Manuel Gómez Varela, Fera Brava ou Manolo do Penso, nado no Penso (Franza, Mugardos) en 1911 e finado en agosto de 1952, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria

Xornaleiro, operario do Seixo en Mugardos. Na República militou no Partido Galeguista, do que foi secretario de organización, e estaba afiliado á UGT. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 botouse ao monte. En xullo de 1939 fuxiu a Francia desde Ares con 26 compañeiros e compañeira na evasión do bou Ramón. Confinado no campo de concentración de Argelès-sur-Mer, foi devolto ás autoridades franquistas pola policía de Vichy en xaneiro de 1941. Condenado, estivo cinco anos na cadea. Ao saír en liberdade colaborou como enlace coa guerrilla e incorporouse ao monte en 1948 integrándose no destacamento Arturo Cortizas da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Foi executado polos seus compañeiros en agosto de 1952.

Notas

Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de Francia Categoría:Nados en Mugardos Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 1952 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes