Tamandua mexicana é unha especie de mamífero placentario da orde dos pilosos e familia dos mirmecofáxidos, unha das dúas que integran o xénero Tamandua.
É un oso formigueiro propio de Centroamérica e o norte de Suramérica, solitario, que se encontra en numerosos hábitats de selvas e de sabanas áridas, e que se alimenta de formigas e térmites, que atrapa coa súa longa e pegañente lingua. Coñécese vulgarmente como tamanduá mexicano ou tamanduá setentrional.
Descrición 250px|miniatura|esquerda|Retrato visto de fronte. É de tamaño mediano, ollos pequenos, orellas relativamenmte grandes e fociño longo, aínda que non tanto como o do oso formigueiro xigante . Mide entre 50 e 80 cm de lonxitude (cabeza e tronco), máis entre 40 e 65 cm do cola. Pesa entre 3,5 e 8,5 kg. A cola é prénsil, adaptación á súa vida arborícola.
A súa pelaxe, curta, mesta e áspera, é de cor amarela pálida na maior parte do corpo, cun parche distintivo de pelaxe negra nos costados, as costas e os ombros, cuxa forma semella un chaleco. A presenza deste patrón de coloración fai posíbel distinguir esta especie do seu parente do sur, Tamandua tetradactyla, o tamanduá meridional, que ten unha cor máis uniforme.San Diego Zoo's Animal Bytes: Tamandua or Lesser Anteater. Consultada o 17-01-2016.
A cola só ten pelo na parte superior sobre aproximadamente un terzo da súa lonxitude.
As patas dianteiras teñen catro dedos rematados en uñas fortes, que utiliza para romper os niños de formigas e térmites, e para defenderse; as traseiras teñen cinco dedos, coas uñas menos potentes.
Comportamento É un animal non agresivo, que case sempre foxe ante un perigo. Solitario, ten hábitos nocturnos e arbóreos. Pasa a maior parte do tempo nas árbores, e o seu desprazamento en terra é bastante dificultoso.VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, p. 81.
Porén, ás veces, cando está ameazado en terra, pódese defender erguéndose sobre as patas traseiras e golpear ao agresor coas fortes gadoupas das patas dianteiras.
Aliméntase basicamente de formigas e térmites, pero tamén doutros insectos, e das súas larvas, que localizan baixo a codia dos troncos e pólas das árbores.
A xestación dura 5 meses, tras os cales a femia pare unha cría.
Distribución O oso formigueiro mexicano distribúese desde México até o norte de América do Sur. En México encóntrase na vertente do Pacífico, desde Michoacán e a Huasteca Potosina, e na vertente do Golfo, até Chiapas e a península do Iucatán. No estado de Guerrero rexistrouse nas zonas de San Marcos, Acahuizotla e Chapolapa.
Taxonomía Descrición A especie foi descrita en 1860 polo científico suízo Henri Louis Frédéric de Saussure nun traballo publicado na Rev. Mag. Zool. París, ser. 2, 12: 9.Tamandua mexicana en MSW.
Sinónimos Ademais de polo nome que lle adxudicou Saussure, e que é o válido actualmente, foi coñecido polos sinónimos: Tamandua leucopygia Gray, 1873 Tamandua quadridactyla True, 1884 250px|miniatura|Distribución das subespecies de Tamandua mexicana.En verde: Tamandua mexicana instabilis. En amarelo: Tamandua mexicana punensis. En vermello: Tamandua mexicana mexicana. En azul: Tamandua mexicana opistholeuca.
Etimoloxías O nome xenérico, Tamandua, procede do tupí-guaraní tamanduá, que significa "comedor de formigas", é dicir, "oso formigueiro".tamanduá no DRAE. O específico, mexicana, fai referencia á súa distribución xeográfica.
Subespecies Na actualidade recoñécense as seguintes subespecies: Tamandua mexicana mexicana Saussure, 1860 - México, Guatemala, Belize, Honduras, O Salvador Tamandua mexicana instabilis J. A. Allen, 1904 - Venezuela, Norte de Colombia Tamandua mexicana opistholeuca Gray, 1873 - Nicaragua, Costa Rica, Panamá, Colombia Tamandua mexicana punensis J. A. Allen, 1916 - Ecuador, Perú
Status de conservación En 2014 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o status de Tamandua mexicana como LC (pouco preocupante) debido á súa ampla distribución, a suposta amplitude da súa poboación, a que se encontra nunha serie de áreas protexidas, á súa tolerancia a pequenas modificacións do seu hábitat, e porque é pouco probábel que a súa poboación estea diminuíndo o suficiente como para cualificala nunha categoría ameazada.Tamandua mexicana na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, p. 341. McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8. Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8. Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0. VV. AA. (1968): Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 78–83.
Outros artigos Pilosos Mirmecofáxidos Tamandua Tamandua tetradactyla Oso formigueiro xigante
Ligazóns externas Tamandua mexicana na ADW. Abundante imnformación, imaxes, mapas de distribución e bibliografía Tamandua mexicana na EOL.
Categoría:Placentarios Categoría:Animais descritos en 1860 Categoría:Mamíferos de América Central Categoría:Mamíferos de México Categoría:Mamíferos de Colombia Categoría:Mamíferos de Ecuador Categoría:Mamíferos do Perú Categoría:Mamíferos de Venezuela