A revolta de Carnota foi un episodio bélico acontecido no contorno de Carnota no ano 1130, relativamente ben documentada pola documentación medieval. Enfrontou a Arias Muñiz, arcediago de Trastámara ás ordes de Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago, contra o pobo insurrecto de Carnota liderado polo nobre Rodrigo Pérez de Traba, no seu Castelo de San Xurxo, situado no célebre macizo carnotán do Monte Pindo.

Contexto No século XII, un conflito afectou á Igrexa de Santiago de Compostela cando Arias Muñiz, arcediago de Trastámara, foi capturado e maltratado en terras baixo xurisdición do conde Rodrigo Pérez de Traba, fillo do conde Pedro Froilaz de Traba. O episodio aparece recollido na Chronicon Compostellanum e exemplifica a tensión entre poder secular e autoridade eclesiástica.

Arias Muñiz exercía como arcediago da Igrexa de Santiago en territorios adscritos aos castelos de Castelo de San Xurxo, Traba e Ferreira. O seu labor pastoral caracterizábase, segundo a crónica, pola "predicación austera" e pola vontade de instruír tanto ao clero como ao pobo local, descritos na fonte medieval como “idiotas e case indisciplinados”.

A revolta e captura Os habitantes desas terras, tanto cabaleiros como campesiños, movidos —segundo a crónica— por “instinto diabólico”, rebeláronse contra o arcediago. Capturárono e agredírono fisicamente. Privárono dos seus cabalos, vestidos e bens, tanto a el como aos seus acompañantes. Finalmente, foi encarcerado “sen misericordia” probabelmente no Castelo de San Xurxo, no Monte Pindo, por ser o único dos castelos citados na crónica que se sitúa na zona do conflito.

Reacción do arcebispo O feito causou profunda dor ao arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez. Tras consultar cos seus cóengos en capítulo, ordenou retirar todos os crucifixos da catedral, como sinal de dó. Os cóengos vestirían de loito e celebrarían o oficio divino en silencio. Ademais, excomungou as terras vinculadas aos castelos implicados, castigando así colectivamente aos responsables. Desta excomuñón quedou un vestixio arqueolóxico, na inscrición de anatema gravada na pedra na aba do Pico Penafiel, no Monte Pindo.

Resposta do conde O conde, temendo a excomuñón e a inimizade do arcebispo, mandou liberar de inmediato ao arcediago, restituíu todos os bens perdidos e presentouse en Compostela para purgar o delito e cumprir xustiza en favor da Igrexa.

Tras longas discusións entre o conde e o arcebispo sobre a honra da Igrexa e o ultraxe cometido, o conde declarou que non ordenara nin consentira a captura, e prestou xuramento solemne sobre os Evanxeos, no coro da catedral de Santiago, ante clero e pobo, acompañado de once nobres: García Pérez, Pedro Gutiérrez, Pedro Diácono, Pelaio Curvo, Salvador Núñez, Arias Muñiz, Pedro Muñiz, Martín Sánchez, Juan Gutiérrez, Nuño Peláez e Muñiz.

Por último, o Rodrigo comprometeuse a entregar os labregos participantes na captura, xunto con todas as súas herdades e propiedades, en mans do arcebispo, para que este lles aplicase a xustiza que considerase; e do mesmo xeito, a retirar os feudos e prebendas aos cabaleiros nobres implicados e apartalos do seu servizo ata que a Igrexa quedase plenamente satisfeita.

Resolución do conflito Unha vez estabelecidos os compromisos, conde e arcebispo reconciliáronse e fixéronse “bos amigos”. O arcebispo aplicou unha xustiza severa contra os culpables, de tal maneira que el mesmo, a súa Igrexa e os seus cóengos saíron honrados do conflito. O exemplo serviu para disuadir a outros de cometer actos semellantes contra a autoridade eclesiástica.

Así mesmo, o poder de Rodrigo e da familia Traba saíu moi reforzado deste conflito, pois no sucesivo o seu patrimonio e influencia non faría senón medrar.

A captura do arcediago, na Historia Compostelá

Véxase tamén Ligazóns externas "A revolta de Carnota" 28/7/2015. Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Categoría:Carnota Categoría:1130 Categoría:Rebelións Carnota Categoría:Historia medieval de Galicia