Frozen é un filme de animación musical estadounidense producido por Walt Disney Animation Studios. É o 53º filme animado producido polo estudio e está vagamente inspirado no conto de fadas A raíña das neves, do dinamarqués Hans Christian Andersen. O filme foi distribuído pola Walt Disney Studios Motion Pictures baixo o selo da Walt Disney Pictures e estreouse coa curtametraxe Get a Horse! o 27 de novembro de 2013 nos Estados Unidos.

En 2014 venceu na categoría de mellor filme de animación nos Premios Globo de Ouro de 2014, e gañou o Óscar ó mellor filme de animación e á mellor canción. É o 15º filme na lista das maiores recadacións na historia, sendo a segunda animación en superar a marca de 1 billón de dólares recadados; o primeiro foi Toy Story 3.

Sinopse Elsa, a filla máis vella do rei e da raíña de Arendelle, situado nalgún lugar de Noruega, naceu coa capacidade máxica de crear xeo e neve. Un día cando tiña once anos, mentres xogaba coa súa irmá Anna de oito, accidentalmente acértalle cun raio xeado; polo que se agocha de todos para aprender a controlar os seus poderes até o día da súa coroación. Despois de, accidentalmente, condenar o reino a un inverno eterno, Elsa foxe e autoexíliase nun castelo de xeo que ela mesma ergue coa súa maxia. Anna e Kristoff, un destemido mozo que traballa na montaña carrexando xeo cun carro e un reno, parten na procura de Elsa para traela de volta a Arendelle e reverteren o inverno en verán.

Elenco Kristen Bell como Anna con 18 anos. Con cinco anos é dobrada por Gabrielle e con nove por Katie Lopez. Cando é adolescente con quince anos durante o loito pola morte dos pais, a personaxe é dobrada por Agatha LeeMonn. Idina Menzel como Elsa xa adulta con vinte e un anos . Con oito anos é dobrada por Eva Bella. Con doce anos, mentres fala asustada cos pais sobre o aumento dos seus poderes, a personaxe é dobrada por Spencer Lacey Ganus. Jonathan Groff como Kristoff. Josh Gad como Olaf. Santino Fontana como Hans. Alan Tudyk como o Duque de Weselton. Chris Williams como Oaken. Maia Wilson como Bulda.

Produción Desenvolvemento As tentativas da Walt Disney Animation Studios en adaptar o conto de fadas A raíña das neves nunha longametraxe remóntanse a 1943, aínda que outras tentativas se fixeron na década de 1990 e en 2003.

Para conseguir o efecto de refracción da luz sobre o xeo da forma máis realista posíbel, os animadores do filme visitaron un hotel feito de xeo no Quebec, no Canadá. Para a ambientación da historia, Noruega foi usada como inspiración e escenario para o filme.

É o primeiro filme da Walt Disney Animation Studios desde Lady and the Tramp (A dama e o vagabundo) producido usando CinemaScope.

Anuncio O 22 de decembro de 2011, o estudio anunciou oficialmente o filme, xunto coa data de lanzamento, despois de case unha década de especulación pública sobre a súa produción. O 5 de marzo de 2012, anunciouse que a actriz Kristen Bell fora contratada para fornecer a voz de Anna, e que Chris Buck, que xa traballara co estudio dirixindo Tarzan, era o director do filme, xunto con Peter del Vecho na produción e John Lasseter na produción executiva. En xuño, anunciouse que Idina Menzel fora contratada para fornecer a voz de Elsa, e que as cancións orixinais do filme estaban a cargo dos compositores de Broadway Robert Lopez e a súa esposa Kristen Anderson-López. O 30 de novembro, foi anunciado que Jennifer Lee, a coguionista de Wreck-It Ralph, xuntouse a Buck como codirectora, tornándose así a primeira muller na historia a dirixir un filme para o estudio. O 19 de decembro, anunciouse que Jonathan Groff fora contratado para fornecer a voz de Kristoff. O 19 de febreiro de 2013, Christophe Beck foi anunciado como o compositor da banda sonora do filme.

Música A banda sonora de Frozen (Frozen (Original Motion Picture Soundtrack) - novembro de 2013) foi composta por Christophe Beck para a Walt Disney Records, coas cancións orixinais a cargo de Robert Lopez (música) e Kristen Anderson-López (letra), sendo así a segunda colaboración dos tres compositores coa Walt Disney Animation Studios.

Na Expo D23 realizada en agosto de 2012, a canción titulada "Let It Go" foi presentada e interpretada para o público. Na Expo D23 de 2013, a música foi novamente interpretada, desta vez por Idina Menzel, a dobradora de Elsa. Para promover o filme, unha variación pop da música foi interpretada por Demi Lovato e divulgada en outubro no YouTube. Outra variación, titulada "Libre Soy" e destinada a promover o filme no mercado latino-hispano, foi interpretada por Martina Stoessel e divulgada en novembro.

Estrea O filme estreouse xunto coa curtametraxe Get a Horse! o 27 de novembro de 2013 nos Estados Unidos e tamén en Galicia na versión castelá.

Recepción Crítica Despois do seu lanzamento, Frozen recibiu comentarios bastante positivos da crítica especializada. Rotten Tomatoes, que fai unha media da aprobación dun filme baseándose nas reportaxes recollidas, deu á animación unha clasificación de 89% en base a 176 comentarios. O consenso do sitio di o seguinte: "Marabillosamente animado, intelixentemente escrito e cheo de cancións ben interpretadas, Frozen é logo, outra boa entrada digna da Disney".

Premios Entre outros moitos premios tivo dous nomeamentos aos Oscar 2014. Gañou o Oscar ao Mellor filme de animación para Chris Buck e Jennifer Lee; e o de Mellor Canción Orixinal para Kristen Anderson-López e Robert Lopez.

Recibiu tamén un premio BAFTA, e o Globo de Ouro á Mellor Animación para Chris Buck e Jennifer Lee.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Frozen Fever

Categoría:Cinema de animación Categoría:Filmes de 2013 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes de 2013 en 3D Categoría:Filmes dirixidos por Jennifer Lee Categoría:Filmes dirixidos por Chris Buck Categoría:Filmes de Walt Disney Pictures Categoría:Filmes gañadores do Óscar á mellor canción orixinal Categoría:Globo de Ouro á mellor animación Categoría:Óscar ó mellor filme de animación Categoría:Filmes sobre orfos Categoría:Filmes sobre a realeza