Natural Theology or Evidences of the Existence and Attributes of the Deity (Teoloxía natural ou probas da existencia e atributos da deidade) é un libro escrito en 1802 polo crego inglés apoloxista cristián e filósofo da relixión William Paley (1743–1805). O libro expón os seus argumentos desde o punto de vista da teoloxía natural, presentando un argumento teleolóxico sobre a existencia de Deus, empezando destacadamente coa analoxía do reloxeiro.

O libro escribiuse no contexto da tradición da teoloxía natural. En séculos anteriores, teólogos como John Ray e William Derham, xunto con filósofos dos tempos clásicos como Cicerón, argumentaron sobre a existencia e bondade de Deus baseándose no benestar xeral dos seres vivos e o mundo físico.

A Natural Theology de Paley amplía os argumentos, construídos sobre exemplos entre os que están encontrar un reloxo, comparar o ollo cun telescopio, e a existencia de estruturas mecánicas adaptadas con precisión nos animais, como as articulacións que funcionan igual que as bisagras ou articulacións de rótula feitas polo home. Paley argumenta que todo isto leva a pensar na existencia dun Creador intelixente, e que un sistema é máis que a suma das súas partes. Os últimos capítulos son de carácter máis teolóxico, argumentando que os atributos de Deus deben ser suficientes para o alcance destas operacións, e que Deus debe ser bo porque os deseños que se ven na natureza son beneficiosos.

O libro foi reeditado moitas veces e segue séndoo. Continúan consultándoo os creacionistas. Charles Darwin tomou os argumentos do libro moi en serio e respondeu a eles, e os biólogos evolutivos modernos como Stephen Jay Gould e Richard Dawkins seguiron discutindo o libro de Paley para responder aos modernos partidarios de ideas similares.

Contexto

O principal argumento de William Paley en Natural Theology é que o deseño de Deus de toda a creación pode verse na felicidade xeral ou benestar que é evidente na orde física e social das cousas. Isto sitúa o libro dentro da ampla tradición da teoloxía natural da Ilustración; e isto explica por que Paley baseou moito do seu pensamento en John Ray (1691), William Derham (1711) e Bernard Nieuwentyt (1750).

O argumento de Paley está construído principalmente baseándose en exemplos de anatomía e a historia natural. "Pola miña parte", di Paley, "sosteño a miña posición na anatomía humana"; máis adiante insiste na "necesidade, en cada caso particular, dunha mente deseñadora intelixente para idear e determinar as formas que teñen os corpos organizados". Ao elaborar este argumento, Paley empregou unha ampla variedade de metáforas e analoxías. Quizais a de máis sona foi a súa analoxía entre un reloxo e o mundo. Os historiadores, filósofos e teólogos a miúdo denomínana analoxía do reloxeiro. Ao elaborar esta analoxía mecánica, Paley presenta exemplos da astronomía planetaria e argumenta que os movementos regulares do sistema solar lembran o funcionamento dun reloxio xigante. Para reforzar esta idea cita os traballos do seu vello amigo John Law e do astrónomo real de Dublín John Brinkley.

A cerna da idea pódese atopar en escritores antigos que usaban reloxos de sol e os epiciclos tolemaicos para ilustrar a orde divina do mundo. Este tipo de exemplos poden verse no traballo de antigos filósofos como Cicerón, especialmente na súa obra De Natura Deorum, ii. 87 e 97. A analoxía do reloxeiro foi moi utilizada na Ilustración tanto por deístas coma por cristiáns.

Estrutura do libro

miniatura|upright=1.5|Primeira páxina da Natural Theology, que presenta a versión de Paley da analoxía do reloxeiro.

O libro está estruturado nos seguintes capítulos: Capítulo I. 'State of the Argument' (Exposición do argumento) A analoxía do reloxeiro básica: se un atopa un reloxo, debe supoñer que hai un reloxeiro.

Capítulo II. 'State of the Argument continued' (Continuación da exposición do argumento) Agora o reloxio pode reproducirse por si mesmo. Paley argumenta que o reloxeiro debe ter poder, e intencións específicas.

Capítulo III. 'Application of the Argument' (Aplicación do argumento) Paley di que o ateísmo non concorda co argumento do reloxeiro. Compara o ollo cun telescopio e argumenta a partir da estrutura do ollo.

Capítulo IV. 'Of the Succession of Plants and Animals' (Da sucesión de plantas e animais) Paley argumenta partindo das propiedades das sementes das plantas e os ovos dos animais.

Capítulo V. 'Application of the Argument continued' (Continuación da aplicación do argumento) O argumento amplíao a 'todas as partes organizadas das obras da natureza'. Paley considera se isto se pode explicar só polo azar, e conclúe que non.

Capítulo VI. 'The Argument cumulative' (O argumento acumulativo) Ningún argumento, segundo escribe Paley, que non sexa 'a necesidade dun Creador intelixente', pode explicar o ollo (ou calquera outra estrutura viva elaborada).

Capítulo VII. 'Of the Mechanical And Immechanical Parts and Functions of Animals and Vegetables' (Das partes mecánicas e non mecánicas e funcións dos animais e vexetais) Os animais usan os músculos para moverse; e mesmo se non comprendemos como funcionan, podemos ver que traballan mecanicamente, argumenta Paley, movendo as articulacións. Outros órganos como o estómago funcionan quimicamente para dixerir a comida.

Capítulo VIII. 'Of Mechanical Arrangement in the human Frame' (Da disposición mecánica da estrutura humana) Os ósos e as articulacións forman unha estrutura mecánica con características comparables ás bisagras, articulación de amosega e espiga e de rótula etc, para proporcionar o apoio e á vez a flexibilidade axeitada. Compara a columna vertebral coa ponte de ferro de Bishop Wearmouth.

Capítulo IX. 'Of the Muscles' (Dos músculos) Os músculos relaciónanse exactamente coas articulacións, facéndoas funcionar mecanicamente como as cordas e arames dun monicreque. Un caso complexo é o da lingua. Os músculos esfínteres son tamén admirables.

Capítulo X. 'Of the Vessels of Animal Bodies' (Dos vasos dos corpos dos animais) Examina os vasos sanguíneos e linfáticos, as válvulas cardíacas, e as funcións diferenciadas de arterias e veas. Paley argumenta que ditas funcións, igual que as da epiglote, non se puideron formar gradualmente (como por evolución).

Capítulo XI. 'Of the Animal Structure regarded as a Mass' (Da estrutura animal considerada como unha masa) Paley examina a simetría bilateral dos animais, e o ben empaquetados que están todos os órganos delicados, o que ten como resultado beleza e utilidade.

miniatura|upright|O cranio do bicotorto común e a anatomía da mandíbula do libro de William Yarrell A History of British Birds; Paley cita o peteiro deste paxaro por estar tan ben axeitado á súa función. Capítulo XII. 'Comparative Anatomy' (Anatomía comparada) Paley examina os equivalentes da anatomía humana noutros animais. A roupa humana é comparada coas pelaxes, plumas e escamas dos animais. A estrutura das plumas parécelle admirable. Tamén examina os dentes e mandíbulas dos carnívoros, herbívoros e omnívoros. Igualmente discute as adaptacións dos peteiros das aves en especies como os bicotortos, cullereiros e dos escolopácidos (de peteiro longo).

Capítulo XIII. 'Peculiar Organizations' (Organizacións peculiares) O reverendo Paley examina os órganos que non parecen ter comparación, como as glándulas da graxa das aves e a vexiga natatoria dos peixes.

Capítulo XIV. 'Prospective Contrivances' (Aparellos potenciais) Paley examina como algunhas estruturas se ve que están preparadas para unha futura función, como a dentición de leite dos nenos, xa formada dentro das mandíbulas no momento do nacemento. De xeito simialr, a circulación sanguínea do feto depende de circuítos temporais que inclúen o forame oval do corazón e o conduto arterioso, xa que os pulmóns aínda non se usan para respirar nese momento.

Capítulo XV. 'Relations' (Relacións) Paley examina como o conxunto dun sistema é máis que a suma das súas partes. Considera que isto é así tanto nun reloxio mecánico coma nun sistema vivo.

Capítulo XVI. 'Compensation' (Compensación) Os 'defectos' dun órgano son remediados pola estrutura doutro órgano. O elefante ten, segundo Paley, un pescozo curto porque a súa cabeza é moi pesada, pero en compensación ten unha longa trompa, permitíndolle ter un grande alcance. Similarmente, as arañas non teñen ás coas que poderían cazar as súas presas voadoras, pero teñen unha arañeira, e órganos adaptados a producir a seda, que a compensan pola falta de ás.

Capítulo XVII. 'The Relation of animated Bodies to inanimate Nature' (A relación dos corpos animados coa natureza inanimada) Estruturas como as ás das aves e as aletas dos peixes están expresamente adaptadas aos 'elementos' que o rodean, aire ou auga, nos cales teñen que funcionar.

Capítulo XVIII. 'Instincts' (Instintos) Os instintos permiten que as crías de salmón que eclosionan atopen alimento, e despois migren ao mar e finalmente regresen ao río a desovar.

miniatura|Paley menciona os ovipositores de insectos como os Ichneumonidae, que poden poñer os seus ovos profundamente dentro da madeira. Capítulo XIX. 'Of Insects' (Dos insectos) Paley empeza dicindo que "non estamos escribindo un sistema de historia natural", desculpándose por non falar de cada clase sistematicamente. Menciona algúns exemplos peculiares dos insectos, como as antenas, élitros (ás protectoras), ovipositores (que el chama subelas) para poñer ovos na profundidade das plantas ou madeira, aguillóns, as probóscides das abellas, os órganos produtores de luz do vagalume e outros.

Capítulo XX. 'Of Plants' (Das plantas) Aínda admitindo que nas plantas xeralmente hai menos evidencias obvias dun 'mecanismo estudado e deseñado' que nos animais, Paley engade tamén algúns exemplos, como as partes dunha semente, co seu delicado xerme protexido moitas veces por unha casca rexa ou espiñenta, e con "ás" ou outros apéndices para facilitar a súa dispersión.

Capítulo XXI. 'Of the Elements' (Dos elementos) Paley examina como os 'elementos' clásicos auga, aire etc son exactamente os que se necesitan.

Capítulo XXII. 'Astronomy' (Astronomía) Paley admite que a astronomía non é a mellor proba 'da actuación dun Creador intelixente', pero de todos modos mostra a súa magnificencia.

Capítulo XXIII. 'Personality of the Deity' (Personalidade da deidade) Todos os exemplos anteriores mostran os 'deseños' existentes, que Paley argumenta proban a cualidade de persoa da Deidade, argumentando que só as persoas poden idear ou deseñar.

Capítulo XXIV. 'Of the natural Attributes of the Deity' (Dos atributos naturais da Deidade) Paley argumenta que os atributos de Deus deben ser 'adecuados á magnitude, extensión, e multiplicidade das súas operacións'.

Capítulo XXV. 'Of the Unity of the Deity' (Da unidade da Deidade) Paley argumenta que a uniformidade do plan que se ve no Universo indica que hai un só Deus.

Capítulo XXVI. 'The Goodness of the Deity' (A bondade da Deidade) Para Paley Deus debe ser bo, porque en moitos casos os deseños que se ven na natureza son beneficiosos, e porque os animais perciben pracer, máis alá do que sería estritamente necesario. Admite que existe a dor, pero mesmo cousas como as picaduras velenosas das cobras existen cunha boa finalidade, fundamentalmente a defensa ou a captura das presas. A dor tamén é mitigada, como nos intervalos entre os ataques de dor agudos da gota, que son beneficiosos para os pacientes. A aparición do azar, é tamén necesaria para o mundo.

Capítulo XXVII. 'Conclusion' (Conclusión) Paley conclúe que a teoloxía natural ofrece moitas probas da bondade de Deus, aínda que cada unha por separado sería suficiente. As moitas probas mostran que a conclusión é estable, e xuntas poden dar unha adecuada impresión nos que as estudan.

Edicións