Santa Mariña de Cambados é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Cambados na comarca do Salnés. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2025 tiña 6 943 habitantes (3 590 mulleres e 3 353 homes), distribuídos en 4 entidades de poboación, o que representa un descenso respecto ó ano 2016, cando tiña 6 992 veciños, pero un aumento respecto a 2010. cando eran 6 840.

O IGE unificou a poboación da parroquia no lugar de Cambados, non desagregando os habitantes dos lugares de Fefiñáns, San Tomé e Santa Mariña.

Patrimonio A parroquia de Santa Mariña toma nome da Igrexa de Santa Mariña Dozo, construción románica tardía do século XII, parcialmente derruída tras un incendio no século XIX, da que se conservan os impoñentes arcos de pedra e a torre almeada. Esta igrexa está ó pé do Monte da Pastora, que alberga unha pequena ermida e un miradoiro con vistas sobre a ría de Arousa e o casco urbano de Cambados.

Perfectamente visible dende o miradoiro atópase a torre de San Sadurniño, construción pertencente ó complexo defensivo de Compostela xunto coa torre da Lanzada e as torres de Oeste (Catoira). Esta torre está edificada nun illote ó pé do barrio de San Tomé e atópase parcialmente derruída, mantendo en pé dous dos muros perimetrais que configuran unha esquina. O illote é accesible a pé mediante unha ponte de recente construción.

No mesmo barrio de San Tomé, e mesmo en fronte ó porto homónimo, atópase o pazo de Montesacro e a súa escalinata imperial. Hoxe en día o pazo é propiedade da Igrexa e realiza labores de asilo dos anciáns.

Saíndo do barrio de San Tomé camiño do centro urbano, podemos percorre-la rúa do Hospital, con construcións típicas e varios pazos. Neste percorrido atópanse dúas capelas.

Xa no centro urbano, hai diversas prazas, pazos e casas señoriais, ademais da Igrexa parroquial de San Francisco e a reitoral contigua.

Avanzando cara ao barrio de Fefiñáns atopámonos co conxunto do pazo de Fefiñáns. Trátase dun enorme patio de armas de planta sensiblemente cadrada, delimitado no sur e leste polo pazo de Fefiñáns e ó norte pola igrexa de San Bieito, as dúas construcións renacentistas dos séculos XV e XVI.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Cambados

Parroquias de Cambados

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Cambados

Categoría:Parroquias de Cambados Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa Mariña