Hlib Lonchyna, nado como Borys Sviatoslav Lonchyna o 23 de febreiro de 1954 en Steubenville (Estados Unidos), é un eclesiástico católico ucraíno, monxe estudita e, dende 2011, bispo da Sagrada Familia de Londres. Traxectoria Hlib Lonchyna naceu o 23 de febreiro de 1954 nunha familia de ascendencia ucraína en Steubenville, no territorio da eparquía ucraína de Parma.
En 1975 entrou no mosteiro dos estuditas de Grottaferrata, e o 19 de decembro de 1976 fixo a profesión solemne como monxe estudita. Posteriormente, o 3 de xullo de 1977 foi ordenado sacerdote dos estuditas polo arcebispo maior de Lviv Yosyf Slipyi.
Licenciouse en Teoloxía bíblica pola Pontificia Universidade Urbaniana en 1979, e posteriormente exerceu o seu ministerio na parroquia de San Nicolao de Passaic (Nova Jersey). En 1994 trasladouse a Ucraína, onde foi director espiritual do seminario maior de Lviv. Posteriormente continuou os seus estudos, doutourándose en Teoloxía litúrxica poloa Pontificio Instituto Oriental en 2001.
O 11 de xaneiro de 2002 foi nomeado bispo auxiliar de Lviv e bispo titular de Bareta. Recibiu a consagración episcopal o 27 de febreiro, de mans do arcebispo maior Liubomyr Huzar, e tivo como principais co-consagrantes ao arcebispo de Filadelfia Stefan Soroka e ao bispo de Sambir-Drohobych Yulian Voronovskyi.
O 14 de xaneiro de 2003 foi nomeado visitador apostólico para os greco-católicos ucraínos de Italia, e procurador do arcebispo maior ante a Santa Sé. O 4 de marzo de 2004 foi nomeado tamén visitador apostólico para España e Irlanda.
O 6 de decembro de 2004 foi nomeado bispo auxiliar de Kíiv, ao trasladarse a esta cidade a sé arquiepiscopal maior.
En xaneiro de 2009, foi nomeado Dionisio Lachovicz como visitador apostólico para España e Italia, mais Lonchyna seguiu a ser visitador apostólico para Irlanda.
O 2 de xuño de 2009 foi nomeado administrador apostólico do exarcado apostólico de Gran Bretaña, e o 14 de xuño de 2011 exarca apostólico. Coa elevación da sé ao rango de eparquía, pasou a ter o título de bispo da Sagrada Familia de Londres.
Logo do pasamento de Aliaksandr Nadsan o 15 de abril de 2015 os fieis greco-católicos bielorrusos no Reino Unido pasaron a depender da eparquía da Sagrada Familia de Londres.
Notas
Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados no condado de Jefferson, Ohio Categoría:Relixiosos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Estuditas ucraínos Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Bispos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Bispos católicos do Reino Unido Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Alumnos do Pontificio Instituto Oriental Categoría:Alumnos da Pontificia Universidade Urbaniana