O patriarcado ecuménico de Constantinopla ou Igrexa ortodoxa grega de Constantinopla é unha das 14 igrexas autocéfalas que fan parte da Igrexa ortodoxa, en comuñón entre elas. Está dirixida polo patriarca ecuménico de Constantinopla, actualmente.
Por mor da súa localización na capital do antigo Imperio Bizantino e o seu papel como Igrexa Nai da maioría das Igrexas ortodoxas modernas, o patriarca ten o rango de Primus inter pares 'o primeiro entre iguais' entre os prelados ortodoxos. A diferenza do oapa na Igrexa católica, non exerce control sobre as demais igrexas autocéfalas, que son completamente autónomas. Historia Comezos O bispado existe dende os comezos da cidade. Logo de que Constantino o Grande fixese medrar Bizancio para facer dela a nova capital imperial, no ano 330, pensouse que sería apropiado que o seu bispo, sufragáneo de Heraclea Pontica e considerado como sucesor de santo André o Apóstolo, debía ser o segundo en rango, só por detrás do bispo de Roma.
Por isto, en 381, o Primeiro Concilio de Constantinopla declarou que o bispo de Constantinopla debía ter a primacía de honor logo do Bispo de Roma, por ser a Nova Roma, aínda que os patriarcas refusaron confirmar este canon. Porén, o prestixio do cargo continuou a medrar non só polo apoio do emperador de Bizancio, senón tamén pola súa clara importancia física e xeográfica.
O Concilio de Éfeso de 431 elevou a sé de Costantinopla ao rango patriarcal. Durante moitas décadas os papas opuxéronse a isto, xa que defendían non só a súa posición, senón que tamén defendían o "principio petrino", segundo o cal todos os patriarcados derivaban de san Pedro e non se podía violar este principio xerárquico por razóns políticas.
Posteriormente, o Concilio de Calcedonia do 451 atribuíu a Costantinopla xurisdición sobre Asia Menor e sobre Tracia. Ademais, o canon XXVIII do concilio reafirmou a preeminencia de Constantinopla sobre as sés de Antioquía e Alexandría, así como a súa igualdade con Roma. Porén, o papa León I rexeitou aceptar dito canon tal e como estaba formulado, xa que a primacía debía corresponder ao papa. Disputas con Roma A disputa entre a Igrexa Latina e a Igrexa Bizantina medrou cando en 482 o emperador Zenón emitiu o edicto Henotikon de reconciliación entre os monofisitas e os duofisitas nestorianos, que durante anos se enfrontaron no Leste en discusións sobre a natureza humana ou divina de Cristo. Esta mediación foi condenada duramente polo papa Fiz III, que en 484 excomungou ao patriarca Acacio polo apoio ao emperador. O cisma acaciano terminou só en 519, cando o emperador Xustino I, fiel aos decretos de Calcedonia, recoñeceu a excomuñón de Acacio.
Porén, a crise non estaba completamente resolta, e cando no 535 foi elixido patriarca o monofisita Ántimo, co apoio da emperatriz Teodora, o papa Agapito I non o recoñeceu: o papa acusou ao patriarca de herexía e usurpación, co apoio de destacados membros do clero constantinopolitano. O patriarca, inicialmente apoiado polo emperador Xustiniano (que nese momento iniciou a campaña de reconquista de Italia), respondeu ordenando ao papa a mandar só na súa sé, mais ao perder o apoio imperial foi deposto e suspendido polo papa Agapito, quen consagrou como sucesor a Menas de Constantinopla (marzo de 536). O papa, porén, non sobreviviu moito tempo, finando no mesmo 536. Pouco despois o xeneral Belisario entrou en Roma, recuperando a cidade para o emperador Xustiniano. En Constantinopla, a emperatriz Teodora tentou reinstalar a Ántimo, facendo presión ao novo papa, Silverio. Tras negarse a ceder, Silverio foi arrestado en 537 e deportado a Licia, onde o clero local recoñeceu a súa inocencia e pediu ao emperador que puidese volver para Italia. Porén, á súa volta, foi encarcerado na illa de Ponza por orde do seu sucesor, Vixilio, onde morreu de fame poucos meses despois.
Porén, o mesmo Vixilio en 540 pronunciouse abertamente contra o monofisismo. Por iso, cando o emperador emitiu un edicto contrario á doutrina do Concilio de Calcedonia (A "condena dos Tres Capítulos", coa que se abriu cisma tricapitolino) co que buscaba reconducir as relacións cos monofisitas, o papa se opuxo. En 546 foi chamado a acudir a Costantinopla, onde foi feito prisioneiro. O emperador e o patriarca Eutiquio convocaron entón o Segundo Concilio de Costantinopa, no que foron condenados os Tres Capítulos e o orixenismo. En nome do emperador o patriarca Eutiquio pretendeu a súa aprobación dos canons conciliares de condena do nestorianismo. Logo de oito anos na prisión, o papa aceptou e, en 554, e a igrexa en Italia foi unida ao Imperio. O emperador promulgou a pragmatica sanctio, coa que estendeu a lexislación bizantina sobre Italia. Os papas pasaron entón baixo control estrito do exarca de Rávena e houberon de aceptar a organización relixiosa imperial chamada Pentarquía, é dicir, o goberno dos cinco patriarcados de Roma, Constantinopla, Xerusalén, Antioquía e Alexandría.
O desquite de Bizancio, porén, provocou graves consecuencias en Occidente, onde o norte de Italia, o Nórico e Baviera romperon a comuñón; dando lugar ao cisma dos Tres Capítulos. A separación durou preto dun século e afectou a un amplo territorio, incluíndo tamén Dalmacia e Iliria. A controversia monotelita miniatura|250px|Máximo o Confesor: pertencente ao clero de Costantinopla, Máximo pagou a súa oposición á doutrina do patriarca Serxio I coa amputación da man dereita e da lingua, antes de buscar refuxio en Exipto.
Entre tanto, as igrexas orientais continuaban a debater acerca da natureza de Cristo. Arredor do 610, nun intento de conciliar as diferentes posicións e de atraer de volta á Igrexa aos monofisitas de Exipto, o patriarca Serxio I desenvolveu a doutrina monotelita, que foi inmediatamente aceptada na corte imperial e na sé apostólica romana, ocupada polo papa Bonifacio IV. Porén, esta solución levou a novas disputas.
No 633 Serxio e o patriarca monofisita de Alexandría, Ciro, desenvolveron o monoerxismo, coa esperanza de que tivese unha mellor acollida, mais sen éxito. Coa morte de Serxio en 638, o emperador Heraclio tentou impor a unidade coa propia autoridade, ordenando co edicto Ekthesis a uniformación de todo o imperio segundo a doutrina monotelita, apoiado en occidente polo papa Honorio I. Porén, a súa orde era de difícil aplicación sobre os patriarcados de Xerusalén, Antioquía e Alexandría, cuxos territorios estaban a ser conquistados polos árabes. Aquí Sofronio e Máximo o Confesor opuxéronse libremente e abertamente ás doutrinas de Serxio.
Á vista das controversias, o mesmo papa Severino caeu na conta de que a doutrina monotelita podía constituír unha forma sutil de reintrodución do monofisismo, e rexeitou darlle a súa aprobación, como lle pedira o emperador. Como resposta, o exarca de Rávena, Isaac o Armenio, marchou sobre Roma, saqueando a sé papal (o palacio de Letrán).
O novo emperador Constante II, tentando pór fin as disputas relixiosas, promulgou no 648, baixo consello do patriarca Paulo II, un novo edicto, o Typos, que abolía o Ekthesis de Eraclio e que ameazaba coa morte ao que debatese ulteriormente sobre a natureza de Cristo. Porén, era demasiado tarde, e a sé apostólica romana pronunciouse abertamente contra o monotelismo. O papa Martiño I convocou un sínodo en Latrán no que se condenou definitivamente o monotelismo como xeito de tentar reconducir a herexía monofisita. O emperador ordenou o arresto de Martiño, mais isto non sucedeu até o 653. Unha vez capturado, Martiño foi conducido inicialmente a Sicilia, logo a Naxos, e finalmente a Costantinopla onde, logo de ser exposto ao escarnio público, foi condenado ao exilio en Quersoneso, Crimea.
A cuestión monotelita foi resolta arredor do 680, cun acordo entre o papa Agatón e o emperador Constantino IV para a convocatoria do Terceiro Concilio de Costantinopla, no que o monotelismo foi condenado, así como os seus propoñentes máis sobranceiros, o papa Honorio e o patriarca Serxio.
Ignacio e Focio miniatura|250px|Miniatura representando ao patriarca Ignacio I.
Coa definitiva perda de Palestina, Siria e Exipto a finais do século VII, as sés patriarcais de Xerusalén, Antioquía e Alexandría ficaron na órbita dos sultanatos árabes. A sé de Constantinopla pasou a ser o único centro eclesiástico da igrexa oriental, e a dialéctica entre a capital bizantina e Roma dominou a vida da Igrexa nos seguintes séculos.
En 847 foi elixido patriarca Ignacio I, terceiro fillo do emperador deposto Miquel I. Into iniciou unha dura loita política co emperador León III, que levou a que no 858 fora deposto por orde da rexente Teodora, quen lle substitúe por Focio I, o cal obtivo o recoñecemento dos legados papais en 861. Mais cando o propio Ignacio apelou ao papa Nicolao, este apoiouno con prontitude, convocando un sínodo en Roma no 863 no que se declarou ilexítima a deposición de Ignacio, excomungouse aos legados papais e ameazaba co mesmo castigo a Focio de persistir coa usurpación da sé patriarcal. Focio respondeu no 867 excomungando el mesmo ao papa, co apoio do emperador Miguel III.
Nese punto o Papa levou a disputa ao plano doutrinal, dirixindo unha encíclica aos bispos orientais para imporlles a uniformación segundo os costumes romanos, coa adición do filioque ao Credo, a obriga do celibato eclesiástico e da tonsura, o dereito exclusivo dos bispos de celebrar a crismación, o xaxún obrigatorio para o clero en sábado e o inicio da Coresma o Mércores de Cinsa.
A situación semellaba non ter solución, mais cando en 867 o emperador foi asasinado, o novo soberano Basilio I volveu a chamar a Ignacio, convocando en 869 o Sexto Concilio de Costantinopla, no que o papa Hadrián II proclamou a solemne reposición de Ignacio, e ao mesmo tempo declarou á Igrexa de Roma como «a primeira e a mestra de todas as Igrexas».
Porén, este éxito foi de curta duración, e cando finou Ignacio no 877 sucedeuno novamente Focio, coa aprobación do emperador Basilio e do mesmo papa Xoán VIII. Focio non tiña intención de abandonar as súas antigas posicións, e convocou un novo concilio en Constantinopla no 879 e 880, revogou as disposicións da asemblea precedente e abriu novamente as controversias doutrinais e teolóxicas con Roma. Declarou tamén Bulgaria como suxeita á súa autoridade. Estes actos levaron a que fose excomungado novamente polo papa, creando un novo cisma entre as Igrexas. A cuestión semellou resolverse en 886, cando o novo emperador León VI o Sabio botou a Focio, substituíndoo polo seu propio irmán, Estevo I. O papa Estevo V, así e todo, considerou dito procedemento irregular e excomungou o novo patriarca. O cisma finou coa chegada do patriarca Antonio II, mais xa na Igrexa de Oriente xurdira un sentimento que percibía a contraparte romana como cismática, acusándoa de afastada da ortodoxia nos aspectos sinalados por Focio.
Enfrontamento co poder político A Igrexa Bizantina, ademais, continuou a ter problemas co poder político. No 906 o patriarca Nicolao I o Místico opúxose á celebración do terceiro matrimonio do emperador León coa súa amante Zoe Karbonopsina, feito considerado como acto de fornicación e poligamia. Cando o emperador casou igualmente, nomeando a Zoe "Augusta", Nicolau excomungouno, sendo entón acusado de traizón e deposto. León nomeou como o seu substituto a Eutimio, quen era padriño de Constantino, o fillo que tivera con Zoe e herdeiro ai trono. Aínda que Eutimio mostrábase particularmente compracente co emperador, este só podía entrar en Santa Sofía como penitente, e coa emperatriz Zoe, á que se negaba o título de Augusta, a Igrexa bizantina dividiuse nun pequeno cisma, entre os contrarios e os partidarios do perdón ao emperador. Coa morte de León en 912, o seu sucesor Alexandre III volveu a chamar á sé patriarcal ao vello Nicolao, ordenando a deposición de Eutimio.