A peste bubónica é un dos tres tipos da infección bacteriana causada pola bacteria Yersinia pestis. Entre tres e sete días após a exposición ás bacterias, desenvólvense os síntomas, semellantes ós da gripe. Estes inclúen febre, dores de cabeza, e vómito. A inchazón dolorosa dos ganglios linfáticos prodúcese na área máis achegada a onde as bacterias se introduciron na pel. De xeito ocasional, os ganglios inflamados poden abrirse.
Os tres tipos de praga son o resultado das vías de infección: peste bubónica, peste septicémica e peste pulmonar. A peste bubónica propágase principalmente por pulgas infectadas que habitan en animais pequenos. Tamén se pode propagar mediante a exposición ós fluídos corporais dun animal infectado con peste. Na forma de peste bubónica, as bacterias entran pola pel por mor da trabada das pulgas que viaxan a través dos vasos linfáticos até o ganglio, facendo que esta trabada inche. O diagnóstico realízase atopando as bacterias no sangue, esputo ou líquido dos ganglios linfáticos.
A prevención dáse a través de medidas de saúde pública, por exemplo: a través do manexo de animais mortos en áreas onde a peste é unha doenza común. Para este padecemento non se atoparon vacinas útiles para a súa prevención. Existen varios antibióticos que son eficaces para o tratamento, nos que se inclúen a estreptomicina, xentamicina e doxiciclina. Se non se trata a doenza, a taxa de mortalidade rolda entre un 30% a un 90% do total dos infectados. A morte, se é que esta sucede dáse arredor dos dez días. Co tratamento axeitado a porcentaxe de risco de morte é dun 10%. En todo o mundo rexístranse uns 650 casos documentados ó ano, que resultan nunhas 120 mortes. Esta doenza é moito máis común en África.
Crese que a peste é a causa da morte negra que se propagou en Asia, Europa e África no século XIV e que matou a uns 50 millóns de persoas. Representou entre o 25% e o 60% da poboación europea. Por mor de que a peste matou a unha gran poboación da clase obreira, os salarios aumentaron pola demanda de man de obra. Algúns historiadores clasifican esta época como un punto de inflexión no desenvolvemento económico europeo. O termo “peste bubónica” deriva do grego “βουβών” que quere dicir ingua. O termo “bubóns” tamén se emprega para referirse ós ganglios linfáticos inflamados.
Notas
Categoría:Doenzas infecciosas