Cadea perpetua (en ) é un filme estadounidense estreado en 1994, dirixido e escrito por Frank Darabont. É unha adaptación da novela de 1982 de Stephen King titulada Rita Hayworth and Shawshank Redemption. Narra a historia de Andy Dufresne (Tim Robbins), un banqueiro sentenciado a cadea perpetua na Penitenciaría Estatal de Shawshank polo asasinato da súa muller e do amante desta, malia declararse inocente do feito. Pasa 19 anos no cárcere, onde traba amizade con outro preso, o contrabandista Ellis Boyd "Red" Redding. Amais, convértese nunha peza instrumental dunha operación de lavado de cartos liderada polo alcaide Samuel Norton (Bob Gunton), a quen deixa a descuberto perante as autoridades tras fuxir da prisión. William Sadler, Clancy Brown, Gil Bellows, e James Whitmore son outros dos actores principais do filme.
Darabont adquiriu os dereitos da historia de Stephen King en 1987, mais o desenvolvemento do filme non comezou ata cinco anos despois cando escribiu o guión do mesmo nun período de oito semanas. Dúas semanas despois de enviarlle o guión ó estudio de Castle Rock Entertainment, Darabont conseguiu un orzamento de 25 millóns de dólares para o filme, que comezou a súa preprodución en xaneiro de 1993. Malia que o filme está ambientado en Maine, a rodaxe principal tivo lugar entre xuño e agosto de 1993 case na súa totalidade en Mansfield, Ohio, co Reformatorio Estatal de Ohio como localización para o cárcere ficticio de Shawshank. A banda sonora do filme é obra de Thomas Newman.
Malia recibir críticas positivas trala súa estrea, en particular pola súa historia e polas actuacións de Robbins e Freeman, o filme non foi un éxito de recadación nos cinemas, con só uns 16 millóns de dólares mentres estivo nos cinemas. Daquela citáronse varios motivos para explicar este feito. Entre outros, alegábase a competición de filmes de éxito comercial como Pulp Fiction e Forrest Gump, a pouca popularidade dos filmes de temática penitenciaria, a falta de personaxes femininas e incluso o propio título do filme, xa que se consideraba confuso para a audiencia. Porén, o filme recibiu múltiples nomeamentos para varios premios, incluíndo sete nomeamentos ós Premios Óscar. Tras isto o filme reestreouse nos cinemas estadounidenses, o que fixo que en combinación cos ingresos internacionais a recadación do filme acadase finalmente os 58,3 millóns de dólares.
Nos Estados Unidos distribuíronse máis de 320.000 copias en VHS do filme, e grazas ós nomeamentos recibidos e ó boca a boca converteuse nun dos filmes máis alugados de 1995 no país. Turner Broadcasting System obtivo os dereitos de emisión do filme tras adquirir a produtora Castle Rock, co que se emitiu decote dende 1997 na canle TNT. Isto axudou a incrementar a súa popularidade, e a crítica considérao un dos mellores filmes da década de 1990. En 2015 a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos seleccionou o filme para a súa preservación no National Film Registry pola súa "importancia cultural, histórica ou estética".
Estreouse en galego o 2 de xuño de 2021 a través da TVG.
Sinopse En 1947 en Portland, Maine, o banqueiro Andy Dufresne é declarado culpable de asasinar a súa muller e o amante desta. É sentenciado a dobre cadea perpetua no Cárcere Estatal de Shawshank. Alí traba amizade con Ellis "Red" Redding, un preso contrabandista que está a cumprir cadea perpetua. Red conséguelle a Andy un martelo de xeólogo para tallar unhas pezas de xadrez e un gran póster de Rita Hayworth que colga na súa cela. Mentres está a traballar na lavandaría da prisión, a banda coñecida como "The Sisters" liderada por Bogs ataca e viola a Andy de forma regular.
En 1949 Andy escoita o capitán dos gardas, Byron Hadley, queixarse sobre os impostos dunha herdanza que ten que pagar, e ofrécese a axudalo a agochar os cartos de forma legal. Tras un ataque por parte de The Sisters que case mata a Andy, Hadley dálle unha malleira a Bogs deixándoo malferido. Tras isto trasladan a Bogs a outra prisión e non volven atacar a Andy. O alcaide Samuel Norton reúnese con Andy e reasígnao á libraría da prisión como axudante do ancián preso Brooks Hatlen. Andy comeza a tratar cuestións financeiras con outros traballadores da prisión, con gardas doutras prisións e co propio alcaide. Comeza tamén a escribir cartas semanais á lexislatura do estado solicitando fondos para mellorar a decadente biblioteca da prisión.
Brooks sae en liberdade condicional en 1954 tras 50 anos en prisión, mais non é capaz de afacerse ó mundo exterior e finalmente suicídase colgándose cunha corda. A lexislatura envía unha doazón para a biblioteca da prisión que inclúe unha gravación de Le nozze di Figaro. Andy reproduce o fragmento "Sull'aria...che soave zeffiretto" polo sistema de megafonía da prisión, e o alcaide castígao a pasar un tempo en illamento. Tras saír deste, Andy explícalle a Red que a esperanza é o que o axuda a seguir adiante, un concepto que Red descarta. En 1963 Norton comeza a explotar os reclusos para obras de traballo público. Obtén beneficios ó eliminar traballos cualificados e aceptar subornos. Andy ocúpase de lavar os cartos do alcaide usando o alias "Randall Stephens".
Tommy Williams chega á prisión en 1965 cumprindo unha condena por roubo. Faise amigo de Andy e Red, e Andy axúdao a aprobar o seu exame do sistema GED. Un ano despois Tommy cóntalle a Red e a Andy que o seu compañeiro de cela noutra prisión afirmara ser o responsable dos asasinatos polos que Andy fora condenado. Andy fálalle a Norton desta nova información, pero este rexeita escoitalo e volve a envialo a illamento cando Andy menciona o branqueo de capital. Norton ordénalle a Hadley que mate a Tommy facéndoo pasar por un intento de fuga. Andy intenta deixar o lavado de cartos, mais cede ante a presión de Norton, quen ameaza con destruír a biblioteca, eliminar a protección que lle dan os gardas e trasladalo a unha cela con condicións moito peores. Andy sae do illamento tras dous meses e confésalle a Red que soña con vivir en Zihuatanejo, unha vila costeira en México. Red promételle que se algún día sae de prisión viaxará ata un campo de feo específico preto de Buxton e procurará un paquete soterrado alí por Andy. Red preocúpase polo benestar de Andy, especialmente cando este lle pide a outro preso unha corda de dous metros.
Durante a revisión dos gardas ó día seguinte, os gardas atopan a cela de Andy baleira. Norton, enfadado, lanza unha pedra a un póster de Raquel Welch colgado na parede da cela por Andy, revelando un túnel que Andy cavara co seu martelo de xeólogo durante os últimos 19 anos. A noite anterior Andy usara a corda para escapar polo túnel e para atravesar unha tubaxe de augas residuais, levando consigo un traxe, uns zapatos e o caderno de contas de Norton, que contiña probas do seu branqueo de cartos. Andy utiliza a identidade falsa de Randall Stephens para sacar os cartos branqueados de varios bancos, e envíalle por correo o caderno xunto con outras probas da corrupción e dos asasinatos que tiveron lugar en Shawshank a un xornal local. A policía estatal chega a Shawshank e prende a Hadley, mentres que Norton se suicida dun disparo para evitar o arresto.
Tras sufrir unha condena de 40 anos, Red recibe finalmente a condicional. Cústalle adaptarse á vida fóra da prisión e teme non conseguilo nunca. Recordando a promesa que lle fixera a Andy, viaxa ata Buxton e atopa unha caixa agochada ó pé dunha árbore que contén cartos e unha carta de Andy na que este lle pide que viaxe ata Zihuatanejo. Red viola a súa condicional viaxando ata Fort Hancock, Texas, e cruzando alí a fronteira con México, admitindo que finalmente sente esperanza. Atopa a Andy nunha praia en Zihuatanejo, o que resulta na feliz reunión dos dous vellos amigos.
Elenco
Os principais actores e personaxes do filme son: Tim Robbins como Andy Dufresne, un banqueiro sentenciado a cadea perpetua en 1947 polo asasinato da súa esposa e do amante desta. Morgan Freeman como Ellis Boyd "Red" Redding, un preso contrabandista que se fai amigo de Andy no cárcere. Bob Gunton como Samuel Norton, o cruel alcaide do cárcere de Shawshank. William Sadler como Heywood, un dos membros do grupo de presos de Red. Clancy Brown como Byron Hadley, o capitán dos gardas da prisión. Gil Bellows como Tommy Williams, un mozo preso, condenado por roubo en 1965. James Whitmore como Brooks Hatlen, o ancián bibliotecario da prisión, preso dende comezos da década de 1900.
Outros dos actores e personaxes do filme son: Mark Rolston como Bogs Diamond, o líder da banda "The Sisters", un violador de presos; Jeffrey DeMunn como o fiscal no xuízo de Andy Dufresne; Ned Bellamy e Don McManus como os gardas Youngblood e Wiley respectivamente; e Dion Anderson como Head Bull Haig. Renee Blaine representa a muller de Andy, mentres que Scott Mann representa o amante desta, Glenn Quentin, un instrutor de golf. Frank Medrano actúa no papel de Fat Ass, un dos novos presos compañeiros de Andy que recibe unha malleira de morte por parte de Hadley, mentres que Bill Bolender actúa no papel de Elmo Blatch, un preso que podería ser o verdadeiro responsable dos crimes polos que Andy recibe a condena.
Análise Segundo Mark Kermode, a interpretación do filme pode basearse no misticismo cristián. Andy representa unha figura mesiánica como Xesucristo, do que Red afirma nos primeiros momentos do filme que ten unha aura que o arrodea e o protexe de Shawshank. A escena na que Andy e outros presos alcatranan o teito da prisión pode verse como unha recreación da Última Cea, na que Andy consegue cervexa para os doce presos (representando os apóstolos) e Red descríbeos como "os señores de toda a creación", invocando a bendición de Xesús. O director Frank Darabont afirmou que esta non fora a súa intención deliberada, senón que intentara que a audiencia procurase o seu propio significado no filme. O descubrimento da gravación de Le nozze di Figaro descríbese no guión do filme como algo semellante ó descubrimento do Santo Graal, provocando que tódolos presos paren de traballar e que os que están na enfermaría se ergan das súas camas.
Nunha das primeiras escenas do filme o alcaide Norton cita a Xesucristo para describirse a si mesmo, dicindo "Son a luz do mundo", declarándose como o salvador de Andy. Porén, segundo Kermode esta descrición pode facer referencia tamén a Lucifer, o portador da luz. Seguindo esta interpretación, o filósofo Alexander Hooke indica que o alcaide non impón as normas xerais da lei, procurando impoñer as súas propias normas e castigos segundo o seu propio criterio, converténdose el mesmo na propia lei e emulando o comportamento de Satán. Kermode indica que o alcaide tamén se pode comparar co 37º presidente dos Estados Unidos, Richard Nixon, xa que a súa aparencia e discurso semellan emular o deste, e Norton proxecta unha imaxe de home sagrado que sermona ás masas servís ó mesmo tempo que dirixe operacións corruptas.
miniatura|left|A reunión de Andy e Red filmouse nunha praia de Sandy Point, nas Illas Virxes