Santo Estevo de Queiruga é unha parroquia que se localiza no oeste do concello do Porto do Son. Segundo o padrón municipal (INE 2020) ten 813 habitantes (388 homes e 425 mulleres) distribuídos en 10 entidades de poboación. Lugares desta parroquia son Gourís, Goltar, Cova da Braña, A Ponte, O Campo, Tarela, Tarrío, Seiras e Nadelas.
Ten tres pequenas praias, sendo a máis grande a de Seiras. A praia do Dique pode deber o seu nome ó afundimento dun barco dese nome nese lugar. Comunícase a través da estrada AC-550, que a cruza no tramo Ribeira - O Porto do Son.
Patrimonio histórico e artístico Igrexa parroquial A igrexa parroquial construíuse no século XII, se ben da construción románica orixinal só queda o presbiterio. No século XVIII foi reformada e ten elementos barrocos.
Ten planta de cruz latina con muros de carga co exterior de cantería e o interior de cachotería, que sosteñen unha bóveda de canón rebaixada na nave central. Dous arcos de medio punto sobre pilastras dan paso ás capelas laterais.
Na cabeceira un arco de medio punto dá paso ao presbiterio, cuberto por bóveda de canón sobre arcos faixóns apoiados en semicolumnas con capiteis e basas ornamentados. No lado do Evanxeo está a sancristía, de planta irregular adaptada ao terreo. Os canzorros da cornixa que se conservan na capela maior destacan no exterior, ao igual que o contraforte correspondente ao arco intermedio. A fachada é posterior, sobre a que vai un campanario de dous corpos cuberto por unha pequena cúpula.
No interior do templo consérvase unha lápida sepulcral romana dedicada a Rufinus Seiliensis, que ata o ano 1822 foi utilizada como pedra do altar na igrexaPonce Couce, Leandro e Sánchez García Jesús A. Galicia Guía do Patrimonio Arquitectónico (1998). Oleiros, Vía Láctea Editorial. p. 300.. Apareceu na praia de Silas e é de mármore branco, atopándose en bo estado de conservación. miniatura|Capela de Santa Lucía.
Capela de Santa Lucía A capela de Santa Lucía, do século XVII, é de estilo barroco. De nave rectangular, está formada por muros de cantería e cuberta a dúas augas. A capela maior está na cabeceira, máis estreita e de planta cadrada.
Os muros contan con dous pequenos ocos no presbiterio e a entrada lateral, xunto coa porta sinxela e unha pequena fiestra enriba dela. A cornixa sostén unha pequena espadana, de arcada única e rematada en pináculos.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Queiruga
Parroquias do Porto do Son
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Lugares do Porto do Son
Categoría:Parroquias do Porto do Son Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santo Estevo