Jacob Julius Garfinkle, nado en Nova York o 4 de marzo de 1913 e finado na mesma cidade o 21 de maio de 1952 foi un actor estadounidense, coñecido como John Garfield.

Traxectoria Naceu nun pequeno piso de Manhattan, fillo de dous inmigrantes rusos xudeus e medrou no Yiddish Theater District. A súa nai nunca se recuperou do embarazo do seu irmán máis novo e morreu cando Garfield tiña sete anos. Os dous irmáns foron vivir con varios parentes, todos eles pobres. Eses anos pasou moito tempo nas rúas.

O seu pai volveu casar e mudouse a West Bronx onde Garfield se uniu a varias bandas, converténdose nun líder. Nesa época a xente descubriu a súa capacidade para a mímica. Foi enviado a unha escola para rapaces difíciles e baixo a guía do director Angelo Patri comezou a asistir a clases coa mestra Margaret O'Ryan, quen descubriu o seu talento natural para a interpretación.

Co apoio de Patri e O’Ryan comezou a actuar en obras de The Heckscher Foundation for Children. Entrou logo no American Laboratory Theater, que introduciu nos Estados Unidos o método de Stanislavsky, onde traballou pintando e construíndo escenarios. Tras un tempo que pasou vagabundeando polo país (Preston Sturges concibiu o filme Sullivan's Travels tras escoitar a historia de Garfield) debutou en Broadway en 1932 e entrou a formar parte do grupo teatral chamado " the Group ".

En 1938 debutou no cinema no filme Four Daughters, de Michael Curtiz, que lle valeu unha candidatura ao Oscar ao mellor actor secundario. O éxito fixo que Warner Bros. ampliase o seu contrato a sete anos. Porén, pouco despois tivo problemas co estudio porque lles esixía guións de calidade e acabou con suspensións, rexeitamento de papeis asignados e sen cobrar.

Durante a segunda guerra mundial tentou entrar no exército, pero foi rexeitado por problemas cardíacos e dedicouse a axudar no país, abrindo, con Bette Davis o Hollywood Canteen, club de comidas e diversión para os militares. Tamén viaxou entretendo as tropas e vendendo bonos de guerra, ademais de protagonizar filmes patrióticos como Destination Tokyo.

En 1946, cando expirou o seu contrato coa Warner, Garfield decidiu non renovalo e crear a súa propia produtora independente, sendo unha das primeiras estrelas en facelo.

Involucrado durante tempo en políticas liberais, foi investigado durante as décadas de 1940 e 1950. Cando foi chamado a declarar polo House Un-American Activities Committee, negouse a dar nomes de membros do partido comunista. Garfield tivo que abandonar o cinema por falta de traballo e volveu a Broadway en 1952.

O 20 de maio, malia os consellos do seu médico xogou varios enérxicos sets ao tenis e saíu cear, sentíndose enfermo de súpeto. Ao día seguinte apareceu morto. Probablemente os seus problemas de corazón foran agravados polo estrés de verse na lista negra. O seu funeral foi o maior na cidade de Nova York desde o de Rodolfo Valentino, con máis de dez mil persoas nas rúas.

Filmografía Four Daughters (1938) Four Wives (1939) Fixéronme un criminal (1939) Blackwell's Island (1939) Juarez (1939) Daughters Courageous (1939) Dust Be My Destiny (1939) Castle on the Hudson (1940) Saturday's Children (1940) Flowing Gold (1940) East of the River (1940) The Sea Wolf (1941) Out of the Fog (1941) Dangerously They Live (1941) Tortilla Flat (1942) Air Force (1943) The Fallen Sparrow (1943) Thank Your Lucky Stars (1943) Destination Tokyo (1943) Between Two Worlds (1944) Hollywood Canteen (1944) Pride of the Marines (1945) The Postman Always Rings Twice (1946) Nobody Lives Forever (1946) Humoresque (1946) Corpo e alma (1947) Gentleman's Agreement (1947) Force of Evil (1948) We Were Strangers (1949) Jigsaw (1949) Under My Skin (1950) The Breaking Point (1950) He Ran All the Way (1951)

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

John Garfield – The first Rebel "The Jewish Brando", Tablet Magazine

Categoría:Actores dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Manhattan Categoría:Nados en 1913 Categoría:Finados en 1952 Categoría:Lista negra de Hollywood