Vitoria ou Gasteiz (en ; en ; oficialmente Vitoria-Gasteiz)Gasteiz, que é o nome en éuscaro, é o nome da primitiva aldea que coroaba o outeiro. Vitoria é o nome en castelán e Vitoria-Gasteiz é a única forma oficial, bilingüe. En galego, a RAG admite indistintamente Vitoria e Gasteiz. é unha cidade e concello do norte de España, capital da provincia e territorio histórico de Áraba, en Euskadi. É ademais a sede do Parlamento e do Goberno autonómicos.
Enclavada nun cruzamento de camiños, foi un importante punto estratéxico tanto no plano militar como no comercial e cultural ó longo da historia. Xa desde tempos romanos, nos que a calzada que unía Astorga e Bordeos pasaba por Áraba, estas terras foron un eixo de comunicacións entre a Meseta Central e Europa.
A actual Vitoria busca un modelo de desenvolvemento urbano de calidade, primando criterios de cohesión social, habitabilidade, respecto ó contorno, accesibilidade, conservación, recuperación do patrimonio e programas de integración e participación social. É unha cidade cunha intensa historia que se manifesta nun valioso patrimonio monumental.
Durante 2012 Vitoria foi Capital Verde Europea.
Evolución urbana As edificacións da cidade foron recibindo os diferentes estilos arquitectónicos: gótico, renacemento, barroco, neoclasicismo e romanticismo. A planificación foi unha constante no seu devir histórico, desde o seu primeiro ensanche medieval a comezos do século XIII, ata os seus modernos barrios e parques periféricos. o seu casco vello mantén íntegro o trazado gótico e as súas rúas elípticas e estreitas, con empinados cantóns e antigos e recobrados pazos.
Vitoria foi refundada polo rei navarro Sancho VI a partir da cidade fundada no 581 por Leovixildo para celebrar a vitoria visigoda sobre os vascóns. Pasou a depender de Castela en 1200, converténdose nunha das prazas comerciais máis importantes do País Vasco durante séculos. O trazado da améndoa urbana foi deseñado entre os séculos XII e XIV. Os nomes das rúas conservan os das actividades gremiais daquela época: Coitelaría, Zapatería, Ferrería, Pintorería... O renacemento tamén deixou pegada na cidade en forma de elegantes pazos construídos por familias nobiliarias.
Fóra do casco medieval existen outros espazos emblemáticos, como a Praza de España e os Arquillos, do neoclasicismo. Foron ideados polo arquitecto local Justo Antonio de Olaguíbel para salvar o forte desnivel que separaba a antiga cidade da zona cara a que se estendeu no século XVIII.
Historia 190px|miniatura|dereita|Torre medieval de Doña Ochanda
Fundación e Idade Media No ano 581 o rei visigodo Leovixildo fundou a cidade de Victoriacum, tratando de emular as fundacións romanas, como celebración da vitoria contra os vascóns, sobre o que, por razóns etimolóxicas, suponse o outeiro ocupado polo primitivo poboado de Gasteiz. Algúns historiadores opinan que Victoriacum non estaba na actual Vitoria-Gasteiz ou na antiga Gasteiz, senón nunha zona próxima, probablemente ós pés do monte Gorbeia, onde na actualidade está a vila de Vitoriano.
Ó parecer Vitoria xa tiña unha muralla defensiva no século X. En 1181 o rei navarro Sancho VI refundou a vila como Nueva Victoria. En 1200 Vitoria incorporouse á Coroa de Castela ó ser tomada polas tropas do rei Afonso VIII, que a dotou do seu primeiro ensanche gótico na ladeira oeste. Afonso X o Sabio estendeuna en 1256 cara ao leste con novas rúas gremiais. Foi importante a súa xudería, antes da expulsión dos hebreos ordenada polos Reis Católicos. O vello camposanto xudeu aínda se conserva en forma de parque cun monumento conmemorativo do seu pasado. En 1431 o rei Xoán II de Castela outorgoulle o título de cidade. En 1463 foi unha das cinco vilas fundadoras da Irmandade de Áraba xunto con Sajazarra, Miranda de Ebro, Pancorbo e Agurain.
Século XIX O 21 de xuño de 1813 tivo lugar a Batalla de Vitoria, onde as tropas francesas, movéndose en retirada, foron derrotadas polo Duque de Wellington, perdendo de camiño a Alsasua gran parte do botín roubado. Con esta batalla practicamente se puxo fin á Guerra da Independencia Española. Cando chegou a noticia a Viena a finais de xullo dese mesmo ano, Johann Nepomuk Mälzel encargou a Ludwig van Beethoven a composición dunha sinfonía con motivo do feito. Trátase do op. 91 Wellingtons Sieg, tamén coñecida como Die Schlacht bei Vitoria ou Siegessymphonie.
En 1843 chegou a autorización para reformar o Convento de Santa Clara nun Instituto de Ensino Medio, actualmente sede do Parlamento Vasco. En 1853 comezaron as clases, culminando así un vello soño da cidade. O vello Instituto de Ensino Medio foi testemuña de boa parte da vida cultural da cidade.
En 1969, a partir da revolución de 1868, creouse a Universidade Libre, truncándose antes de empezar o curso 1873-1874 en boa parte por culpa da segunda guerra carlista. Nela estiveron xente como Ricardo Becerro de Bengoa, Julián Apraiz ou Federico Baraibar. Este último, gran helenista, foi unha das primeiras persoas que impartiu clases de éuscaro en Vitoria (extraoficiais).
Século XX O 3 de marzo de 1976, en plena transición Española tiveron lugar os sucesos de Vitoria, con graves enfrontamentos entre a policía e traballadores en folga. O desaloxo da igrexa, na que se celebraba unha asemblea, acabou co ametrallamento dos asemblearios por parte da policía, causando a morte de 5 deles e feridas de bala a máis dun centenar.
O 20 de maio de 1980, por decisión do Parlamento Vasco mediante a Lei de Sedes, Vitoria converteuse na capital da Comunidade Autónoma do País Vasco.
Demografía Vitoria triplicou a súa poboación nas últimas décadas. A partir dos anos 60 e 70 do século XX, atraída polo crecemento experimentado polo sector industrial, moita man de obra comezou a emigrar á urbe desde o resto de España. Na actualidade, mercé á súa condición de capital vasca, o sector dos servizos continúa alentando un aumento da poboación.
Economía Vitoria ten fábricas de empresas multinacionais como Mercedes Benz, Michelin, Gamesa ou Daewoo, así como con empresas locais que provén de subministracións a aquelas. A esta actividade industrial hai que engadir a dos servizos, centrada no comercio e as actividades administrativas.
190px|miniatura|esquerda|O Camiñante, na rúa Dato
Idiosincrasia e cultura A cidade recibiu a influencia de diferentes culturas, que se foron sumando ó substrato nativo vasco. Na segunda metade do século XX chegaron a ela gran número de emigrantes procedentes do resto de España, ós que se sumaron nos últimos anos persoas chegadas de Latinoamérica e do norte de África. Como consecuencia, Vitoria é unha cidade activa e multicultural. Segundo un estudo, é a segunda cidade de España con mellor calidade de vida despois de Xirona. É ademais a cidade española con máis zonas verdes, con 42 m² por persoa contando o Anel Verde da cidade, e a segunda contando só as áreas verdes dentro da cidade con 23,4 m² por persoa.
A capital vasca ten varios museos de primeira orde. O novo Centro-Museo Vasco de Arte Contemporánea (ARTIUM) ofrece unha colección de arte vasca e española desde os comezos do século XX ata a actualidade. Na casa-hotel do Conde de Dávila (de 1912), en pleno paseo de Frei Francisco (famoso polos seus suntuosos e en ocasións excéntricos pazos de principios do século XX), está o Museo de Belas Artes de Vitoria. Este centro ofrece unha brillante selección de costumismo vasco, tallas románicas e góticas, trípticos flamengos e cadros dos séculos XVIII e XIX. Xunto co Museo de Arqueoloxía, situado na Praza da Burullería, forma parte dunha rede museística que completan o Museo de Armería (tamén no Paseo de Frei Francisco, xunto a Ajuria Enea), o Museo de Ciencias Naturais (na impoñente Torre de Doña Otxanda, do século XV) e o Museo Fournier de Naipes (coa maior colección de naipes do mundo mercé á contribución da empresa local Heraclio Fournier, fundada en 1868). Por outra parte, numerosas galerías de arte distribúense pola cidade, acollendo exposicións de todo tipo.
Na terceira semana de xullo ten lugar anualmente o Festival de Jazz de Vitoria, polo que pasaron músicos como Ella Fitzgerald, Dizzy Gillespie, Miles Davis, Chick Corea, Bobby McFerrin ou Wynton Marsalis, quen compuxo un álbum de homenaxe ó festival. miniatura|Fonte de Wallace no centro de Vitoria O festival de rock independente Azkena Rock Festival converteuse nun dos máis importantes do estado, traendo a bandas como Pearl Jam, Iggy Pop & The Stooges, Wilco, Queens of the Stone Age, Bad Religion, Deep Purple ou Fun Lovin Criminals.
Pero a manifestación festiva máis importante da cidade son as festas da Virxe Branca, entre o 4 e o 9 de agosto, así como o Día do Blusa (celebrado o 25 de xullo desde 1926), coa súa tradicional mercado de allos, a Romaría de Olarizu (o primeiro luns despois da Virxe de setembro) e a festividade de San Prudencio, o patrón da provincia (28 de abril), coa celebración da Romaría nas campas de Armentia.
Monumentos e lugares de interese Catedral de Santa María (Catedral Vella). É un edificio gótico do século XIV cunha torre do XVII. Baixo o pórtico ábrense tres portadas decoradas con estatuas e relevos. No interior, as capelas conteñen imaxes góticas, flamengas e renacentistas italianas. Nas capelas da esquerda pódense ver pinturas de Rubens e van Dyck. A catedral está en período de restauración e foi estudada por expertos de todo o mundo polas súas curiosidades arquitectónicas, entre elas as deformacións que sufriu debido a reformas e restauracións anteriores.
190px|miniatura|dereita|Interior da Catedral Nova
Catedral de María Inmaculada (Catedral Nova). É un templo catedralicio construído e consagrado no século XX, de estilo neogótico. Igrexa de San Pedro Apóstolo. Templo gótico do século XIV. Destaca o Pórtico Vello, cun conxunto de relevos con escenas das vidas de San Pedro e a Virxe María, baixo os que discorren as imaxes da Virxe e os apóstolos. No seu interior, na cabeceira, hai varios sepulcros de valor. Igrexa de San Miguel Arcanxo. É un templo gótico-renacentista dos séculos XIV a XVI. No seu pórtico sitúase a imaxe da Virxe Branca, patroa da cidade. O retablo maior foi feito por Gregorio Fernández. Igrexa de San Vicente Mártir. Templo gótico tardío dos séculos XV e XVI. Igrexa do Carme. Templo neoclásico construído entre 1897 e 1900 como parte do Convento dos Pais Carmelitas Descalzos. Basílica de San Prudencio. Desde o Parque da Florida unha longa sucesión de paseos conducen a Armentia, onde se pode contemplar unha das xoias do románico vasco: a Basílica de San Prudencio. A súa construción é do século XII, reformada no XVIII. O templo alberga mostras escultóricas de distintas épocas e mestres. Convento de San Antonio. Convento de monxas Clarisas do século XVII. Convento de Santa Cruz. Convento de monxas dominicas do século XVI. Casa del Cordón. Situada na rúa da Coitelaría, é un fermoso exemplo de arquitectura gótica civil. Construíuse no século XV, conservando unha torre do XIII. Nesta casa aloxáronse os Reis Católicos, e Hadrián VI foi nomeado Papa mentres se encontraba na mesma.
150px|miniatura|esquerda|ARTIUM Museo Vasco de Arte Contemporánea (ARTIUM). A súa colección permanente está considerada como unha das mellores e máis importantes en arte contemporánea vasca e española. Foi inaugurado o 26 de abril de 2002 e é un museo aberto e dinámico.
Museo Diocesano de Arte Sacra de Álava. Situado no deambulatorio da Catedral Nova, ofrece mostras do patrimonio artístico relixioso da provincia, dividida en seccións de talla en pedra, talla en madeira, pintura sobre táboa, pintura sobre lenzo, ourivería e mobiliario litúrxico.
230px|miniatura|esquerda|Pórtico Vello, igrexa de San Pedro Museo das Ciencias Naturais. Está instalado na Torre de Doña Otxanda, un exemplo de arquitectura medieval. É ademais un centro de investigación e divulgación das Ciencias Naturais.