A Biblioteca Apostólica Vaticana (en ), máis comunmente coñecida como Biblioteca Vaticana ou simplemente como Vat, é a biblioteca da Santa Sé, situada na Cidade do Vaticano. Leva o nome de "apostólica", porque é unha institución que dende a súa fundación se considera a "Biblioteca do papa", xa que lle pertence directamente. É unha das máis antigas bibliotecas do mundo e custodia unha moi importante colección de textos históricos. Ten arredor de 75 000 códices de tódalas épocas da historia,Vatican Film Library informational pamphlet así como 1,1 millóns de libros impresos, que inclúen 8 500 incunables.
Historia miniatura|240x240px|Interior da Biblioteca. Os expertos dividen en cinco etapas a historia da biblioteca: Pre-Laterana: os inicios da biblioteca, correspondentes á primeira etapa da historia da Igrexa, antes de que se instalase no Palacio de Letrán. Moi poucos libros corresponden a esta etapa. Laterana. Iníciase cando libros e manuscritos se gardaron no Palacio de Letrán, e prolóngase até finais do século XIII, durante o papado de Bonifacio VIII, quen morreu en 1303. Na súa época posuíu unha das máis salientables coleccións de manuscritos ilustrados de Europa. Porén, ese ano, o palacio Laterano resultou queimado e a colección foi saqueada por Filipe IV de Francia. Aviñón. Durante este período tivo lugar un importante crecemento das coleccións de libros e arquivos dos papas que residiron en Aviñón, entre a morte de Bonifacio VIII e 1370, cando retornou a Roma a sede papal. Pre-Vaticana. Entre 1370 e 1447 a biblioteca dispersouse, quedando partes en Roma, en Aviñón e noutros lugares. Vaticana. Etapa actual, iniciada en 1448, cando a biblioteca se trasladou ó Vaticano. O papa Nicolao V fundou a biblioteca en 1448 reunindo uns 350 códices gregos, latinos e hebreos herdados dos seus antecesores coas súas propias adquisicións, entre as que estaban varios manuscritos da biblioteca imperial de Constantinopla. A fundación propiamente dita tivo lugar cando Sisto IV, coa bula Ad decorem militantis Ecclesiae (15 de xuño de 1475), asignoulle un orzamento e nomeou bibliotecario a Bartolomeo Platina, quen elaborou un primeiro catálogo en 1481. A biblioteca posuía entón máis de 3.500 manuscritos, o que a convertía de lonxe na maior do mundo occidental. Cara a 1587, o papa Sisto V encargou ó arquitecto Domenico Fontana que construíse un novo edificio para albergar a biblioteca, o que se utiliza aínda.
A comezos do século XVII segregouse da biblioteca o Arquivo Secreto Vaticano. En 1623, a Biblioteca Palatina de Heidelberg, que contiña uns 3.500 manuscritos, foi doada á Biblioteca Vaticana por Maximiliano I, duque de Baviera, en agradecemento polo apoio que lle prestou o papa Gregorio XV durante a Guerra dos Trinta Anos. En 1657, adquiríronse tamén os manuscritos da casa ducal de Urbino.
En 1661, o intelectual grego León Alacio converteuse en bibliotecario. En 1689, incorporáronse á biblioteca as coleccións da raíña Cristina de Suecia.
Durante o século XVIII, a biblioteca enriqueceuse tamén con novas adquisicións e xurdiu o primeiro proxecto de publicar un catálogo completo dos manuscritos da biblioteca. Con todo, só chegaron a publicarse tres dos vinte volumes proxectados. A finais do século, algúns libros deberon ser entregados como tributo de guerra á Francia napoleónica, aínda que a maioría foron restituídos coa derrota de Napoleón, en 1815.
Hoxe, a biblioteca custodia máis de 1.600.000 libros antigos e modernos, dos cales 8.300 son incunables, máis de 150.000 manuscritos e documentos de arquivos sen contar 100.000 documentos impresos e fragmentos, 300.000 moedas e medallas e 20.000 obxectos de arte.
O Arquivo Secreto Vaticano, que foi separado da biblioteca a comezos do XVII, contén uns 150.000 volumes.
Entre os máis importantes manuscritos da biblioteca está o Codex Vaticanus, o máis antigo manuscrito completo da Biblia. A Historia Secreta de Procopio descubriuse nesta biblioteca, e publicouse en 1623. Tamén se atopou nela un dos tres cancioneiros coñecidos da lírica galaicoportuguesa, o chamado Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Custodia así mesmo as actas orixinais do proceso de Galileo, un manuscrito autógrafo de santo Tomé de Aquino e as cartas orixinais do caso de Martiño Lutero.
Dende o 20 de setembro de 2010, e tras distintas reparacións que a mantiveron pechada ó público durante tres anos, a Biblioteca reabriu ao público.
O Códice Vaticano Na Biblioteca Vaticana consérvase o Codex Vaticanus (Códice Vaticano 1209), un dos máis antigos manuscritos gregos da Biblia, que se atopa alí polo menos dende o século XV. É un códice do século IV que contén case na súa totalidade o texto bíblico.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Cardinals of the Holy Roman Church -
Outros artigos
Cancioneiro da Biblioteca Vaticana
Ligazóns externas
Categoría:Bibliotecas da Cidade do Vaticano