Ranger 6 foi a primeira sonda do Bloque III do programa Ranger da NASA pensado para enviar sondas non tripuladas á Lúa e fotografar a súa superficie antes de impactar nela. Foi lanzada mediante un Atlas-Agena B o 30 de xaneiro de 1964 desde a plataforma LC-12 do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.
Características Ranger 6 foi enviada a impactar contra a superficie lunar e comezar a fotografala varios minutos antes do choque. A diferenza das naves dos bloques I e II, os únicos instrumentos a bordo eran seis cámaras de televisión para fotografar a Lúa.
A nave A sonda foi a primeira cun deseño do denominado Bloque III, unha simplificación das Ranger previas dos Bloque I e II. Estaba formada por unha base hexagonal de 1,5 m de diámetro sobre a cal se atopaba unha estrutura cónica de aluminio de 3,6 m de alto onde se situaban as cámaras de televisión. Sobre a base ía montado o sistema de propulsión e de enerxía, alimentado por dous paneis solares de 73,9 cm de lonxitude e 153,7 cm de longo cada un que lle daban á nave unha envergadura total de 4,6 m, así como a antena de alta ganancia. Outra antena cuasiomnidireccional ía montada no cumio do cono da nave.
A propulsión era proporcionada por un motor de 224 N de impulso alimentado por hidracina, mentres que para o control de actitude usábanse doce chorros de nitróxeno conxuntamente cun sistema de tres xiroscopios, catro sensores solares principais, dous secundarios e un sensor da Terra. Os paneis solares proporcionaban ata 200 vatios de potencia que se almacenaban en dúas baterías de prata-cinc de 1200 vatios-hora de capacidade a unha voltaxe de 26,5 voltios para alimentar o sistema de cámaras, mentres que para o resto de sistemas usábanse outras dúas baterías de prata-cinc de 1000 vatios-hora.
As comunicacións corrían a cargo de varios transmisores a bordo, entre eles un canal de televisión de 60 W funcionando a 959,52 MHz, outro canal televisión de 60 W a 960,05 MHz e un transpondedor de 3 W a 960,58 MHz
Instrumentos
Ranger 6 levaba a bordo seis cámaras vidicon, dúas de imaxe completa (un gran angular e un teleobxectivo operando no chamado canal F) e catro de imaxe parcial (dúas gran angular e dous teleobxectivos no canal P). As cámaras funcionaban agrupadas en dous canais, cada un cos seus propios sistemas de potencia, temporizadores e transmisores para incrementar a fiabilidade.
Perfil da misión Ranger 6 foi inxectada nunha traxectoria de impacto contra a Lúa sen problemas. A manobra de corrección de traxectoria a medio camiño executouse sen incidencias, pero a nave impactou sen recibirse ningunha imaxe do sistema de televisión. Unha investigación posterior descubriu que a causa máis probable de que o sistema de cámaras non funcionara foi un arco eléctrico no sistema de enerxía que alimentaba as cámaras producido durante o acendido sen querer das cámaras durante un período de 67 segundos aos dous minutos do lanzamento, durante a separación das etapas do foguete lanzador.
Notas
Categoría:Programa Ranger