San Cristovo de Portomouro é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Val do Dubra. Segundo o IGE en 2020 ten 358 habitantes (189 mulleres e 169 homes) distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación aos anos 2004, cando tiña 422 habitantes, e 1999, con 482.
Situación Portomouro atópase no cruzamento de camiños que van dende Santiago de Compostela cara ao norte, para as terras de Bergantiños (Carballo) pola AC-1914, e para as terras do Xallas (Santa Comba) pola AC-404.
Economía Portomouro vive principalmente do sector servizos e do traballo co gando vacún. Subsisten explotacións particulares de produción leiteira para a industria láctea complementada coa recría para a venda.
Patrimonio Como recursos naturais e etnolóxicos destacan os paseos nas beiras do río Tambre, con vexetación autóctona (carballos, bidueiros, amieiros, freixos etc.).
A Pedra do Home é un conxunto de tres sepulturas antropomorfas.
Nesta parroquia sitúase a capela prerrománica de Novais que podería datar entre os séculos IX-X. Esta capela, podería ter a orixe no mosteiro de Novalis, mencionado na Historia compostellana no ano 1108, nunha doazón onde se sinala o sitio como in ripa Tameris de Monasterio Novallis. O territorio do mosteiro foi afectado pola desamortización de Mendizábal no século XIX. A Igrexa perdeu o terreo pero, tras pasar por mans dunha familia adiñeirada, volveu caer en mans do arcebispado de Compostela. A Igrexa esqueceu estas terras durante máis de 100 anos e no 2006 quixo reclamar a renda a unha parella de labregos: Carmen Barca e José Lamas. Os devanceiros de José Lamas traballaron estas terras de Val do Dubra a cambio dun arrendamento en especie, tivo que pagarlle á Igrexa 8 toneladas de millo, 320 quilos de fabas brancas e 3,76 €.
A finais de novembro de 2021 diferentes administracións reuníronse para informar que a Xunta de Galicia iniciou os traballos de prospección arqueolóxica, estudo e documentación dos restos desta capela. Esta actuación permitirá coñecer as orixes desta edificación e poñer en valor os xacementos arqueolóxicos máis significativos de Galicia. En concreto, a intervención vaise centrar no estudo deste ben para documentalo de cara a súa catalogación e protección futura. Para iso, vaise realizar unha prospección arqueolóxica intensiva dos restos da capela e do contorno inmediato, así como un estudo histórico da mesma que incluirá, polo menos, a busca de información nos arquivos parroquiais próximos ao lugar e máis no Arquivo Histórico Diocesano.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Portomouro
Parroquias de Val do Dubra
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Val do Dubra
Categoría:Parroquias de Val do Dubra Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Cristovo