As sulfatases son un tipo de encimas da clase das esterases que catalizan a hidrólise de ésteres sulfato, quitando grupos sulfato dos seus substratos. Estes encimas poden actuar sobre unha gran variedade de substratos, entre os que están esteroides, carbohidratos e proteínas. Os ésteres sulfato poden formarse tamén a partir de varios alcohois e aminas. Neste último caso os N-sulfatos resultantes poden denominarse sulfamatos.
As sulfatases exercen importantes funcións no ciclo do xofre no medio ambiente, na degradación de glicosaminoglicanos sulfatados e glicolípidos no lisosoma, e na remodelación de glicosaminoglicanos sulfatados no espazo extracelular. Xunto coas sulfotransferases, as sulfatases forman a principal maquinaria catalítica para a síntese e degradación de ésteres sulfato.
Distribución e importancia
Atópanse sulfatases desde bacterias a organismos superiores. Nos eucariotas superiores encóntranse nos espazos intra e extracelulares. A esteroide sulfatase exprésase en moitos tecidos do corpo, o que permite que os esteroides sintetizados nas glándulas adrenais e gónadas sexan desulfatados trala súa distribución polo sistema circulatorio. Un gran número de sulfatases están localizadas nos lisosomas, un orgánulo dixestivo ácido da célula. As sulfatases lisosómicas clivan diversos carbohidratos sulfatados, como os glicosaminoglicanos sulfatados e os glicolípidos. Poden orixinarse defectos xenéticos que afectan á actividade das sulfatases debido a mutacións en sulfatases individuais e isto ten como resultado certos trastornos de almacenamento lisosómico cun espectro de fenotipos que comprende diversos defectos no desenvolvemento físico e intelectual.
Estrutura tridimensional
As seguintes sulfatases están relacionadas estruturalmente baseándose na súa homoloxía de secuencias: cerebrósido sulfatase esteroide sulfatase arilsulfatase A (ASA), un encima lisosómico que hidroliza cerebrósidos sulfato; arilsulfatase B (ASB), que hidroliza o grupo éster sulfato dos residuos de N-acetilgalactosamina 4-sulfato do dermatán sulfato; arilsulfatase C (ASD) e E (ASE); esteril-sulfatase (STS), un encima unido a membranas que hidroliza 3-beta-hidroxi esteroide sulfatos; iduronato 2-sulfatase (IDS), un encima lisosómico que hidroliza os grupos 2-sulfato do ácido idurónico no dermatán sulfato e heparán sulfato; N-acetilgalactosamina-6-sulfatase , que hidroliza os grupos 6-sulfato da N-acetil-D-galactosamina do condroitín sulfato e as unidades D-galactosa 6-sulfato do queratán sulfato; N-sulfoglicosamina sulfohidrolase , un encima lisosómico que hidroliza a N-sulfo-D-glicosamina dando glicosamina e sulfato; glicosamina-6-sulfatase (G6S), que hidroliza as unidades de N-acetil-D-glicosamina 6-sulfato do heparán sulfato e queratán sulfato; N-sulfoglicosamina sulfohidrolase , o encima lisosómico que hidroliza a N-sulfo-D-glicosamina dando glicosamina e sulfato; arilsulfatase do embrión de ourizo de mar ; arilsulfatase de algas verdes , que intervén na mineralización de sulfatos; e arilsulfatase das bacterias Escherichia coli, Klebsiella aerogenes e Pseudomonas aeruginosa.
Proteínas humanas que conteñen este dominio ARSA; ARSB; ARSD; ARSE; ARSF; ARSG; ARSH; ARSI; ARSJ; ARSK; GALNS; GNS; IDS; PIGG; SGSH; STS; SULF1; SULF2;
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Resumo en rndsystems.com "Annotation of the sulfatase gene family" en mad-cow.org
Este artigo incorpora texto en dominio público procedente de Pfam e InterPro IPR000917.
Categoría:Hidrolases Categoría:Proteínas de membrana