Radarsat 1 foi un satélite artificial conxunto da NASA e da Axencia Espacial do Canadá lanzado o 4 de novembro de 1995 mediante un foguete Delta 7920 desde a Base Vandenberg da Forza Aérea para estudar a superficie terrestre mediante radar.

Características O obxectivo de Radarsat 1, baseado no bus BCP-4000, foi estudar, entre outras cousas, o xeo mariño e terrestre no contexto de investigacións climáticas, obter imaxes de radar con aplicacións xeográficas en oceanografía, agricultura, silvicultura, hidroloxía e xeoloxía, e participar na vixilancia da rexión ártica en busca de xeo que poida ser de risco para navegación.

Nave A nave estaba formada por dous módulos: o bus e o módulo de carga. O bus, fabricado por Ball Aerospace, estaba formado polos sistemas de enerxía, incluídos os paneis solares, o sistema de propulsión e control de actitude e os sistemas de comunicacións e comando. Radarsat 1 estabilizábase nos tres eixos cunha precisión de 0,01 graos mediante volantes de inercia, magnetómetros, torques magnéticos e sensores solares e terrestres. O sistema de propulsión utilizaba pequenos foguetes alimentados por hidracina. O sistema eléctrico era alimentado por dous paneis solares e tres baterías de níquel-cadmio cunha capacidade de 50 Ah. En canto ao módulo de carga, levaba un radar de apertura sintética (SAR polas súas siglas en inglés) avanzado que funcionaba en banda C (5,3 GHz), así como dúas grabadoras de datos, un ordenador para os instrumentos e un transmisor de datos. A antena SAR lanzouse pregada en catro seccións que, unha vez despregadas, lle daban un tamaño total de 1,5 x 15 metros. As grabadoras tiñan capacidade para almacenar 15 minutos de datos a 85 Mbps.

Radarsat 1 foi posto nunha órbita heliosincrónica, cruzando o ecuador en sentido ascendente sempre ás 18:00 hora local. Aínda que foi deseñada para durar 5 anos, Radarsat 1 mantívose activo 17 anos, ata que un problema a bordo a desactivou o 29 de marzo de 2013

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Radarsat 2

Ligazóns externas Páxina de Radarsat 1 na Axencia Espacial do Canadá

Categoría:Satélites artificiais