Santo Antonio da Barqueira é unha parroquia do concello de Cerdido, na comarca do Ortegal. Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Xuvia, pertencente á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Poboación Segundo IGE no ano 2016 tiña 580 habitantes (277 mulleres e 303 homes), distribuídos en 46 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2007 cando tiña 680 habitantes.
Xeografía A Barqueira esténdese pola marxe esquerda do río Mera e o seu afluente o Casás. Limita ao norte coa parroquia de Montoxo do concello de Cedeira; polo nordeste o regato Guitín sepáraa da parroquia ortigueiresa de Mera de Arriba até a Fervenza; polo leste linda con esta mesma parroquia de Ortigueira separada polo río Mera e coa parroquia dos Casás separada polo río do mesmo nome. Polo sur linda coa parroquia de San Xoán de Moeche no regato que baixa das Cabanas e desauga no Casás, seguindo o linde polo regato Vilachave até o lugar das Barbelas. Finalmente polo oeste limita coa parroquia de Cerdido.
A estrada AC-862 de Ferrol a Ribadeo atravesa esta parroquia pola súa parte occidental de norte a sur polos lugares da Casavella, Guelle, A Cruz Encarnada, O Feal, Barbas, A Lobeira, A Felgosa e As Barbelas.
Dende o lugar da Felgosa sae a estrada que vai a Espiñaredo e desde ese mesmo lugar sae percorrendo o val de Rioforcado outra estrada até Porto de Cabo.
A liña de FEVE Ferrol-Xixón pasa pola parte oriental da parroquia bordeando os ríos Mera e Casás. A estación que leva o nome de Cerdido está no lugar de Sollen, preto da estrada a Espiñaredo.
Historia A parroquia foi creada en 1896 con lugares da de Cerdido.
Patrimonio No lugar da Felgosa atópase a moderna casa do concello á beira da estrada AC-862. No lugar do Porto está a igrexa parroquial baixo a advocación de Antón de Padua, de recente construción e mais unha escola de indianos. Neste mesmo lugar existe un extenso campo de feira, moi concorrida noutros tempos.
Esta parroquia vén sendo o núcleo comercial do concello xa que celebra cada mes a feira do municipio. Na actualidade a celebración desta feira é a primeira fin de semana de cada mes pero tradicionalmente celebrábase o día 6.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares da Barqueira
Parroquias de Cerdido
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Cerdido
Categoría:Parroquias de Cerdido Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santo Antonio