Solar and Heliospheric Observatory, máis coñecido polo seu acrónimo SOHO, é un observatorio espacial conxunto da ESA e da NASA e lanzado o 2 de decembro de 1995 mediante un foguete Atlas IIAS desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral, en Florida. Estaba previsto un funcionamento de dous anos, mais en 2020 segue en activo, tendo observado o 24 ciclo solar por enteiro.
Características Pola altura da súa órbita, SOHO opera fóra da protección da magnetosfera terrestre.
A misión de SOHO foi estudar o Sol en distintos aspectos, entre eles os procesos físicos que crean e quentan a coroa solar e o vento solar, e o seu interior mediante técnicas de heliosismoloxía. SOHO foi parte do Programa Internacional de Física Solar e Terrestre (ISTP pola súa sigla en inglés).
O satélite foi fabricado por Matra Marconi Space, ten unha altura duns 3,65 m e unha envergadura de 9,50 m e estabilízase nos tres eixos. Apunta cara ao sol cunha precisión de +/- 10 segundos de arco por cada 15 minutos de tempo. Foi lanzado a unha órbita arredor do punto de Lagrange L1 entre a Terra e o Sol (a 1,5 millóns de quilómetros da Terra) desde a que ten unha visión continua deste último. Está dividido en dous elementos: o módulo de carga, coa instrumentación, e o módulo de servizo, cos sistemas de propulsión, enerxía e comunicacións. SOHO leva doce instrumentos a bordo que producen un fluxo de datos de 40 kbps salvo cando entra en acción o instrumento MDI, que produce fluxos de ata 160 kbps. Os datos poden transmitirse en tempo real ou gardarse temporalmente na cinta magnética de a bordo.
A misión nominal de SOHO era de dous anos, que completou en abril de 1998. Desde entón foi recibindo extensións. Entre os seus descubrimentos están os ríos de plasma baixo a superficie, estruturas magnéticas na superficie solar que contribúen ao quecemento da coroa, a primeira detección dunha erupción solar producida por terremotos solares, o descubrimento de varias decenas de cometas cerca do Sol e o estudo das execcións de masa coronales para mellorar as predicións do tempo espacial.
Os doce instrumentos de SOHO son os seguintes:
CDS (Coronal Diagnostics Spectrometer): obtén espectroheliogramas no ultravioleta extremo para estudar a coroa solar. CELIAS (Charge, Element, and Isotope Analysis System): estuda a composición do vento solar e as partículas enerxéticas interplanetarias. COSTEP (Comprehensive Suprathermal and Energetic Particle Analyzer). EIT (Extreme ultraviolet Imaging Telescope): toma imaxes da zona de transición solar e da coroa en catro lonxitudes de onda do ultravioleta extremo para estudar rexións activas, filamentos, prominencias, buratos coronais e outras características solares. ERNE (Energetic and Relativistic Nuclei and Electron experiment). GOLF (Global Oscillations at Low Frequencies): estuda a estrutura interna do Sol medindo o espectro de oscilacións globais no rango de frecuencias entre 10−7 e 10−2 Hz. LASCO (Large Angle and Spectrometric Coronagraph): formado por tres telescopios con coronógrafo que toman imaxes en luz branca e obteñen espectros da coroa solar. O seu uso permite prever como afectará unha tormenta solar á Terra cunha antelación de entre 1 e tres días. MDI/SOI (Michelson Doppler Imager/Solar Oscillations Investigation): composto por un telescopio cun detector CCD de 1024x1024 píxels que toma imaxes do Sol para estudar as propiedades da zona de convección solar e o seu campo magnético. SUMER (Solar Ultraviolet Measurements of Emitted Radiation): mide pefís e intensidades das liñas do ultravioleta extremo emitidas pola atmosfera solar co fin de comprender o fluxo de plasma, a súa turbulencia, densidade e temperatura. SWAN (Solar Wind Anisotropies): mide a luz ultravioleta correspondente á liña Lyman alfa dispersada polos átomos de hidróxeno interplanetario. UVCS (Ultraviolet Coronagraph Spectrometer): observa a coroa solar a distancias entre 2 e 10 radios solares. VIRGO (Variability of Solar Irradiance and Gravity Oscillations): mide a irradiancia total e espectral do Sol e mide as súas variacións, así como os diámetros ecuatoriais e polares do Sol e as frecuencias, amplitudes e fases dos modos de oscilación no rango de frecuencias entre 1 microHz e 8 miliHz.
O contacto con SOHO perdeuse o 24 de xuño de 1998 ás 23:16 durante operacións de mantemento, co observatorio pasando automaticamente a un modo no que apunta ao Sol para recuperar a súa orientación orixinal. Os esforzos para recuperar a comunicación non tiveron éxito e unha análise da situación levou á conclusión de que SOHO estaba xirando sobre si mesmo de tal modo que os seus paneis solares apenas recibían enerxía. A situación solucionouse por si soa debido a que de maneira natural, na súa órbita, o ángulo da nave respecto do Sol foi diminuíndo ata que os paneis recibiron suficiente luz e, o 3 de agosto, as comunicacións puideron retomarse. Tras retomar o control, os operadores de terra deixaron o observatorio funcionando de novo o 25 de setembro.
Resultados En 2019, a raíz dos datos de SWAN tomados en tres ocasións entre 1996 e 1998, tense comprobado que o rastro da atmosfera terrestre abranguen ata unha distancia de 630 000 km.
Con motivo do 25 aniversario da súa posta en marcha, a ESA ten difundido unha serie de infografías e noticias que salientan que, entre outros feitos,
- leva observado 30 000 execcións de masa solar,
- observado dous ciclos solares (aínda de xeito parcial),
- xerado 20 000 000 imaxes,
- xerado 50 TB de datos,
- achegado datos básicos para 300 teses de doutoramento,
- xerado 6000 publicacións científicas,
- avistado 4000 cometas,
Ó tempo que impulsaba un novo campo científico, a meteoroloxía espacial.
O 15 de febreiro de 2022 SOHO capturou imaxes dunha erupción solar cualificada de xigante, que se estendeu por 3,5 millóns de km.
Misións solares complementarias Dende o lanzamento de SOHO, a NASA lanzou o Observatorio de Dinámica Solar e logo, a sonda solar Parker, e a ESA, Solar Orbiter. Esas misións complementan o traballo de SOHO, mais algún instrumento como o coronógrafo na liña Terra-Sol non ten equivalente en ditas misións.
Espérase que SOHO poida deixar de funcionar en 2025 despois de que outras dúas misións poidan substituír os aparellos que polo momento non teñen equivalente. Son SWFO-L1 (Space Weather Follow-On L1, ou Continuación da Meteoroloxía Espacial en Lagrange 1), da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica dos Estados Unidos (NOAA) e GOES-U (Geostationary Operational Environmental Satellite-U, ou Satélite Xeoestacionario Operacional Ambiental-U), tamén da NOAA.
Véxase tamén
Outros artigos Atlas IIAS
Ligazóns externas Web de SOHO na ESA
Notas
Categoría:Observatorios espaciais