Methanosarcina acetivorans é unha especie de microorganismos do dominio das arqueas da familia Methanosarcinaceae. É un metanóxeno versátil que se encontra en ambientes tan diferentes como pozos de petróleo, vertedoiros de residuos, fontes hidrotermais abisais e sedimentos non oxixenados baixo leitos de kelp. Só M. acetivorans e outras especies do xénero Methanosarcina utilizan indistintamente as tres rutas coñecidas da metanoxénese. As Methanosarcinales, orde no que está incluída M. acetivorans, son, as únicas arqueas que poden formar colonias multicelulares e mesmo mostrar unha certa diferenciación celular. O xenoma de M. acetivorans é un dos maiores de todas as arqueas.

En 2006, James G. Ferry e Christopher House descubriron que M. acetivorans utiliza unha ruta metabólica descoñecida ata ese momento para metabolizar monóxido de carbono producindo metano e ácido acético para o que usa encimas ben coñecidas como a fosfotransacetilase (PTS) e a acetato quinase (ACK). Esta ruta é moi simple e foi proposta por Ferry e House como a probable primeira ruta metabólica que utilizaron os microorganismos primordiais.

Entre outras teorías sobre o metabolismo primordial están a teoría heterotrófica e a teoría quimioautotrófica, pero ambas as dúas recibiron críticas por ser demasiado complexas para ter xurdido espontaneamente. Porén, en presenza de minerais que conteñen sulfuros de ferro, tal e como se deberon encontrar nos sedimentos dos ambientes primordiais, o acetato sería convertido cataliticamente en acetato de tioéster, que é un derivado que contén xofre. Os microbios primitivos podían obter enerxía bioquímica en forma de adenosín trifosfato (ATP) convertendo novamente os acetatos de tioéster en acetato utilizando a PTS e a ACK, o cal novamente se converterá en acetato de tioéster para completar o proceso. Nun ambiente así, unha "protocélula" primitiva podería doadamente producir enerxía a través desta ruta metabólica, excretando acetato como produto residual. Ademais, a ACK cataliza a síntese de ATP directamente. Outras rutas xerarían enerxía a partir do ATP só a través de complexas reaccións multiencimáticas nas que interveñen bombas e gradientes quimioosmóticos a través da membrana.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Hipótese do mundo de ARN Orixe da vida

Ligazóns externas

Resolvendo o puzzle da vida en Astrobiology Magazine (17 de maio de 2006) . O xenoma de M. acetivorans revela unha gran diversidade metabólica e fisiolóxica Como comezou a vida: Novas investigacións suxiren un enfoque sinxelo Michael Schirber (LiveScience) 9 de xuño de 2006

Categoría:Arqueas Categoría:Orixe da vida