Berlín () é a capital e un dos dezaseis estados de Alemaña. Cunha poboación de 3,4 millóns nos límites do concello, Berlín é a meirande cidade do país xermano. Constitúe a maior cidade da UE e a novena maior área metropolitana. Berlín atópase no nordeste do país, e constitúe o centro da área metropolitana Berlín-Brandeburgo, fogar de máis de 5 millóns de persoas de máis de 190 nacionalidades.
Documentada por primeira vez no século XIII, ao longo da súa historia Berlín foi capital do Reino de Prusia (1701-1918), o Imperio alemán (1871-1918), a República de Weimar (1919-1933) e do Terceiro Reich (1933-1945).Documents of German Unification, 1848-1871 Trala segunda guerra mundial, a cidade foi dividida; o Berlín do leste converteuse na capital da República Democrática Alemá mentres o Berlín do oeste converteuse na capital da Alemaña occidental, estando a cidade separada polo Muro de Berlín entre 1961-1989. Trala Reunificación alemá en 1990, a cidade recuperou o seu status como capital de toda Alemaña.
Historia
miniatura|esquerda|200px|Imaxe de satélite coa posición do muro de Berlín.
Algúns séculos antes da era actual, a zona onde hoxe se sitúa Berlín comezou a ser habitada por diversas tribos que se estabeleceron nas marxes dos ríos Spree e Havel. No século VI, diversas tribos eslavas construíron fortificacións nas actuais zonas suburbanas de Spandau e Köpenick. Por volta do século XI, Albrecht, guerreiro saxón da Casa dos Ascanios, derrota as tribos eslavas e convértese no primeiro Markgraf (conde) de Brandeburgo. Por esa altura, estabelecéronse, nas marxes do río Spree, inmigrantes doutras rexións, especialmente do val do Rin e da Franconia.
O primeiro documento histórico berlinés remonta a 1237, aludindo ás poboacións de Cölln e Berlín, situadas en cada unha das marxes do río Spree, envolvendo o local onde hoxe se sitúa Nikolaiviertel. As dúas localidades aliáranse en 1307, constituíndo un só municipio.
Coa morte, en 1319, do último gobernante ascanio, Brandeburgo foi disputado polas casas de Luxemburgo e Wittelsbach, o que orixinou loitas sanguentas. En 1414, os habitantes de Berlín, cansados de tanto sufrimento, solicitaron o auxilio do emperador do Sacro Imperio Romano que lles enviou, como protector, a Friedrich von Hohenzollern, dando orixe a 500 anos de dominio da Casa de Hohenzollern.
En 1432, Cölln e Berlín consolidan a alianza de 1307, unificándose formalmente. En 1486 converteuse na sede do electorado de Brandeburgo.
Coa subida, en 1640, de Friedrich Wilhelm von Hohenzollern ao trono de Brandeburgo, a cidade de Berlín desenvolveuse enormemente, tanto en extensión como en cantidade de habitantes, atinxindo, no final do século XVII, o número de 20 000. Na segunda metade dese século fortificouse Berlín, guindouse coa canle ligando os ríos Spree e Oder, plantáronse tileiros na Unter den Linden - hoxe unha das máis importantes arterias da cidade, en cuxo extremo poñente se sitúa o máis coñecido monumento de Berlín: a Porta de Brandeburgo.
No inicio do século XVIII, Frederich III, sucesor de Friedrich von Hohenzollen, transforma Bradenburgo nun reino, e el é corado como Friedrich I de Prusia. Berlín pasa, entón, á categoría de capital prusiana, vendo nacer as Academias de Belas Artes e da Ciencia. Impoñentes edificios xorden por todos os lados, sendo de destacar a Zeughaus e o castelo de Verán (Charlottenburg).
No tempo de Friedrich Wilhelm I, fillo de Friedrich I, a poboación de Berlín acadaba os 90 000 habitantes. O rei seguinte, Friedrich II, transformou Berlín nunha cidade cultural. Cando na súa morte, nos finais do século XVIII, a poboación de Berlín atinxía os 150 000 habitantes.
No inicio do século seguinte, Napoleón Bonaparte vence ós prusianos, ocupa Berlín e leva para París a cuadriga que está enriba da Porta de Brandeburgo, orgullo da cidade. Coa derrota de Napoleón, a cuadriga volta a ser colocada no mesmo local, con gran xúbilo da poboación. Iníciase, nesta época, a industrialización de Berlín: xorde unha fábrica de locomotoras en 1837 e, no ano seguinte, inaugúrase a liña ferroviaria entre a capital e Potsdam. Berlín énchese de edificios grandiosamente concibidos, na maior parte, por Karl Friedrich Schinkel. En 1850 Berlín xa tiña 300 000 habitantes.
En 1861, Otto von Bismarck , ó ser nomeado chanceler, principia, a partir de 1864, unha política para colocar Prusia á cabeza de todos os estados de lingua alemá en detrimento de Austria. Para o efecto, Prusia declarou, sucesivamente, guerra á Dinamarca, Austria e Francia, asumindo o control de Schleswig-Holstein, da Confederación do Norte da Alemaña (asociación que englobaba 22 estados e cidades libres) e das provincias de Alsacia e de Lorena. O 18 de xaneiro de 1871, Bismark proclama un Imperio Alemán, tendo por capital Berlín e Guillerme como emperador (káiser). A abolición das barreiras comerciais e as indemnizacións pagadas por Francia, permitiron un enorme desenvolvemento industrial, co conseguinte aumento da poboación da cidade de Berlín e unha melloría significativa das infraestruturas urbanas: novo sistema de sumidoiros (1876), iluminación eléctrica (1879) e instalación de teléfonos e da primeira liña férrea urbana (1881).
Século XX miniatura|esquerda|Muro de Berlín. A comezos do século , a cidade tiña 1,9 millóns de habitantes, duplicando ese número aos 20 anos.
A primeira guerra mundial non ten un reflexo moi grande sobre a estrutura da cidade.
O 30 de xaneiro de 1933, Adolf Hitler foi nomeado chanceler, iniciado, coa invasión de Polonia, a 1 de setembro de 1939, a segunda guerra mundial que se estendería ata 1945, altura en que a Alemaña perde a contenda e Berlín é invadida polas tropas soviéticas. A partir de 1940, Berlín sufriu numerosos bombardeos, especialmente no último ano da guerra, tendo a maioría dos edificios ficado en ruínas. Logo do fin da guerra, as tropas americanas, británicas, francesas e soviéticas, reunidas en Potsdam, dividen a cidade en catro sectores.
En 1949 nace, nos territorios controlados polos soviéticos, a República Democrática Alemá, tendo por capital a zona oriental de Berlín. Os restantes sectores de Berlín fican, así, a constituír un enclave dentro do territorio da RDA. Para evitar a fuga dos berlineses para os sectores occidentais, o goberno comunista construíu, en 1961, un muro con preto de 150 km de extensión, envolvendo os restantes sectores. Quen tentase ultrapasalo, era inmediatamente morto.
A partir de 1989, as mudanzas políticas que ocorren na Europa Occidental levaran á queda do muro de Berlín e á abertura das fronteiras entre a RDA e o restante territorio da Alemaña (RFA).
En 1990, a Alemaña reunifícase e Berlín volta a ser a capital, sucedendo a Bonn, capital alemá dende os finais da segunda guerra mundial. De entón para acó, a cidade vén sufrindo unha completa transformación urbanística, coa reconstrución e rehabilitación de edificios históricos e a edificación de novos barrios, aproveitando especialmente as zonas anteriormente ocupadas polo Muro.
Berlín rexorde, actualmente, en toda a súa impoñencia, podendo ser considerada unha das máis belas cidades europeas.
Economía miniatura|A Potsdamer Platz é a sede central do Deutsche Bahn
Logo da reunificación en 1990, importantes subvencións anteriormente recibidas polo Berlín Oeste foron eliminándose paseniñamente. A base industrial da antiga Berlín Leste diminuíu dramaticamente nunha soa década, dando lugar a unha taxa de desemprego de case o 20% e ao estancamento das taxas de crecemento do PIB ata o 2005. En 2006, o PIB nominal de Berlín experimentou unha taxa de crecemento do 1,5% (2,7% en Alemaña). Dende entón, a taxa de desemprego diminuíu de xeito constante ata chegar ao 14,1% (Nov/2007), sendo aínda moi superior á media alemá (8,4%/Set/2007), e á da UE (6,7%/Ago/2007).Unemployment rate(German), www.tagesspiegel.de, Consultado o 17 de decembro de 2007
Das trinta empresas que conforman o índice alemán DAX, só Siemens AG ten a súa sede en Berlín. Entre os 20 maiores patróns en Berlín están a empresa ferroviaria Deutsche Bahn (DB), a empresa do hospital Charité, a empresa local de transporte público BVG, o provedor de servizos Dussmann e Piepenbrock. BayerSchering Pharma e Berlín Chemie son grandes compañías farmacéuticas con sede na cidade.
Berlín Adlershof é un dos 15 maiores parques tecnolóxicos en todo o mundo. A investigación e o desenvolvemento revisten suma importancia económica, e a rexión Berlín-Brandeburgo sitúase entre as tres principais rexións innovadoras na UE.
O crecente sector turístico abrangue 581 hoteis con 87.800 camas e ao redor de 15,9 millóns de pernoctacións, facendo de Berlín a terceira cidade máis visitada na Unión Europea.
Lugares de interese miniatura|Porta de Brandeburgo coroada pola Cuadriga. miniatura|upright|Gedächtniskirche (igrexa da lembranza) en Breitscheidplatz, Berlín
O Muro de Berlín: Aínda perduran algúns tramos desta construción que dividiu non só a cidade de Berlín, senón tamén o mundo en dúas ideoloxías diametralmente opostas. En Mühlenstrasse pódese ver un anaco de máis dun quilómetro desta reliquia do pasado. Así mesmo consérvase en bo estado o Checkpoint Charlie, que foi un dos puntos de acceso para estranxeiros en Berlín Leste e de escape clandestino dalgúns habitantes da RDA. Actualmente Checkpoint Charlie é un museo adicado á historia do muro e a aqueles que de diversos xeitos tentaron atravesalo.
A Porta de Brandeburgo: Monumento situado a poucos metros do derrubado muro, na terra de ninguén que había entre o muro mesmo e os cuarteis e torres de vixilancia da policía (Volkspolizei) da RDA, é hoxe símbolo da reunificación do país.
O Reichstag: É dende 1999 de novo sede do parlamento federal, hoxe chamado Bundestag. Na súa reconstrución, só se deixaron os muros exteriores; o interior é totalmente novo. A súa cúpula, de cristal, é accesible ao público e ofrece unha magnífica vista panorámica da cidade, sobre todo de noite.
A Kaiser-Wilhelm-Gedächtniskirche: Igrexa localizada no Centro de Berlín Oeste (antigo Berlín Occidental), sufriu os bombardeos dos aliados durante a segunda guerra mundial. A estes bombardeos só sobreviviu unha gran torre que foi conservada sen restaurar para lembrar as consecuencias da guerra, albergando na súa parte alta a Freiheitsglocke (Campá da liberdade) e ao que lle foi anexado un edificio moderno para a parroquia. De feito, esta igrexa é tamén coñecida como "a igrexa en lembranza á futilidade da guerra". A entrada á igrexa é de balde e abre as súas portas de nove da mañá a sete da tarde, todos os días da semana.
Potsdamer Platz: No corazón do Berlín Occidental áchase a nova Potsdamer Platz, que nos anos 1920 era un dos puntos máis populares de toda Europa. A partir da caída do muro, pasou a ser un enorme proxecto de construción, no que hoxe en día pódense atopar modernos centros comerciais e rañaceos que marcan unha nova época para Berlín.miniatura|esquerda|Unter den Linden é o principal bulevar da cidade miniatura|esquerda|Alexanderplatz
Unter den Linden (Baixo os tilos) é o principal bulevar da cidade. Comeza na Pariser Platz (Praza de París) no lado oeste da porta de Brandeburgo, onde se atopan a Akademie der Künste (Academia de Arte), o coñecido Hotel Adlon e as embaixadas de Francia e dos Estados Unidos. Esta praza percorre 1,5 km en dirección Leste ata a ponte denominada Schlossbrücke, o cal serve de unión coa Illa dos Museos e o centro Leste de Berlín. Nunha praza adxacente a esta avenida Unter den Linden atópase a catedral (católica) de Berlín, xusto entre a Ópera (unha das tres que ten a cidade) e o edificio coñecido como a Kommode. Tamén nesta rúa está situada a prestixiosa Universidade Humboldt de Berlín, a máis antiga da cidade.