O metal cristián, tamén denominado nalgúns medios white metal, é unha forma do heavy metal definida habitualmente polo mensaxe das letras dos temas musicais e a afiliación declarada dos membros dos grupos musicais ao cristianismo. A produción desta música adoita facerse e distribuirse a través de estacións de radio e selos discográficos considerados dentro do momemento cristián.

Os grupos de metal cristián atópanse dentro de tódolos subxéneros do heavy metal, tendo a característica común entre eles a temática das letras. As temáticas cristiás e relixiosas adoitan mesturarse coas temáticas habituais de cada un dos xéneros nos que se encadran os grupos. Algúns estudos argumentan que a subcultura do metal cristián fornece aos seus membros unha forma alternativa de profesar a súa relixión, ofrecéndolles unha alternativa diferente ao heavy metal máis tradicional con mensaxes máis escuros ou negativos.

O metal cristián xurdiu a finais dos anos 1970 como forma de evanxelización da escena musical do heavy metal, con grupos pioneiros como os estadounidenses Resurrection Band e Petra e os suecos Jerusalem. Nos anos 1980 o grupo estadounidense Stryper acadou un éxito considerable, seguidos dos tamén estadounidenses Tourniquet e os australianos Mortification nos anos 1990. O grupo de rap metal P.O.D. e os grupos de metalcore Underoath, Demon Hunter, As I Lay Dying e Norma Jean atraeron a atención dos medios principais cara este movemento na primeira década do século XXI, acadando posicións notables na lista Billboard 200.

Notas

Categoría:Subxéneros do heavy metal Categoría:Cristianismo