Rebeliom do Inframundo é un grupo de rap en galego con orixe en Ponteareas e con sede en Vigo. Os seus membros son Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC), Frank (MC/Produtor), Movementss (Produtor) e Pol (DJ). Traxectoria O grupo comezou a súa traxectoria no ano 2005, o seu nome provén do lugar onde se xuntaban (Inframundo) en Ponteareas. Inicialmente a banda comezou con tres compañeiros desa vila que se xuntaron para facer música, segundo eles nacida da raiba e a frustración, eses primeiros membros eran: Nervo (MC), Rustiko (MC) e Rapu (DJ).
Anos despois editaron a maqueta Rebeliom do Inframundo (2009) e o seu primeiro disco físico A Sorpresa (LP, 2012) producido e scratcheado case integramente por DJ Rapu, agás dous temas que correron baixo a produción de "Acid Lemon" e "Ebanni". O disco foi gravado na XREC (Vigo) e foi editado baixo o selo independente vigués "Track Asedio". Despois deste traballo, o grupo parou a súa actividade e DJ Rapu deixou a banda.
Tempo despois fíxose pública a volta de Rebeliom do Inframundo cunha nova formación, incorporándose á banda Malvares de Moscoso, antigo membro da banda de rap galega Os Trasnos de Moscoso, o MC vigués "Frank", pertencente ao colectivo "Verso Libre", un novo produtor musical "Movementss" e o mando dos pratos un novo DJ, "Ichi". Xuntos deron forma ao que sería o novo traballo da banda, Lume e Rebeliom presentado en abril de 2016 en Vigo. Neste disco incluíron colaboracións vocais co músico irlandés Brian Brody e a voz de Iria Medranho. Tras este disco participaron en varios festivais e salas, tocando en Portugal, Madrid e Euskadi. En 2017 rematou a xira Lume e Rebeliom por Portugal.
A comezos de 2019 saíu o seu novo LP, "Ilegal", autoeditado xunto á produtora viguesa Galunk Producións e o grupo entrou nunha nova etapa como banda, coa inclusión de Movementss nos seus directos e o cambio de DJ entrando Dj.Pol a formar parte da formación oficial do grupo. O novo traballo contou con producións de Frank, Baghira, J.CNNR, Beatbusta e Movementss, así como a colaboración vocal da banda valenciana Mafalda.
En 2022 foron Premio Martín Códax da Música. En marzo de 2023 publicaron o seu cuarto disco, titulado Amor ou barbarie, un traballo con 17 temas e con colaboracións como as de Wöyza, Hard GZ, Iria Medraño ou Treintañeras cañeras.
Discografía
Álbums Rebeliom do Inframundo (2009) A Sorpresa (2012) Lume e Rebeliom (2016) Ilegal (2019) Amor ou Barbárie (2023) Orgulho (2026)
Sinxelos
Ti (2023) Bachata da Morte (2023) Copérnico (2023) Nada é para sempre II (2024) Contra vento e marea con Fillas de Cassandra (2024) Insaciables (2025) Sube (2025) Balas (2026) Bate fado (2026) Nada (2026)
Aparece en
A Forza da Razón de Arrhythmia (2017) Pobo de Artistas de Dakidarría (2021)
Notas
Categoría:Grupos musicais de Ponteareas Categoría:Grupos musicais en galego Categoría:Ponteareas Categoría:Grupos de hip hop de Galicia