miniatura|280px|Caravaggio, Os xogadores de cartas, c. 1594. O xogo de aposta é un xogo de azar no que as persoas que interveñen (xogadores ou apostantes) pagan unha cantidade fixa ou variábel de diñeiro ou aportan un ben material (aposta), por predicir o resultado incerto do xogo a cambio de obter un premio económico ou material se a súa predición resulta certa.
Calquera xogo de azar, sen ser necesariamente un xogo de aposta, pode converterse nun xogo deste tipo mediante un acordo entre os xogadores, quen pactan unhas cantidades ou bens materiais que o(s) perdedor(es) debe(n) entregar ao gañador(es). Por exemplo, no xogo do tute pódese pactar unha cantidade fixa por partida que o(s) perdedor(es) debe(n) entregar ao(s) gañador(es); no xogo das bólas os rapaces participantes establecen regras para que as bólas cambien de propietario. Ademais, o xogo de aposta require a presenza de tres elementos: azar, premio e recompensa. Con frecuencia o desenlace da aposta é inmediato, como o simple lanzamento dun dado ou da bóla na ruleta, pero tamén son comúns apostas a medio ou longo prazo como ocorre nas apostas deportivas, algunhas das cales poden abranguer unha temporada completa.
En España réxense pola Lei 13/2011 de regulación do xogo. A institución pública responsábel de regular esta actividade en Galiza é a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza.
Os xogos de apostas son unha importante actividade comercial, cun mercado legal mundial estimado en 335.000 millóns de dólares no ano 2009.
Historia Prehistoria e Idade Antiga O xogo é tan antigo como a humanidade. Segundo o antropólogo Alfred Kroeber, era unha práctica habitual entre os pobos primitivos. É de supor que tamén apostaban algunha propiedade pola emoción do risco.
En Mesopotamia, Persia e Exipto, eran habituais os xogos con apostas. O historiador grego Plutarco relata a historia dun xogo de dados entre o rei persa Artaxerxes e a súa nai Parisatis. Algún tempo antes do xogo o rei mandoulle a un dos seus servos cortar a cabeza do seu irmán máis novo Ciro, quen tentara arrebatarlle o poder pero fora derrotado nunha batalla. Parisatis quería vingar a morte de Ciro e ofreceulle a Artaxerxes xogar unha partida amigábel de dados. Ela comezou perdendo á mantenta para provocar do rei apostas cada vez máis altas, chegando a incluír nelas ao servo que lle cortara a cabeza a Ciro. A raíña nai gañou e cobrou vinganza.
Os exipcios atribuíanlle a invención do xogo de apostas a Tot o deus da sabedoría e o coñecemento, e inventor da escritura; Plutarco narra tamén o mito exipcio dos deuses xogadores. Consérvanse xeróglifos das vellas dinastías que narran como foron establecidas leis anti-xogo contra o cuarto milenio a. C. Isto significa que o xogo de aposta ocupaba unha parte moi significativa na vida dos antigos exipcios. A parte dos xogos de dados e de taboleiro, eran moi populares os xogos de adiviñanzas como acertar cantos obxectos se agochaban nunha man pechada, ou cantos dedos estendía outro xogador.
A cultura india adoptou o xogo desde o comezo da súa civilización hai uns 4.000 anos. O Mahabharata, o gran poema épico indio datado contra o 1.500 a. C., comeza cun xogo de dados no que diferentes membros dunha familia real compiten polo trono. A historia, con remate feliz, inclúe dados trucados e perda de todas as posesións, incluída a propia muller, dun dos competidores. No século IV a. C., o texto Arthashastra recomendaba controlar e lexislar o xogo. Ademais dos xogos de dados e taboleiro, os indios eran moi afeccionados a apostar en loitas de animais, especialmente galos e carneiros. Había moitas casas de apostas supervisadas por un representante do rei para asegurar a orde e cobrar unha porcentaxe aos xogadores para as arcas reais.
Os xogos de apostas son inseparábeis da cultura chinesa, cando menos, desde o ano 1.000 a. C. Como na India, eran habituais as casas de xogos e as apostas en loitas de animais. Tamén gustaban de apostar en carreiras de cabalos. Os primeiros rexistros dunha lotaría son os cartóns Keno da Dinastía Han entre 205 e 187 a. C. Estas lotarías axudaron a financiar proxectos gobernamentais importantes, como a Gran Muralla Chinesa.
Grecia e Roma miniatura|250px|Ánfora decorada por Exequias representando a Aquiles e Áiax xogando aos dados durante a guerra de Troia (Museos Vaticanos). Os gregos atribuíanlle a orixe do xogo ao heroe Palamedes, quen os inventou para entreter ás tropas gregas durante a guerra de Troia. Un coñecido tema da cerámica grega é a escena de Aquiles e Áiax xogando aos dados durante a guerra de Troia. As competicións entre animais ou persoas xeraban un grande entusiasmo entre os gregos, apostando nelas cantidades fortes de diñeiro. As actividades preferidas para apostar eran as loitas de galos e as competicións deportivas, das que eran favoritas as incluídas nos Xogos Olímpicos, como a loita, o boxeo, as carreiras ou o lanzamento de disco. miniatura|250px|Les vêtements tirés au sort (As vestimentas -de Cristo- tiradas á sorte) de James Tissot (Brooklyn Museum). O xogo máis popular entre os romanos era o dos dados. Os soldados adoitaban apostar con este xogo. É coñecida a pasaxe do Novo Testamento na que os soldados que custodian a Xesús na cruz botan a sortes as súas vestimentas. A plebe non podía vivir sen o xogo; consumían case a diario todo tipo de espectáculos (loita de gladiadores, carreiras de carros, loitas entre animais e entre estes e humanos) onde se apostaban grandes cantidades. Os emperadores non eran alleos a esta adicción. Calígula converteu o seu palacio nunha auténtica casa de xogos. Tramposo e mal perdedor, cando sufría fortes perdas no xogo mandaba matar a uns cantos cidadáns ricos para apropiarse dos seus bens e deste xeito enxugar as perdas. Claudio apostaba fortes cantidades de diñeiro nunha soa tirada dun dado, aínda que era un xogador racional que mesmo escribiu un tratado sobre os dados. Nerón, Vitelio e Cómodo foron tamén grandes xogadores.
En Roma xogouse por primeira en Europa á lotaría, así Suetonio na súa obra A vida de 12 césares, narra os primeiros rexistros dunha oferta de billetes de lotaría para a venda organizada polo emperador romano César Augusto. Os recursos foran usados para amaños na cidade de Roma, e os vencedores recibiran premios en forma de artigos de valor desigual.
Paradoxalmente, a pesar do fervor apostante dos romanos, tiñan leis contra a súa práctica, leis que non eran aplicadas con moito rigor. Só nas Saturnais de decembro suspendíanse as restricións ao xogo. De acordo coa lei romana un gañador non podía reclamar xudicialmente o diñeiro gañado no xogo, así como non se lle podía esixir legalmente aos perdedores o pago das débedas do xogo.
O pobo romano tamén nos deixou referencias sobre o xogo noutros pobos coetáneos, neste sentido o historiador Publio Cornelio Tácito describía no ano 99 os estragos que facía o xogo entre os xermanos.
Xudaismo, cristianismo e islam Tanto a tradición católica como a xudía reprobaban o xogo con apostas . As autoridades xudías facíano ata tal punto que mesmo descualificaban aos xogadores profesionais para testemuñar nun xuízo. A Igrexa Católica sostén que non hai impedimento moral para o xogo de aposta mentres sexa xusto, isto é que tódolos xogadores teñan unhas posibilidades razoábeis de gañar, que non haxa fraude e que os resultados de cada partida nos sexan coñecidos previamente.
A lei islámica prohibe categoricamente o xogo de apostas pois considérao como un intercambio de bens que non é nin produtivo nin sancionábel, que ademais pode levar ao xogador a descoidar as súas obrigas relixiosas e incitar á violencia. Porén, no mundo islámico medieval estaban amplamente difundidos os xogos de apostas en tódolos estamentos sociais.
Idade Media e Renacemento miniatura|Apostantes retratados na sátira A nave dos necios (1494). Na Europa medieval os xogos de apostas volveron ser moi populares. Conta Ordericus Vitalis (1075-1143) que no seu tempo os clérigos e bispos eran moi afeccionados ao xogo dos dados. Durante a terceira cruzada os reis Ricardo Corazón de León de Inglaterra e Filipe Augusto de Francia estableceron restricións ao xogo prohibíndoo completamente entre os soldados e non permitindo perder máis de 20 xilins aos cabaleiros e clérigos. En 1334 promulgouse unha lei en Inglaterra que impedía en Nadal enmascararse para acudir a xogar aos dados. No século XV foi minguando a popularidade dos dados como xogo de aposta ao tempo que gañaban adeptos os xogos de cartas. Contra o final da Idade Media a lotería comezou a usarse como sistema para colocar mercadorías custosas que non chegaban a ser vendidas. Así, en 1446 a viúva do pintor flamengo Jan van Eyck promoveu esta lotería en Bruxas. O mesmo fixeron un século máis tarde os comerciantes venecianos e xenoveses. A primeira lotería inglesa tivo lugar en 1569 durante o reinado de Isabel I con premios consistentes en pezas de prata, tapices e diñeiro.
Idades moderna e contemporánea Durante o século XVII aparecen en Venecia uns locais clandestinos chamados "ridotti" onde a xente se reunía para xogar aos dados e ás cartas, prohibidos polo goberno veneciano. Conscientes de que a prohibición non era efectiva, no Carnaval de 1638 adaptouse unha parte do Palacio San Moisés para o xogo legal e chamárono "O Ridotto", o primeiro casino que funcionou no mundo. Tiña catro andares con numerosas salas e enormes lámpadas de candeas. Requiríase aos xogadores, agás a nobreza, que levasen máscaras de Carnaval; cobrábanse as bebidas e a entrada aos non xogadores. O Ridotto converteuse nun lucrativo negocio para o Estado
Contra 1768, cando o Ridotto era toda unha institución, abriuse un segundo casino legal en Venecia no Teatro San Cassiano. Os xogos daquela época incluían xogos de cartas, como o Basset ou o Faro, así como o Biribisso, un xogo do tipo da lotería similar ao Keno ou o Bingo.
O fervor italiano polo xogo cruzou as fronteiras e estendeuse á veciña Francia entre 1650 e 1800. O rei Lois XIV fixo dos xogos de sorte unha parte integral da vida cortesá. Neste período inventáronse en París os xogos do Bacará, a Ruleta e o Vinte e un; todos eles ideados de xeito que a casa leva unha pequena vantaxe, que os fai ideais para os organizadores de casinos. miniatura|250px|Casinos en Macau, unha das capitais mundiais do xogo. Houbo moitas tentativas de acabar co xogo en Francia antes da Revolución (1789-1799). En 1785 Luís Filipe Xosé I, duque de Orleans, decidiu permitir aos operadores de casinos abrir "clubs sociais" nos sotos do Palacio Real como un xeito de controlar a actividade do xogo ao tempo que rendía ganancias. Algunha vez estimouse que o número de cuartos adicados ao xogo eran máis de cen.
Mentres, os novos xogos de aposta atravesaron o Atlántico ata o enclave francés de Nova Orleáns. E contra 1796 unha cidade da Riviera, Monte Carlo, autoproclamouse como a "localización legal" dos xogos de casino en Europa.
Nos saloons e salas de xogo do Vello Oeste Americano naceron novos xogos mediante a modificación das regras dalgúns xogos europeos, así xurdiron o Blackjack, o Craps e o Póker. Ao igual que ocorrera en Europa, nos Estados Unidos batallaron pola moralidade dos xogos, mais deixaron a decisión de legalizalos a cada Estado da Unión. En 1931 só un Estado, Nevada, tiña legalizado o xogo, que levou ao crecemento explosivo de Las Vegas converténdoa na capital do xogo.
Na actualidade os casinos e o xogo é legal en moitos países, destacando a que fora colonia portuguesa de Macau onde se localiza o crecemento máis grande desta actividade. A regulación gobernamental garante un xogo xusto ao tempo que os impostos que gravan o xogo supoñen unha substanciosa fonte de ingresos para o estado.
Tipos de xogos de apostas Xogos administrados polo estado miniatura|esquerda|Cartel dunha administración de Lotería Nacional feito en azulexo.