José Aranguren Roldán, nado na Coruña en 1875 e finado en Barcelona o 22 de abril de 1939, foi un militar galego, xeneral da Garda Civil.
Traxectoria Na Garda Civil Ingresou con 16 anos na Academia Militar e despois pasou á Garda Civil, na que fixo carreira militar, ascendendo a coronel en 1929. Cando se proclamou a República era director do Colexio de Gardas Mozos "Duque de Ahumada". Uns meses despois foi destinado á Coruña como xefe do Terzo da Garda Civil. Foi ascendido a xeneral de brigada polo Goberno da Fronte Popular o 31 de marzo de 1936 e foi nomeado para mandar a 5ª zona da Garda Civil en Cataluña -composta por dous terzos e catro escuadróns de Cabalaría-, con cabeceira en Barcelona.
Algún autor ten sinalado a súa posible pertenza á Unión Militar Española (UME).
Na Guerra Civil Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 negouse a unirse aos sublevados -a pesar da súa condición de católico e estar conceptuado como persoa de filiación dereitista-, e púxose coas forzas ao seu mando, a disposición do Goberno republicano, o que contribuíu decisivamente a que Barcelona no caese en poder dos rebeldes. O xeneral Manuel Goded chamouno para intentar que se sumase ao golpe, pero Aranguren negouse rotundamente. O seu subordinado, o coronel Antonio Escobar, tamén se mantivo fiel á República e cumprindo as ordes de Aranguren, mandou as tropas da Garda Civil que acabaron coa sublevación. A mediados de agosto de 1936 foi unha das testemuñas de cargo no proceso a que foron sometidos os xenerais sublevados Goded e Fernández Burriel como consecuencia do golpe de Estado, chegando a declarar contra os xenerais rebeldes.
Posteriormente integrouse na Guardia Nacional Republicana. Durante a guerra mandou algún tempo a IV División Orgánica, desempeñando o cargo máis nominalmente que de feito, dada a prepotencia do Comité de Milicias Antifascistas de Cataluña e a amplitude de funcións que asumiu a Consellería de Defensa do Goberno da Generalitat catalá. Despois dos sucesos de maio de 1937 pasou a desempeñar a comandancia militar de Valencia, continuando nese cargo até o final da guerra. Nos últimos días da contenda negouse a abandonar a España republicana, por considerar que se limitara a cumprir co seu deber.
Coa entrada dos franquistas en Valencia a finais de marzo de 1939, foi detido e posteriormente sometido a un consello de guerra, condenado a morte e executado o 22 de abril dese ano. O seu antigo subordinado, Escobar, tamén foi fusilado en 1940.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Militares de Galicia Categoría:Asasinados polo bando nacional Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1875 Categoría:Finados en 1939 Categoría:Gardas civís