Xosé Otero Abeledo, alcumado como Laxeiro, nado en Donramiro (Lalín) o 23 de febreiro de 1908 e finado en Vigo o 21 de xullo de 1996, foi un pintor galego, un dos responsables da renovación da arte galega no século XX e membro do grupo Os Renovadores.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Foi o maior de sete irmáns dunha familia de labregos. Os seus pais emigraron a Cuba, mais el quedou en Lalín coa súa avoa, da man de quen coñeceu relatos fantásticos e mitolóxicos da tradición oral galega. A súa mestra, Teresa López González, animouno a desenvolver os seus dotes artísticos, regalándolle lapis e cadernos e falándolle dos grandes mestres do Museo do Prado.
Aos 13 anos viaxou á Habana para encontrarse coa súa familia. Alí traballa como axudante de escenografía no Teatro Martí ás ordes do mestre catalán Manuel Roig. O coñecemento da escenografía teatral foi un factor decisivo na construción do seu discurso estético. Polas noites asistía a clases nocturnas no Plantel de Enseñanza Concepción Arenal do Centro Galego da Habana. Na capital cubana viu as primeiras exposicións artísticas, unha de Ignacio Zuloaga e outra de Xesús Corredoira. Logo de traballar como proxectista de vidreiras artísticas na Casa Ballesteros Hermanos, en 1925 regresou a Galicia afectado dunha grave enfermidade pulmonar.
Xa decidido a dedicarse á arte, fíxose barbeiro de feira co propósito de evitar as tarefas do campo e poder pintar. Percorreu a comarca do Deza e debuxou escenas populares, gando, grupos de labregos e comerciantes, paisaxes rurais. Máis tarde traballou como oficial nunha barbería en Lalín, onde montou un cabalete para retratar a clientela, estudando as súas faccións e especializándose no retrato, co obxectivo de poder presentarse á proba de ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
Laxeiro capta nos seus retratos a complexidade psicolóxica dos seus modelos, demostrando dende o principio un talento extraordinario para o xénero do retrato psicolóxico. Clientes, paisanos, veciños, familiares e amigos foron os seus primeiros modelos nun período que para el, segundo as súas propias verbas, significa a etapa da súa verdadeira formación. É nesta época cando se converte nun debuxante compulsivo que sempre se acompañará dun lapis ou unha pluma e un papel, algo que acabará sendo unha característica definitoria da súa personalidade durante toda a súa vida e a causa de que exista unha produción debuxística tan extensa do artista. Laxeiro irá avanzando na consecución do seu proxecto estético a través dun traballo de ensaio, sempre a partir do debuxo rápido, da posta en práctica dos diferentes problemas técnicos, formais ou estéticos que irán xurdindo ao longo da súa carreira. Esta relación tan estreita co debuxo queda reflectida en innumerables bosquexos, nos que se poden ler inscricións como Buscando cousas, Aprendendo e sempre aprendendo etc. Laxeiro mostra unha fe no debuxo que o levará a afirmar que é como o pentagrama dun cadro, a partir do que se articula toda a obra.
Nesa época coñeceu a Luisa Villamarín, a súa futura esposa, coa que terá a súa única filla, Mari Cruz. Entre 1928 e 1929 colaborou como artista gráfico nos diarios Faro de Vigo e El Pueblo Gallego publicando unha serie de "monos". Dáse a coñecer así en toda Galicia, a través dos dous xornais máis lidos naquela época, como artista novo ao que haberá que ter en conta.
Década de 1930 Durante 1931 e 1932 obtén senllas bolsas de estudos do Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra, grazas ás que viaxa a Madrid para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Alí visita asiduamente o Museo do Prado, onde coñece a obra de Velázquez, Tiziano, O Greco e Goya, quen xunto con Rembrandt son as dúas grandes influencias da súa xuventude. O tratamento do clarescuro da pintura barroca do neerlandés e a fascinación polo popular do aragonés marcaranlle un itinerario. Polas noites visitará, case a diario, o faladoiro de La Granja El Henar, onde terá oportunidade de escoitar autores como Valle-Inclán, García Lorca, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Castelao ou Antón Villar Ponte, o que lle achegará unha rica fonte de información e aprendizaxe, reforzando unha actitude de compromiso co proxecto renovador, no contexto republicano e de reformulación do nacionalismo galego.
En 1933 retorna a Galicia formado como artista cunha mentalidade renovadora, moi próxima á sensibilidade da Xeración do 27. Comeza a frecuentar os faladoiros dos cafés en Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, onde se está fraguando o movemento renovador da arte galega.
En 1934 realiza a súa primeira exposición individual na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela, coa axuda de Carlos Maside e Luís Seoane no transporte e montaxe. Francisco Fernández del Riego loa a exposición, da que admira o seu compromiso coa busca de novas linguaxes para a pintura galega. Nesta exposición, composta por numerosos debuxos e unha ducia de óleos, pódense ver por primeira vez obras tan emblemáticas como Xoguete (tamén coñecida como Carrotón de nenos, actualmente da Colección Fundación Laxeiro/Concello de Vigo) ou Mascarón, da mesma colección, nas que se aprecia unha acusada personalidade a través dunha figuración texturada, con reminiscencias do granito. Carnavalada é unha peza expresionista que remite ás pinturas negras de Goya, ao esperpento valleinclanesco e ao expresionismo alemán. Nesta exposición nace o Laxeiro granítico que encontra inspiración na rica tradición escultórica galega, utilizando todas as características que definirán a súa obra destes anos, como son a texturación das superficies —sempre pintadas con espátula—, unha paleta cromática tenebrista de cores terrosas e unha figuración ás veces idealizada, que conecta co Picasso neoclásico, e ás veces crítica, en relación coa chamada Nova Obxectividade que, dende Alemaña, artistas como Otto Dix reivindicaban como reacción ao fracaso das vangardas de descomposición da imaxe, entendidas dentro do proxecto revolucionario de liberación do proletariado. Laxeiro recorda como a exposición foi un relativo éxito para o mundo intelectual e artístico máis avanzado e un auténtico fracaso de vendas nun contexto social e cultural pouco preparado para unha pintura comprometida como a súa. Coa exposición de Santiago gañara o respecto do mundo artístico máis innovador e a súa xuventude auguráballe un futuro prometedor.
Tamén en 1934 casa con Luisa Villamarín, e en 1935 realiza unha exposición en Pontevedra, nunha sala da Rúa Michelena. O golpe de Estado que deu pé á guerra civil española colleuno preparando unha exposición de debuxos en Vigo, e en 1937 foi recrutado como soldado forzoso no bando sublevado. Foi destinado á fronte de Asturias, onde coñeceu o poeta Celso Emilio Ferreiro, con quen compartiu unha fonda amizade até a morte do escritor.
Década de 1940: de Pontevedra a Vigo miniatura|300px|José Otero Abeledo: Axudante gratuíto de clases prácticas de Debuxo e Traballos Manuais no Instituto de Pontevedra Ao final da guerra instalouse en Pontevedra, non sen certo medo a represalias pola súa pertenza ao Partido Galeguista e a súa amizade coa intelectualidade nacionalista e republicana. Neste período deu clases de plástica no Instituto Valle Inclán de Pontevedra e realizou varios murais: o do Cine Balado en Lalín (hoxe desaparecido) e o do Café Moderno en Pontevedra, titulado O manancial da vida (1941). Esta obra foi pintada ao seco sobre unha parede de ladrillo, e ten influencia da pintura mediterránea e a luminosidade e o ritmo compositivo das escenas corais de Tiziano, sen perder as súas raíces románicas e medievalistas. A composición barroquizante e o tratamento granítico dos personaxes constitúen todo un manifesto sobre a nova pintura, coa que Laxeiro quixo celebrar a vida nuns anos escuros para a arte e a cultura. Laxeiro pintou este mural como reacción á decadencia provinciana, consciente da súa misión de compromiso histórico coa pintura do momento que el entende dende unha visión ecléctica e internacionalista, combinando a Tiziano e Botticelli co mestre Mateu e o Barroco, dende o seu particular xeito de entender a figuración.
En 1942 Laxeiro decidiu establecerse en Vigo, onde formou parte activa dun grupo de intelectuais e artistas que converteron a cidade no verdadeiro motor intelectual da Galicia de posguerra, un período que culminou coa fundación da Editorial Galaxia en 1950. A principios da década de 1940 Vigo tiña varios atractivos que explican que funcionase como auténtico destino de exilio interior nunha época de represión sen tregua á disidencia do novo réxime. En primeiro lugar, gozaba dunha potente actividade empresarial, focalizada principalmente no mundo da pesca, a industria conserveira e a construción naval, o que dotaba a cidade dunha burguesía economicamente poderosa, que demandaba bens culturais e retratos de encargo. Ademais, o feito de non posuír status de capital de provincia e, polo tanto, carecer de delegación do Goberno funcionou como reclamo para un colectivo situado baixo sospeita polo novo réxime. Por último, a situación estratéxica do seu porto convertía Vigo en punto de conexión coa Galicia exterior, situada principalmente na Arxentina, Cuba e México.
Laxeiro pintou sen descanso e expuxo en varias salas da cidade. En 1946 expuxo na Galería Estilo de Madrid, sendo cualificada pola crítica como a mellor exposición da tempada. En 1947 expuxo en Bilbao, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra etc. O artista recordaba eses anos como anos de fame e moito traballo. Realizou murais nas tabernas frecuentadas pola bohemia da cidade e compaxinou o seu compromiso coa renovación plástica, coa realización de numerosos retratos de encargo que a burguesía do momento demandaba en plena bonanza económica. En Vigo frecuentou aos seus amigos Urbano Lugrís, Mario Granell, Xohán Ledo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Carlos Maside.
En 1946 pintou Trasmundo, un fito na súa carreira co que deu por pechado o período granítico. Trasmundo, actualmente na Fundación Laxeiro / Concello de Vigo, é unha obra fundamental na historia da arte galega do século XX. Nela están presentes as características da pintura do Laxeiro da época: horror ao baleiro, cromatismo tenebrista, mestura de linguaxes e códigos e unha narrativa fascinada polo pensamento máxico da nosa cultura popular. Hai quen viu nesta obra unha homenaxe ao Pórtico da Gloria do seu admirado mestre Mateu, mais tamén ten certo paralelismo coa literatura fantástica de autores como H. P. Lovecraft, cuxa obra foi traducida por primeira vez ao español naqueles anos.
Ao final da década Laxeiro é un artista a pleno rendemento. Os seus ingresos non veñen precisamente da súa obra máis interesante, senón máis ben de encargos de murais e retratos da burguesía industrial da cidade. Como sucedeu na súa primeira exposición individual de Santiago de Compostela, o público seguía sen estar preparado para adquirir a produción máis innovadora do artista, mais o seu especial talento para o retrato permitiulle subsistir de forma digna e seguir adiante co seu proxecto renovador.
miniatura|300px|Laxeiro, Francisco Fernández del Riego, Luís Seoane e outros no porto de Buenos Aires en 1954
1951-1970: Etapa en Buenos Aires En 1951 viaxou a Buenos Aires, onde quedou até 1970, período que tivo unha importancia decisiva, tanto vital coma artística. Chegou invitado a participar nunha exposición na Galería Velázquez, organizada polo Centro Galego e comisariada por Luís Seoane co propósito de dar a coñecer un grupo de creadores galegos. A intención de Seoane era facer unha exposición soamente con obra de Laxeiro e Carlos Maside, pero o interese da organización por mostrar máis autores galegos fixo que accedese a incluír o resto de artistas que finalmente participaron na mostra.