San Pedro de Vilalonga é unha parroquia que se localiza no concello de Sanxenxo. Segundo datos do IGE, tiña 2.231 habitantes no ano 2025, dos que 1.137 eran mulleres e 1.094 homes, o que representa un leve descenso respecto ós anos 2016, cando tiña 2.261 veciños, e 2009, cando eran 2.307.
Na división territorial eclesiástica, a parroquia de San Pedro de Vilalonga comprende tamén a extinguida parroquia de San Tomé de Gondar.
Limita ó norte coa ría de Arousa, ó sueste coa parroquia de Gondar, e ó suroeste coa de Noalla. A superficie da parroquia é de 5,4 km 2 (incluíndo Gondar), distribuídos en 19 entidades de poboación.
Patrimonio Na igrexa parroquial houbo un baldaquino do que se conservan tres paneis, que foron cedidos en 1895 á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e que hoxe forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra. Nun deles represéntase a Anunciación, noutro a Adoración dos Reis e no terceiro a torre dun castelo, flanqueada polas chaves que simbolizan a San Pedro, e dous escudos nos extremos.
Próximos á igrexa de San Pedro e no lugar do Rebel hai dous pazos, ámbolos dous dos séculos XVI-XVII: Pazo dos Pardo, con brasón dos Figueroa. Posúe unha pequena capela neoclásica. Pazo do Rebel, hoxe reconvertido en hotel. Posúe un escudo dos Valladares e Rivera. Di a tradición que o nome lle vén dun conde, chamado Hermenegildo, que se rebelou ó reclamar a propiedade das salinas da Lanzada.
No mesmo lugar e fronte ós pazos, levantouse en 2011 o centro de saúde.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Vilalonga
Parroquias de Sanxenxo
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Gran Enciclopedia Galega, s. v. Sanxenxo.
Outros artigos Lugares de Sanxenxo
Ligazóns externas Pazo do Rebel
Categoría:Parroquias de Sanxenxo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Pedro