Durante a tempada 2017–18 o Deportivo da Coruña competiu na Primeira División (afrontando a súa 46.ª campaña na máxima categoría), logrando o 18.º posto na clasificación logo de 6 vitorias, 11 empates e 21 derrotas, o que supuxo o descenso a Segunda División (undécimo descenso na historia do club). Tamén competiu na Copa do Rei, alcanzando os dezaseisavos de final, onde caeu eliminado fronte o UD Las Palmas. O equipo foi adestrado inicialmente por Pepe Mel, posteriormente por Cristóbal Parralo (até entón adestrador do filial) e finalmente por Clarence Seedorf. O máximo goleador en liga foi Adrián López, que anotou 9 goles.

Resumo da tempada Xuño O 6 de xuño o club anunciou os primeiros oito encontros da pretemporada, que arrincará o 5 de xullo.

O 8 de xuño foi anunciado o cartel da 72.ª edición do Trofeo Teresa Herrera, no que o 5 de agosto enfrontaranse o Deportivo e o West Bromwich Albion inglés na categoría masculina e o Deportivo Abanca e o Athletic Club EFT na categoría feminina.

O 15 de xuño coñeceuse que o exerceu a opción de compra sobre o xogador Guilherme dos Santos, polo que fará un desembolso próximo aos 5 millóns de euros, en varios prazos, ao Udinese Calcio, firmando un contrato por catro temporadas co club branquiazul.

O 22 de xuño anunciouse a segunda incorporación do mercado, o centrocampista uruguaio Federico Valverde, cedido por unha tempada polo Real Madrid Castilla.

O 26 de xuño coñeceuse que a empresa norteamericana Aramark explotará os ambigús de Riazor até o 2025, logo de que o club rescindira o contrato co anterior concesionario.

O 27 de xuño coñeceuse que o gardameta Germán Lux non renovaba o seu contrato co Deportivo, e firmaba por tres anos co CA River Plate, logo de 6 tempadas como branquiazul.

O 28 de xuño, en rolda de prensa conxunta, o presidente do Deportivo e Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, estreitaron lazos anunciando unha adenda no acordo que vincula a ambas entidades, firmado no ano 2000, pola cal regúlase a utilización do Estadio de Riazor, na que se inclúen distintos compromisos por parte de ambas entidades. Ademais, o Concello da Coruña convértese en colaborador do club e asume definitivamente a reforma da cuberta do estadio. Pola contra, o Deportivo realizará a adecuación da fachada de Riazor e colaborará coas Escolas Deportivas Municipais, entre outros puntos.

O 29 de xuño o club anunciou un acordo económico con Abanca, mediante o cal esta entidade concede 45.000.000 de euros ao club para liquidar a débeda privilexiada coa Axencia Tributaria. O convenio leva asociado un plan de tesouraría a 15 anos polo cal o Deportivo poderá afrontar con maior desafogo a carga financeira anual, proporcionándolle liquidez e permitíndolle elevar o seu tope salarial. Ademais, no acordo incluíuse un nome comercial para o estadio, que pasará a denominarse Estadio Abanca Riazor até 2025.

Horas máis tarde anunciouse o traspaso do defensa arzuán Pablo Insua (que militara as dúas campañas anteriores cedido no CD Leganés) ao FC Schalke 04 alemán, nunha operación próxima aos 3.500.000 euros.

O 30 de xuño o club lamentou o pasamento de Manuel Loureda, dianteiro coruñés do Deportivo nos anos 60 e 70.

Xullo O 1 de xullo o club anunciou a incorporación de dous xogadores galegos para o equipo filial, na súa volta a Segunda División B. Por unha banda, o retorno do centrocampista malpicán Manuel Romay, que militara no Deportivo B entre 2012 e 2014, e ultimamente xogador do CD Boiro; e por outro lado, o dianteiro lucense Uxío da Pena, procedente do CCD Cerceda.

O 2 de xullo o club informou da incorporación de tres xogadores para o Deportivo B. Trátase do defensa castelán-leonés Diego Caballo (procedente do Valencia Mestalla), o mediocampista vasco Martín Bengoa (procedente do Bilbao Athletic) e o defensa tamén vasco Gaizka Martínez (procedente do Sestao River).

O 4 de xullo o club anunciou a rescisión dos contratos do dianteiro catalán Oriol Riera e do defensa madrileño Laure Sanabria.

O 7 de xullo anunciáronse tres novos xogadores para o filial: o defensa hispano-camerunés Steve One, o centrocampista valenciano Raúl González (ambos procedentes do RCD Mallorca B) e o dianteiro estremeño Luismi Redondo (procedente dos xuvenís do Valencia CF).

O 10 de xullo o club deu a coñecer a nova denominación do equipo filial, que pasa a chamarse oficialmente Real Club Deportivo Fabril.

O 11 de xullo o club anunciou a renovación do centrocampista coruñés Álex Bergantiños até 2019, así como a súa saída cedido por unha temporada ao Sporting de Gijón, en Segunda División.

O 12 de xullo o club anunciou a fichaxe do defensa catalán Gerard Valentín, procedente do Gimnàstic de Tarragona, cun contrato por catro anos. Minutos máis tarde, anunciouse unha nova cesión do centrocampista valenciano Carles Gil, procedente do Aston Villa F.C.

O 14 de xullo anunciouse a fichaxe do centrocampista belga Zakaria Bakkali, cedido durante unha tempada polo Valencia CF.

O 19 de xullo anunciouse que o centrocampista franco-marroquí Fayçal Fajr non continuaría no Deportivo, firmando un día despois polo Getafe CF.

O 21 de xullo o club anunciou a incorporación do defensa suízo Fabian Schär, procedente do TSG 1899 Hoffenheim alemán e cun contrato por 4 temporadas. Estímase que a fichaxe alcanzou unha cantidade aproximada aos 2.000.000 de euros.

Agosto O 3 de agosto o club anunciou a saída do defensa oleirense Róber Pier, que marcha cedido novamente ao Levante UD por unha campaña, ademais de renovar por 3 anos o seu contrato co Deportivo.

O 11 de agosto anunciouse a fichaxe do dianteiro asturiano Adrián López (xogador do Deportivo entre 2006 e 2011), cedido polo FC Porto durante unha campaña con opción de compra.

O 22 de agosto o centrocampista coruñés Juan Domínguez anunciou en rolda de prensa a súa rescisión de contrato co Deportivo, logo de 13 anos como xogador nas distintas categorías da entidade. O seu próximo destino será o Reus Deportiu de Segunda División.

O 31 de agosto o club anunciou o retorno do dianteiro coruñés Lucas Pérez, cedido por unha temporada sen opción de compra polo Arsenal F.C. A operación pechouse por preto de dous millóns e medio de euros.

Setembro O 1 de setembro anunciouse a fichaxe do gardameta romanés Costel Pantilimon, cedido durante unha campaña polo Watford F.C. Minutos antes deuse a coñecer tamén a contratación do dianteiro burelao Luis Fernández, que rescindira co club un ano atrás, e que xogará no Deportivo Fabril cun contrato por unha temporada.

O 8 de setembro o club lamentou o pasamento do dianteiro pobrense Juan López "O Negro", xogador do Deportivo nos anos 1950, ocorrido o día anterior.

O 15 de setembro o club lamentou o pasamento do defensa ferrolán Juan Fontela, xogador do cadro coruñés na tempada 1948–49, ocorrido o día anterior.

O 20 de setembro o club lamentou o pasamento do centrocampista marinense Tucho de la Torre, que fora xogador branquiazul na tempada 1963–64 en Segunda División, acontecido uns días antes.

O 29 de setembro anunciouse a incorporación do dianteiro panameño Ismael Díaz para o Deportivo Fabril, pocedente do FC Porto B.

Outubro O 3 de outubro o conselleiro da área deportiva Fernando Vidal presentou a súa dimisión como membro do consello de administración.

O 9 de outubro anunciouse a renovación do lateral portugués Luisinho Correia, ampliando o seu contrato até xuño de 2020.

O 10 de outubro o club anunciou que superou a barreira dos 27.000 socios.

O 15 de outubro debutou co primeiro equipo o porteiro nixeriano do filial, Francis Uzoho, de tan só 18 anos de idade; sendo o porteiro máis novo en debutar en Primeira División. Foi nun empate a domicilio fronte o SD Eibar (0–0), con polémica polos supostos cacheos excesivos aos seareiros do Deportivo na súa entrada ao estadio de Ipurua.

O 24 de outubro o club rescindiu o contrato de adestrador, Pepe Mel, debido aos malos resultados (2 vitorias, 2 empates e 5 derrotas). Horas máis tarde anunciouse que o adestrador do filial, Cristóbal Parralo, faríase cargo do equipo até o final da tempada.

Novembro O 7 de novembro anunciouse a contratación do ex-porteiro deportivista Gustavo Munúa como adestrador do Deportivo Fabril, até o remate da tempada.

Decembro O 8 de decembro o club anunciou o traspaso do defensa Alejandro Arribas, que xogará no Club Universidad Nacional (Pumas de la UNAM) mexicano. Arribas firmou por dúas tempadas e media e o traspaso estimouse en millón e medio de euros.

Xaneiro O 2 de xaneiro o club anunciou o cesamento, de mutuo acordo, do director deportivo Richard Barral, tras dúas campañas e media.

O 8 de xaneiro anunciouse a saída do defensa cántabro Saúl García, que marcha cedido ao CD Numancia, de Segunda División, até o final da temporada.

O 21 de xaneiro debutou co primeiro equipo en liga o defensa hispano-camerunés do filial Steve Aldo One, nunha avultada derrota fronte o Real Madrid no estadio Santiago Bernabéu (1–7).

O 22 de xaneiro o club anunciou a incorporación do gardameta ucraíno Maksym Koval, cedido polo FK Dynamo Kyiv. Minutos máis tarde anunciouse a chegada do defensa español Eneko Bóveda, logo de desvincularse do Athletic Club.

O 29 de xaneiro anunciouse a terceira incorporación do mercado invernal. O mediocampista danés Michael Krohn-Dehli, logo de desvincularse do Sevilla FC, firmou até xuño de 2019 polo conxunto coruñés.

O 31 de xaneiro o club anunciou a rescisión do contrato de Costel Pantilimon (que marcha ao Nottingham Forest F.C.) Horas máis tarde sumouse a rescisión do contrato de Bruno Gama. Días máis tarde anunciouse a súa incorporación ao AD Alcorcón, de Segunda División, até o remate da temporada.

Febreiro O 4 de febreiro foi cesado o adestrador Cristóbal Parralo, logo de 2 vitorias, 3 empates e 7 derrotas, co equipo en posicións de descenso a Segunda División. Un día máis tarde foi presentado o seu substituto, o neerlandés Clarence Seedorf, cun contrato até o remate desta tempada.

O 8 de febreiro o club anunciou a incorporación aos adestramentos, en calidade de proba, ao mediocampista ghanés Sulley Muntari, actualmente sen equipo. Finalmente, o 22 de febreiro o club anunciou a fichaxe do xogador, até o remate da tempada. O seu debut produciuse un día despois, na xornada 25, nun empate en Riazor fronte o RCD Espanyol (0–0), converténdose no primeiro xogador ghanés en vestir a camisola do equipo coruñés.

Marzo O 16 de marzo publicouse que o Tribunal Supremo ratificou a pena dun millón de euros imposta ao Deportivo como indeminización ao Real Valladolid pola firma do contrato en 2014 de Saúl García, que anteriormente se comprometera co club pucelano.

Abril O 22 de abril o Deportivo feminino rematou o campionato como segundo clasificado con 73 puntos, detrás do Real Oviedo Femenino, que xogará a fase de ascenso para a Primeira División feminina.

O 25 de abril o club anunciou que o expresidente Augusto César Lendoiro recibira a alta hospitalaria logo de corenta días ingresado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña tras ser operado de urxencia dunha obstrución nunha válvula do corazón. Horas máis tarde anunciose que o club substituirá o sistema de iluminación do estadio de Riazor, facendo un investimento de 1,7 millóns de euros. O proxecto iniciarase unha vez remate a tempada, co inicio das obras de substitución das cubertas do estadio.

O 29 de abril, tras perder en Riazor fronte o FC Barcelona (2–4), o equipo certificou o seu descenso a Segunda División a falta de tres xornada por disputar.

Maio O 8 de maio o club presentou o novo director deportivo, Carmelo del Pozo, para as tres próximas tempadas, logo de desvincularse do Levante UD.

O 12 de maio debutou co primeiro equipo o defensa rioxano Mujaid Sadick, xogador xuvenil e eventualmente no filial, nunha derrota en Riazor fronte o Villarreal CF (2–4).

O 22 de maio o club anunciou que Clarence Seedorf non renovará á fronte do banquiño branquiazul, logo do descenso a Segunda División.

Material deportivo