We Were Dead Before the Ship Even Sank é o quinto álbum da banda estadounidense de rock alternativo Modest Mouse, publicado o 20 de marzo de 2007 a través do selo Epic Records. É o único disco do grupo co antigo guitarrista de The Smiths Johnny Marr como membro. Ten unha forte temática náutica e foi orixinalmente imaxinado como un álbum conceptual sobre a tripulación dun barco que morre en cada canción.
O álbum foi certificado ouro pola RIAA o 11 de xuño de 2009. Cara febreiro do 2015 o álbum levaba vendidas 649 000 copias nos Estados Unidos.
Produción O álbum gravouse no Sweet Tea Studio en Oxford, Mississippi, co produtor Dennis Herring, converténdose no segundo disco consecutivo de Modest Mouse en ser gravado nese lugar e con ese produtor. O Audible Alchemy de Portland, Oregón, tamén foi acreditado como estudio de gravación do traballo. O batería orixinal de Modest Mouse, Jeremiah Green, tamén regresou á banda para este álbum. Ademais, James Mercer de The Shins fai coros nos temas "We've Got Everything", "Missed the Boat", e "Florida".
O álbum foi filtrado a Internet o 15 de febreiro de 2007, un mes antes da súa data de publicación oficial do 20 de marzo. Na súa primeira semana tras o lanzamento o disco estreouse no número 1 da lista Billboard 200 vendendo 128 585 copias.
O álbum tamén chegou ao número 1 no Canadá, onde foi certificado ouro no mes de xuño de 2008 tras vender 50 000 copias.
Contribución de Johnny Marr Nunha entrevista Isaac Brock dixo de Johnny Marr: "Comprometeuse con cautela a escribir e gravar connosco, e despois, en canto apertamos máis, dixo: 'Está ben, imos de xira tamén'. Despois era practicamente un membro da banda, non practicamente; é un membro de pleno dereito da banda. É fodidamente bo". Segundo Brock, Marr estivo involucrado na composición do álbum, e faría unha xira coa banda en apoio do mesmo. Na entrevista, Brock describiu a We Were Dead... como unha "balalaika náutica de entroido".
Johnny Marr respondeu despois aos comentarios de Brock dicindo: "Isaac púxose en contacto comigo e preguntou se axudaba a Modest Mouse a escribir o novo álbum. Estaba intrigado e toquei coa banda en Portland un par de veces. Acertamos e escribimos tres cancións xeniais de inmediato, algo fixo clic, sentiuse dende o principio. Teño un novo álbum de Healers practicamente feito, pero pasámolo moi ben tocando estas novas cancións de Modest Mouse. Cando a xente escoite o disco verá por que, estamos moi ben xuntos".
Edición Inicialmente o álbum ía editarse nos Estados Unidos e no Canadá o 19 de decembro de 2006, pero nun correo electrónico enviado aos membros da lista de correo de Modest Mouse o 6 de outubro de 2006 anunciábase que a data adiábase: "O próximo disco We Were Dead Before the Ship Even Sank sairá a principios do próximo ano...". Foi atrasado ata o 20 de marzo de 2007, e lanzado o 2 de abril de 2007 en Irlanda e o Reino Unido. En Australia sería publicado o 17 de marzo e en Alemaña o día 30 dese mes.
Publicáronse dúas versións en CD do álbum: a versión normal, que vén nunha caixa de plástico estándar, e a versión de luxo en digipak que "inclúe un digipak e un folleto a toda cor de 32 páxinas, todos embalados nun estoxo de luxo" feito de lona. O sitio web de Sony Music tamén ofrecía unha edición en vinilo de 2 discos de 180 gramos do álbum.
Sinxelos O primeiro sinxelo editado do álbum foi "Dashboard" en xaneiro de 2007. Enviouse por primeira vez aos membros da lista de correo electrónico de Modest Mouse o 3 de xaneiro e aínda está presente no reprodutor multimedia da banda na súa páxina oficial de Myspace. A canción foi lanzada á radio o 16 de xaneiro e estivo dispoñible na iTunes Store o 29 de xaneiro.
O segundo sinxelo foi "Missed the Boat", cun vídeo dirixido por Christopher Mills (que tamén dirixiu o vídeo para "Float On"). Alcanzou o número 24 da lista Hot Modern Rock Tracks da revista Billboard.
O terceiro sinxelo é "Little Motel". O vídeo mostrouse na canle oficial de YouTube de Modest Mouse o 11 de outubro de 2007.
"People as Places as People" foi o derradeiro sinxelo lanzado do álbum. O vídeo musical mostraba a unha muller que traía ao seu marido, unha árbore humanoide, a visitar aos seus pais.
Listaxe de cancións
Notas
Categoría:Álbums de Modest Mouse Categoría:Álbums musicais de 2007 Categoría:Álbums producidos por Dennis Herring Categoría:Álbums de Epic Records