John Winston Ono Lennon, nado John Winston Lennon en Liverpool o 9 de outubro de 1940 e finado en Nova York o 8 de decembro de 1980, máis coñecido por John Lennon, foi un músico e compositor británico que saltou á fama como un dos membros fundadores de The Beatles, unha banda de rock británico activa durante a década de 1960, e recoñecida como a de máis éxito comercial e aclamada pola crítica na historia da música popular. Xunto con Paul McCartney formou unha das parellas de compositores máis exitosas do século XX.

Naceu e creceu en Liverpool, onde sendo adolescente se familiarizou co xénero musical skiffle, formando a banda The Quarrymen, que posteriormente, en 1960, se convertería en The Beatles. Cando o grupo comezou a desintegrarse ata a súa disolución a finais desa década, Lennon iniciou unha carreira coma solista, marcada por varios álbums aclamados pola crítica, incluíndo John Lennon/Plastic Ono Band e Imagine, e cancións icónicas coma «Give Peace a Chance» e «Imagine».

Demostrou un carácter rebelde e un enxeño mordaz na música, o cine, a literatura e o debuxo, así como nas súas declaracións en conferencias de prensa e entrevistas. Ademais, el e a súa muller, Yoko Ono, estiveron sempre rodeados da polémica debido ó seu constante activismo pola paz. En 1971 mudouse a Nova York, onde a súa oposición á guerra de Vietnam deu lugar a numerosos intentos por parte do goberno de Richard Nixon de expulsalo do país; mentres, as súas cancións foron adoptadas coma himnos polo movemento contra a guerra. Despois do seu autoimposto retiro en 1975 da industria musical, para dedicarlle máis tempo á súa familia, volveu en 1980 con Double Fantasy. Lennon foi asasinado tres semanas despois dese lanzamento.

No ano 2012, as vendas de Lennon coma solista nos Estados Unidos superaban os catorce millóns de unidades e, ben coma intérprete, autor ou coautor, é responsábel de vinte e sete números un no Billboard Hot 100. Unha enquisa da BBC en 2002, situouno no oitavo posto dos «100 británicos máis importantes», mentres que en 2008 foi cualificado pola revista Rolling Stone como o quinto mellor cantante de tódolos tempos. Despois da súa morte foi incluído en 1987 no Salón da Fama dos Compositores, e no Salón da Fama do Rock en 1994.

Traxectoria Os primeiros anos (1940-1957) miniatura|250px|Casa do 251 de Menlove Avenue, onde Lennon viviu a maior parte da súa nenez. Lennon naceu en plena batalla de Inglaterra, o 9 de outubro de 1940, no Hospital de maternidade de Liverpool. Fillo de Julia (apelidada de solteira Stanley) e Alfred Lennon, un mariño mercante de ascendencia irlandesa que estaba ausente no momento do parto. Seus pais puxéronlle de nome John Winston na honra do seu avó paterno, John "Jack" Lennon, e o primeiro ministro británico do momento, Winston Churchill. Seu pai estaba frecuentemente fóra da casa pero enviaba con regularidade cheques ó número 9 de Newcastle Road en Liverpool, onde vivía John coa súa nai; mais os cheques deixaron de chegar cando Alfred se ausentou en febreiro de 1944. Seis meses máis tarde fixo unha aparición esporádica, ofrecéndose a coidar da familia, pero Julia, preñada daquela doutro home, rexeitou a idea. Despois de que a súa irmá, Mimi Smith, se queixase por dúas veces ós Servizos Sociais de Liverpool, Julia deixoulle á súa irmá o coidado do pequeno John. En xullo de 1946, o pai visitou a Mimi e levou ó seu fillo a Blackpool, coa secreta intención de emigrar a Nova Zelandia con el. Julia e maila súa parella naquel tempo, 'Bobby' Dykins, seguíronos e, despois dunha acalorada discusión, o pai forzou ó seu fillo de cinco anos a elixir entre os dous. John elixiu a seu pai mais, cando a súa nai marchaba, rompeu a chorar e seguiuna. Tiveron que pasar vinte anos ata que John volveu ver de novo o seu pai. Julia levou o seu fillo para a súa casa e mesmo chegou a matriculalo nunha escola local, pero poucas semanas despois devolveullo á súa irmá Mimi.

O resto da súa infancia e adolescencia viviu cos seus tíos Mimi e George Smith, quen non tiñan fillos de seu, no 251 de Menlove Avenue en Woolton, un suburbio de Liverpool. A súa tía mercáballe libros de relatos curtos, e o seu tío, un muxidor na granxa familiar, comproulle unha harmónica e iniciouno na resolución de encrucillados. A súa nai Julia, visitábao con regularidade, e cando John cumpriu 11 anos comezou tamén a acudir con regularidade á súa casa en Blomfield Road, onde ela lle poñía discos de Elvis Presley, apendeulle a tocar o banjo e mostroulle como tocar "Ain't That a Shame" de Fats Domino.

John visitaba con frecuencia o seu curmán, Stanley Parkes, quen vivía en Fleetwood, Lancashire. Parkes era sete anos máis vello ca el e adoitaba levalo ós cines locais:. Durante as vacacións escolares visitaba a John acompañado de Leila Harvey, outra curmá, e ían a Blackpool dúas ou tres veces semanais para ver espectáculos. Adoitaban ir ó Circo da Torre de Blackpool, e vían artistas coma Dickie Valentine, Arthur Askey, Max Bygraves e Joe Loss; Parkes recordaba que a John lle gustaba especialmente George Formby. Logo de que a familia de Parker se mudase a Escocia, os tres curmáns reuníanse alí con frecuencia durante as vacacións escolares. Parkes lembra: "John, a curmá Leila e mais eu estabamos moi unidos. Desde Edimburgo viaxabamos ata a pequena granxa familiar en Durness, isto foi no tempo en que John tiña entre nove e dez e seis anos". Cando tiña catorce anos morreu o seu tío George dunha hemorraxia hepática o 5 de xuño de 1855, ós 52 anos

Lennon criouse nun ambiente anglicano e acudía á Escola Primaria Dovedale. Os estudos de secundaria fíxoos na Quarry Bank High School en Liverpool, desde setembro de 1952 ata 1957. A súa curmá Laila descríbeo nesta época coma un rapaz despreocupado, con bo humor, de trato fácil e con ganas de vivir. Con frecuencia deseñaba bandas cómicas que aparecían na revista escolar, que el mesmo facía, chamada The Daily Howl, mais a pesar do seu talento artístico, os seus informes escolares eran bastante críticos: "Está certamente no camiño do fracaso ... sen esperanza ... un pallaso na clase ... facendo perder o tempo a outros alumnos".

A súa nai comproulle a primeira guitarra en 1956, unha barata Gallotone Champion acústica para a cal lle prestou a John cinco libras e dez xilins coa condición de que a guitarra fose enviada á casa da nai, e non á de Mimi, pois sabía que a súa irmá non apoiaría as aspiracións musicais de John. Os escepticismo de Mimi cando John dicía que un día sería famoso, facíalle desexar que co tempo chegaría a aburrirse da música, e frecuentemente dicíalle: "Todo iso da guitarra está moi ben, John, pero nunca chegarás a vivir dela". O 15 de xullo de 1958, cando Lennon tiña 17 anos, a súa nai morreu atropelada por un policía bébedo cando viña de visitar o seu fillo na casa da súa irmá. A morte da súa nai achegouno á amizade con Paul McCartney, a quen tamén na adolescencia lle morrera a nai de cancro de peito. En 1968, escribiría unha canción titulada "Julia" no seu honor.

John non aprobou o exame para obter o certificado de Secundaria, e foi aceptado no Liverpool College of Arts logo da intervención da súa tía, quen amosou algúns debuxos do seu sobriño, e do director. Pronto gañou reputación no novo centro como boicoteador das clases e ridiculizador de profesores. En consecuencia, foi excluído das clases de pintura e, máis adiante, do curso de artes gráficas, e ameazóuselle coa expulsión polo seu comportamento estrafalario. Suspendeu o exame anual a pesar da axuda que lle prestou a súa moza Cynthia Powell, e tivo que deixar a escola antes do último ano de estudos. En 1962 casaría con Cynthia por estar embarazada do seu fillo Julian

Cando mozo, desenvolveu unha forte miopía e viuse obrigado a levar lentes: no comezo da súa etapa con The Beatles levaba lentes de contacto ou de sol, pero en 1966 readoptou as lentes circulares que o farían famoso.

Desde The Quarrymen ata The Beatles (1957-1970) 1957–66: Formación, irrupción comercial e anos de xiras miniatura|Lennon (á dereita) tocando con the Beatles en 1964 en plena Beatlemanía. Ós quince anos, Lennon formou un grupo de skiffle chamado The Quarrymen. No verán de 1957 tocaron un repertorio de enérxicas cancións feitas metade de skiffle e metade de rock and roll. Lennon coincidiu con McCartney na segunda actuación de The Quarrymen o 6 de xullo en Woolton, nunha festa no xardín da igrexa de San Pedro, despois da cal Lennon lle propuxo a McCartney que se unise á banda.

McCartney di que a tía Mimi "estaba moi pendente de se os amigos de John eran de clase baixa", e frecuentemente trataríaos con condescendencia cando ían visitar a Lennon. Segundo Mike, o irmán de Paul, o pai deles tampouco aprobaba as relacións de Paul, dicindo que Lennon o ía meter "en problemas", aínda que despois permitiría ensaiar á novel banda na sala da casa familiar dos McCartney no 20 de Forthlin Road. Nesta época, Lennon escribiu a súa primeira canción con 18 anos, "Hello Little Girl", que chegaría a estar no top 10 do Reino Unido cinco anos máis tarde interpretada por The Fourmost.

McCartney propuxo o seu amigo George Harrison como guitarrista principal. Lennon pensaba que Harrison, daquela un rapaz de 14 anos, era moi novo. McCartney arranxou unha audición no piso superior dun bus de Liverpool, onde Harrison tocou para Lennon o tema instrumental "Raunchy" cun resultado satisfactorio, polo se uniu ó grupo. Stuart Sutcliffe, un amigo de Lennon do College of Arts, uniuse máis tarde coma baixista. Lennon, McCartney, Harrison e Sutcliffe transformáronse en "The Beatles" a principios de 1960. En agosto dese ano, The Beatles foron contratados para 48 actuacións en Hamburgo e necesitaban desesperadamente un batería, polo que lle preguntaron a Pete Best se quería unirse ó grupo e este aceptou. Lennon tiña 19 anos e a súa tía arrepiouse cando John lle contou o da viaxe a Hamburgo, implorándolle que, no canto diso, continuase cos seus estudos de arte. Despois da primeira estadía en Hamburgo, a banda aceptou unha segunda en abril de 1961, e unha terceira en abril de 1962. Lennon e os demais membros da banda introducíronse no consumo do Preludin en Hamburgo, e tomábano con regularidade, xunto con anfetaminas, como estimulante durante as longas actuacións nocturnas.

Brian Epstein, o representante de The Beatles desde 1962, non tiña experiencia previa na xestión artística, mais tivo unha forte influencia na maneira de vestir do grupo e na súa actitude no escenario. Inicialmente Lennon resistíase a aceptar os consellos de Brian para adoptar unha aparencia profesional, pero acabouno aceptando. McCartney comezou a tocar o baixo despois de que Sutcliffe decidise quedar en Hamburgo, e Ringo Starr substituíu a Best na batería, completándose así a formación que perduraría ata a disolución do grupo en 1970. O primeiro sinxelo da banda "Love Me Do", saíu en outubro de 1962 e acadou o número 17 nas listas británicas de éxitos. Gravaron o seu álbum de estrea, Please Please Me, en menos de dez horas o 11 de febreiro de 1963, un día no que Lennon estaba doente dun arrefriado, o cal queda patente nas voces da derradeira canción que gravaron ese día, "Twist and Shout". O dúo compositor Lennon-McCartney é responsábel de oito das catorce cancións do álbum. Con poucas excepcións, entre as que se atopa a do propio título do álbum, Lennon trouxo o seu gusto polos xogos de palabras apoiándose nas letras das súas cancións, dicindo: "Escribimos xustamente cancións ... cancións pop con non máis pensamento que crear un son. E as palabras son case irrelevantes". Nunha entrevista de 1987, McCartney dixo que os outros Beatles idolatraban a John: "Era coma o noso pequeno Elvis ... Todos nos admirabamos a John. Era o máis vello e, con moito, o líder; o de máis rápido enxeño e o máis elegante".