A talina é unha proteína citoesquelética de alto peso molecular que se concentra nas rexións de contacto célula-substrato e nos linfocitos, nos contactos célula-célula. Descubrírona en 1983 Keith Burridge e colegas. A talina é unha proteína citosólica moi frecuente que se encontra en altas concentracións nas áreas de adhesión focal. Pode enlazar as integrinas ao citoesqueleto de actina de forma directa ou indirecta ao interaccionar coa vinculina e a alfa-actinina.

Os receptores de integrina están implicados na unión de células adherentes á matriz extracelular e dos linfocitos a outras células. Nestas situacións, a talina codistribúese con concentracións de integrinas na membrana plasmática. Ademais, os estudos de unión de proteínas in vitro suxiren que as integrinas se unen á talina, aínda que con baixa afinidade. A talina tamén se une con alta afinidade á vinculina, outra proteína citoesquelética que se concentra en puntos de adhesión celular. Finalmente, a talina é o substrato da protease activada por ións calcio calpaína II, a cal tamén se concentra nos puntos de contacto célula-substrato.

Dominios proteicos A talina consta dun grande dominio C-terminal que contén feixes de hélices alfa, un dominio medio e outro N-terminal chamado dominio FERM (banda 4.1, ezrina, radixina, e moesina) que comprende tres subdominios: F1, F2, e F3. O subdominio F3 do dominio FERM contén o sitio de unión para a integrina de maior afinidade para as colas da integrina β e é suficiente para activar as integrinas.

Dominio medio Estrutura O dominio medio da talina ten unha estrutura que consiste en cinco hélices alfa que se pregan formando un feixe. Contén un sitio de unión para a vinculina (VBS) composto por unha superficie hidrofóbica que abrangue cinco xiros da hélice catro.

Función A activación do sitio de unión á vinculina (VBS) causa o recrutamento de vinculina para formar un complexo coas integrinas, que colabora na estabilidade da adhesión celular. A formación do complexo entre o VBS e a vinculina precisa o previo despregamento do dominio medio: unha vez liberado do núcleo hidrofóbico da talina, a hélice do VBS está despois dispoñible para inducir o cambio conformacional chamado "conversión de feixe" no dominio da cabeza da vinculina para así desprazar a interacción intramolecular coa cola de vinculina, o que permite que a vinculina se una á actina.

Sitio de unión á vinculina

Función Os sitios de unión para a vinculina son dominios proteicos que se encontran predominantemente na talina e en moléculas do tipo da talina, que posibilitan a unión da vinculina á talina, establecendo unións célula-matriz mediadas pola integrina. A talina, á súa vez, une as integrinas ao citoesqueleto de actina.

Estrutura A secuencia consenso para os sitios de unión á vinculina é LxxAAxxVAxxVxxLIxxA, e predícese unha estrutura secundaria de catro hélices anfipáticas. Os residuos hidrofóbicos que definen o VBS están "enmascarados" e están agochados na parte central dunha serie de feixes helicoidais que constitúen a molécula con forma de barra da talina.

Activación da integrina αIIbβ3

Un informe dunha análise de estrutura–función publicado en 2007 proporciona un modelo estrutural convincente para explicar a activación da integrina dependente da talina, que consta de tres fases: O dominio F3 da talina, libérase das súas interaccións autoinhibitorias na proteína de lonxitude completa, e queda dispoñible para a unión coa integrina. O F3 únese á parte distal na membrana da cola da integrina β3, a cal queda ordenada, pero as interaccións α–β integrina que mantiñan a integrina na conformación de baixa afinidade permanecen intactas. Na etapa seguinte, o F3 únese á porción proximal na membrana da cola β3 mentres mantén as súas interaccións na parte distal da membrana.

Proteínas humanas que conteñen este dominio. TLN1; TLN2;

Notas

Véxase tamén Outros artigos Proteína de unión á actina Merlina, acrónimo de "Moesin-Ezrin-Radixin-Like Protein" (proteína de tipo moesina-ezrina-radixina)

Ligazóns externas MBInfo: Talina MBInfo: A talina activa a integrina Talin-1, entrada de UniProtKB/Swiss-Prot Q9Y490 Talin substrate for calpain – PMAP The Proteolysis Map (animación). Talin-1 Información con ligazóns en Cell Migration Gateway Talin-2 Información con ligazóns en Cell Migration Gateway

Categoría:Proteínas de membrana