Roberto Mera Covas, nado en Ponteareas en setembro de 1971, é un avogado, político e escritor galego.

Traxectoria

Licenciado en Dereito e en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como avogado e politicólogo en Ponteareas e foi tenente alcalde (BNG) do goberno municipal desta localidade .

En 1990 iniciou a súa traxectoria social e política como cofundador do Grupo Ecoloxista Adenco (Asociación para a Defensa da Natureza do Condado) do que foi máximo responsábel até 1995. Nas eleccións municipais de 1991 formou parte da candidatura do BNG e encabezouna nas eleccións de 1995, e foi portavoz dos tres concelleiros na corporación. Nese mesmo ano querelouse contra o alcalde José Castro Álvarez (PP) e sete membros do seu goberno, que resultaron inhabilitados en 2001. Nas eleccións municipais de 1999 e 2003 repetiu como cabeza de lista do BNG. No 2003, após obter o BNG cinco concelleiros, asumiu a responsabilidade de primeiro tenente de alcalde, logo de apoiar para a alcaldía a Francisco de Asís Candeira Mosquera, o candidato do PSOE e forza menos votada (dous concelleiros), quen acadou tamén o apoio do PP, pero foi desbancado cunha moción de censura en 2004. Nas eleccións municipais de 2007 foi o candidato á alcaldía máis votado, obtendo seis edís, pero un pacto in extremis entre o PP de Salvador González Solla e a UCPA de Nava Castro impediulle ser o alcalde de Ponteareas.

En paralelo coa política local, entre 1995 e 2009 ocupou diversas responsabilidades no BNG: responsábel comarcal no Condado, membro do Consello Nacional e da Executiva Nacional como Secretario de Política Municipal.

En 2009 abandonou a política activa aínda que continuou figurando nas candidaturas do BNG nas eleccións municipais de 2011 e 2015, neste ano como independente. O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas (BNG), incorporouno ao terceiro posto da candidatura das eleccións municipais de 2019. Tras eses comicios, nos que o BNG revalidou a alcaldía con nove concelleiros, asumiu a terceira tenencia de alcaldía e as concellarías de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá; Tráfico e Mobilidade; e Medio Rural. En maio de 2021, tras o falecemento do alcalde Xosé Represas e a toma de posesión da alcaldesa Cristina Fernández Davila, asumiu a primeira tenencia de alcaldía.

Realizou a investigación biográfica do seu tío-bisavó, o político e industrial Alejandro Viana Esperón, de quen publicou varios traballos e o libro Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos polo que recibiu o Premio de Investigación e Ensaio Antón Losada Diéguez (2022) e a súa versión en español Alejandro Viana. La proeza del rescate de los refugiados republicanos (Belagua Ediciones, 2022). En 2023 acadouu o IX Premio de Investigación Fermín Bouza-Brey, pola biografía do agrarista, político republicano e xornalista Amado Garra Castellanzuelo. Coautor do estudo Os nomes de Arcos. Inventario e estudo da toponimia e microtoponimia de San Breixo de Arcos (Ponteareas) (2019) e do Estudo sociolingüístico sobre a situación da lingua galega na parroquia de Arcos (Ponteareas) (2020).

Dende hai décadas participa no movemento social da parroquia de Arcos (Ponteareas) con responsabilidades directivas na súa comunidade de montes veciñal en man común e na casa cultural. É directivo da asociación cultural ponteareán Ronco&Fol formando parte do seu grupo de música tradicional.

Obras "Alejandro Viana Esperón, un achegamento á súa biografía", Pregón, 12, 2002. "Alejandro Viana Esperón, un galego á fronte da evacuación dos republicanos en Francia (1939-1941)", Grial, Extra 212, 2016. ISSN 0017-4181 Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos (2021). Vigo: Edicións Belagua. ISBN 9788412143386 Alejandro Viana. La proeza del rescate de los refugiados republicanos (2022). Vigo. Belagua Edicions. ISBN 978-8412443417

Premios

37 Premio Antón Losada Diéguez, 2022, en investigación, por Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos.

IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, 2023, cun traballo inédito sobre o dirixente agrarista Amado Garra.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Eleccións municipais en Ponteareas

Categoría:Concelleiros de Ponteareas

Categoría:Nados en Ponteareas Categoría:Nados en 1971 Categoría:Concelleiros de Galicia polo BNG Categoría:Concelleiros de Galicia durante a democracia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela