Srinivāsa Aiyangār Rāmānujan (en támil : ஸ்ரீனிவாஸ ஐயங்கார் ராமானுஜன்; tamén coñecido coa grafía inglesa Srinivasa Ramanujan Iyengar o simplemente como Ramanujan), nado en Erode o 22 de decembro de 1887 e finado en Kumbakonam o 26 de abril de 1920 foi un matemático autodidacta indio.

Traxectoria Cunha mínima educación académica en matemáticas puras fixo contribucións extraordinarias á análise matemática, á teoría dos números, ás series e ás fraccións continuas. Ramanujan desenvolveu inicialmente a súa propia investigación matemática en forma illada que foi rapidamente recoñecida polos matemáticos indios. Cando as súas habilidades se fixeron evidentes para unha comunidade matemática máis ampla, centrada nese momento en Europa, comezou a súa célebre colaboración co matemático británico G. H. Hardy. Redescubriu teoremas coñecidos previamente, ademais de producir moitos outros novos.

Durante a súa curta vida, Ramanujan foi capaz de recompilar independentemente case 3900 resultados (na súa maioría identidades e ecuacións). Case todas as súas achegas demostráronse correctas, aínda que algunhas xa eran coñecidas previamente. Logrou resultados que eran á vez orixinais e moi pouco convencionais, como os números primos de Ramanujan e a función theta de Ramanujan, que á súa vez inspiraron unha gran cantidade de investigacións.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Matemáticos da India Categoría:Nados en Tamil Nadu Categoría:Nados en 1887 Categoría:Finados en 1920 Categoría:Nenos prodixio