría:Parroquias de Cedeira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Cosme