A aventura máxica de Merliño é un videoxogo educativo de aventura gráfica point and click desenvolvido polo grupo de investigación SINX, da Universidade de Vigo. Foi publicado o 29 de novembro de 2001. A aventura máxica de Merliño está considerada como unha das primeiras producións de videoxogos en galego, da cal se fixeron 50 000 copias que foron repartidas de balde ós centros educativos galegos. Baséase en lendas e contos populares do país.

O videoxogo ten como obxectivo sensibilizar ós mozos adolescentes da importancia da lingua como un elemento de identidade. Subvencionado pola Dirección Xeral de Política lingüística, é un CD interactivo realizado por Xosé Luís Martínez Orge, Diego Fernández Goberna, David Ramos Valcárcel e Marcos Valiño García. Conta cun editor para xerar historias a través de 7 posibles localizacións e máis de 20 escenarios con personaxes e obxectos cos que interactuar.

Sinopse O xogo conta a historia de Merliño, un rapaz que pasa uns días na casa da súa avoa. Sen querer Merliño le un libro de conxuros que fai reaparecer a un antigo demo. Coa axuda dun trasno chamado Cipri, Merliño terá que facer unha viaxe pola Galicia máxica como Santo André de Teixido, Ribeira ou a Torre de Hércules da Coruña.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas A aventura máxica de Merliño na Rede de Bibliotecas de Galicia

Categoría:Videoxogos de 2001 Categoría:Videoxogos de aventuras Categoría:Videoxogos de Windows Categoría:Videoxogos de Mac Categoría:Videoxogos desenvolvidos en Galicia