A Semana cultural galego-portuguesa foi un evento cultural promovido por Manuel Rodrigues Lapa sob o patrocinio da Universidade de Coímbra e da Real Academia Galega. Tivo lugar no Museu Machado de Castro (Coímbra) entre o 18 e o 23 de xaneiro de 1971. A programación tratou, entre outros temas, a herdanza cultural galego-portuguesa e a súa expresión na actualidade. Así, o evento procuraba o achegamento e o intercambio cultural entre Galiza e Portugal.

Semana A “Semana cultural galego-portuguesa” foi un proxecto cultural que Manuel Rodrigues Lapa tiña en mente desde os anos 30, cando xa comezaba un importante papel para a re-conexión cultural entre Galiza e Portugal. Décadas despois, concretamente na de 70, Rodrigues Lapa e Lopes Cravo planificarían finalmente a realización dunhas "xornadas luso-galegas" (que despois mudaría para "Semana...")O nome do evento foi modificado; pasou de "Xornadas luso-galegas" a "Semana Cultural Galego-Portuguesa"., póndose en contacto coa parte galega mediante unhas correspondencias entre Lapa e Francisco Fernández del RiegoRodrigues Lapa, Manuel; Cartas a Francisco Fernández del Riego sobre a cultura galega, Ed. Galaxia, Vigo (2001).. Ditas xornadas terían como temas centrais a herdanza da antiga cultura galego-portuguesa; a expresión de Galiza, de Portugal e do Brasil; e as variedades do vello substrato galego-portugués.

Após un tempo de diálogo para concretaren lugar e data, ao final ficou como lugar de encontro o Museu Machado de Castro (pertencente á Universidade de Coímbra) e entre as datas do 18 e do 23 de xaneiro de 1971. Ademais, tamén houbo un longo diálogo para escolleren os participantes nas conferencias; que nun principio eran xente de Galiza, de Portugal e do Brasil; mais ao final só se contou coa presenza portuguesa e coa galegaNun primeiro momento contábase coa participación do Brasil por medio da intervención de Guilhermino César.. Os integrantes do acto cultural foron Ramón Piñeiro, Ricardo Carvalho Calero e Ramón Lorenzo (o cal non puido asistir finalmente), pola parte galega; e Rodrigues Lapa, Orlando Ribeiro, Joseph-Maria Piel e Nogueira Gonçalves (este en substitución de R. Lorenzo), polo lado portugués. Para alén dos conferenciantes, tamén participou Fernández del Riego, como inaugurador e representante da Real Academia Galega; e tamén participaron na dirección, Maria Helena da Rocha Pereira, vice-reitora da UC; Américo da Costa Ramalho, director da Facultade de Letras da UC; e Alfredo Fernandes Martins, profesor da mesma facultade. A semana estivo patrocinada pola Universidade de Coímbra e máis pola RAG, xa que o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (o profesor Manuel de Jesús García Garrido) rexeitou a participación no evento.Ante a negativa do patrocinio por parte da USC, procurouse a implicación da RAG.

Ademais das conferencias, tamén houbo unha exposición de libros en galego, proporcionados pola editorial Galaxia e pola Biblioteca Penzol, na Livraria Atlântida e intentos por parte de Rodrigues Lapa para estabelecer lazos comerciais de intercambio cultural entre Portugal e Galiza.

A "Semana cultural galego-portuguesa" foi promovida pola publicidade que lle deron tanto o Diário de Lisboa como o xornal República. Após o evento cultural, ademais de a medios locais e a interesados, o feito tamén chegou até Buenos Aires polo Correo de Galicia.Aínda que o público foi escaso, a cobertura pública nos medios de comunicación foi ampla e chegou até a comunidade emigrante de Buenos Aires.

Programación Após varias datas provisionais para finais de 1970, a Semana ficou adiada, por conflitos internos na U. de Coímbra A principal complicación tivo relación coa xestión da localización. O Director da Facultade de Letras (primeira proposta de localización), chegou á conclusión de que parte do profesorado podería provocar problemas debido á consideración de que eles tamén debían participar. e máis pola demora dos procesos legais, para xaneiro de 1971 (entre o 18 e o 23). Durante eses días leváronse a cabo varias sesións no Museu Machado de Castro, que contaron co seguinte programa (previa inauguración de Fernández del Riego):

18-01-1971. Manuel Rodrigues Lapa, “A Galiza, o galego e Portugal”.Rodrigues Lapa, Estudos galego-portugueses: por uma Galiza renovada, Ed. Sá da Costa, Lisboa (1979), “A Galiza, O Galego e Portugal”, p. 27-51. 19-01-1971. Ramón Piñeiro, “Características da cultura galega”. 20-01-1971. Orlando Ribeiro, “Galiza: a terra e o homem”. 21-01-1971. R. Carvalho Calero, “Figuras representativas da literatura galega actual”.Grial: revista galega de cultura. Editorial Galaxia, Vigo, Núm. 45 - xullo, agosto, setembro (1974), R. Carballo Calero, “Figuras representativas da literatura galega actual”, p. 269-279. 22-01-1971. Joseph Maria Piel, “Uma antiga latinidade do vulgar galaico-minhota, reflectida no léxico común e toponímico”. 23-01-1971. Nogueira Gonçalves, “O Románico na Galiza e no Norte de Portugal”. En substitución de Ramón Lorenzo, cuxa palestra era “Galego e portugués. Estado actual da Filología galega”.

Despois da realización da Semana, Rodrigues Lapa decidiu publicar as conferencias expostas, mais coa falta de compromiso posterior por parte da xente de Galaxia para a axudar a publicalas. Finalmente, só serían publicadas dúas das palestras realizadas, a de Lapa e a de Calero.

“A Galiza, o galego e Portugal” Manuel Rodrigues Lapa, aínda que focado nun público portugués, animaba a ambos os pobos a recoñeceren as características de igualdade a través de diversos momentos históricos ao longo da historia. Cualificou a separación dos pobos irmáns como algo xeográfico ou político, mais non aceptábel. Compartiu a súa idea apoiándose, entre outros materiais, nos cancioneiros medievais galego-portugueses e en citacións de autoridades como Manuel Portela Valladares ou Eugenio López Aydillo. Alén disto, insistiu na irmandade de Galiza e de Portugal valéndose de aspectos psicolóxicos, a partir da presenza do sentimento común da saudade; e lingüísticos, xustificando a idea de que galego e portugués eran a mesma lingua. Ademais, aproveitaba a ocasión para resaltar a situación dramática do galego, fixando como solución a procura dunha lingua sen dialectalismos ou até dunha aproximación ao portugués para a reunificación a nivel literario.

"Figuras representativas da literatura galega actual"

Carvalho Calero recoñecía na súa conferencia que aínda se podía falar de lingua galego-portuguesa, mais que os destinos históricos das dúas ribeiras do Miño deran á separación das súas literaturas. Estabelecía dous factores esenciais para o impedimento de novos lazos entre Galiza e Portugal. A saber, a ignorancia da xente e máis os sentimentos patrióticos por ambas as partes. Para Calero, a magnitude da literatura galega moderna non foi nada comparado co que podería ter sido se retomase a liña das orixes galego-portuguesas. Asemade, tamén apuntaba que para mudaren a situación era necesaria a participación activa de universidades e outras institucións culturais de ambos os países.

Para alén da defensa dunha necesidade de re-unión entre a cultura portuguesa e a galega, Cavalho Calero tamén analizaba a literatura galega moderna e propuña catro figuras que podían ser representativas para o futuro. Estas figuras serían Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey, Álvaro Cunqueiro e Xosé María Díaz Castro; os cales para Calero eran “os máis siñificativos dentro das respectivas xeracións”.

Propostas posteriores de Lapa

Posteriormente, mediante a publicación do artigo “O prof. Rodrigues Lapa analisa as conclusões da Semana Galego- Portuguesa” no República, Rodrigues Lapa propuxo un conxunto de medidas na procura dunha convivencia entre os dous pobos. As medidas eran as que seguen:

Intercambio cultural, tanto a nivel universitario como a nivel popular (como parte do acordo público de colaboración en prol do intercambio cultural). Exposicións e venda de libros galegos en Portugal e portugueses en Galiza, acompañadas por palestras que tratarían os aspectos literarios e culturais. Festivais e certames de música (preferentemente popular).

Asemade, engadía unha serie de “medidas administrativas”: Creación dunha materia de Lingua a Literatura Galega nas universidades portuguesas, en reciprocidade coa de Literatura Portuguesa (impartida na Universidade de Compostela). Colaboración galega no futuro “Atlas Lingüístico e Etnográfico” de Portugal e de Galiza. Creación dun Centro de Estudos Dialectais e Onomásticos nunha cidade do norte de Portugal.

Recollía ademais a vontade de creación dunha “Associação Luso-Galaica para o fomento cultural”A función da asociación consistiría en facer efectivas algunhas das propostas culturais por medio do contacto con diversas asociacións existentes en Galiza, en Portugal e na América Latina. e a dunha recompilación coas conferencias proferidas na Semana, que incluiría a do Prof. Ramón Lorenzo aínda sen poder participar no evento.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Grial: revista galega de cultura. Editorial Galaxia. Vigo, Núm. 31 - xaneiro, febreiro, marzo (1971), O rego da cultura, p. 124. Grial: revista galega de cultura. Editorial Galaxia, Vigo, Núm. 45 - xullo, agosto, setembro (1974), R. Carballo Calero, “Figuras representativas da literatura galega actual”,  p. 269-279. Loureiro Rodríguez, Cristina (2006), “O projecto de Rodrigues Lapa para a Galiza no tardofranquismo (1968-1975)”, Traballo de investigación tutelado [polo profesor Elias J. Torres Feijó, USC. Rodrigues Lapa, Estudos galego-portugueses: por uma Galiza renovada, Ed. Sá da Costa, Lisboa (1979), “A Galiza, O Galego e Portugal”, p. 27-51. Rodrigues Lapa, Manuel; Cartas a Francisco Fernández del Riego sobre a cultura galega, Ed. Galaxia, Vigo (2001). Samartim López-Iglésias, Roberto (2005), “Ideia de língua e vento português na Galiza do tardofranquismo: O caso de Galaxia”, Agália 83-84, 9-53. Samartim López-Iglesias, Roberto (2010), "O processo de construçom do sistema literário galego entre o Franquismo e a Transiçom (1974-1978): Margens, relaçons, estrutura e estratégias de planificaçom cultural", USC.

Categoría:1971 Categoría:Celebracións da Cultura de Galicia Categoría:Eventos Categoría:Artigos sen imaxes