Abegondo é un concello da provincia e comarca da Coruña. Está no partido xudicial de Betanzos e forma parte do consorcio das Mariñas e da área metropolitana da Coruña. Limita con Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza Cesuras, Mesía, Ordes e Carral. Abegondo ocupa 87,9 km2 de terreo, que se reparte en 19 parroquias.
En 2017 tiña unha poboación de 5467 persoas. O norte do concello é o máis poboado.
A metade norte do concello delimítano o río Barcés e o Mero. Vai subindo de altitude cara ao sur, pasando dos 100 aos 400 metros de altitude en Vizoño. Boa parte das augas do encoro de Cecebre están nas súas parroquias do norte: Orto e Crendes. O encoro e as ribeiras do ríos Barcés e Mero están declarados como espazo natural ZEC encoro de Abegondo-Cecebre. Un punto de ancoraxe na AP-9 en Folgoso foi declarado de interese xeolóxico polo perfil estratigráfico da serie de Ordes que mostra. Abegondo forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.
Entre o patrimonio destacan os castros e mámoas e o posible paso da calzada romana Vía XX per loca marítima por Vizoño, as minarías de ouro no Barcés, a Torre de Figueiroa e as Torres de Peito Bordel do século XII, o pazo de Quiroga do XVII ou os Cruceiros Bonitos. Dúas variantes do Camiño Inglés, seguen os Camiños Reais e pasan por Abegondo desde A Coruña e Ferrol. Os abegondeses Antonio de Parga e Juan Armada foron ministros nos reinados de Fernando VII e Afonso XIII.
En Mabegondo están o Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo e a cidade deportiva do Deportivo da Coruña.
O xentilicio local é «»/«abegondesa»
Xeografía miniatura|300px|As dezanove parroquias do concello Situación A súa superficie é de 83,9 km². Sitúase a 23 km ao sueste da capital provincial. Ten 19 parroquias e limita cos concellos de Bergondo, Betanzos, Oza Cesuras, Mesía, Ordes, Carral e Cambre. A capital é San Marco.
Orografía A altitude media sitúase nos 198 mConsúltese a páxina do Sistema de Información Xeográfica de Datos Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación., pero o punto máis elevado atópase no Castro Maior con 477 m.Cartografía 1:5000 do Sistema de Información Territorial de Galicia, folla 45-85. Forma parte das Mariñas dos Frades, unha comarca natural integrada ademais polos concellos de Culleredo e Cambre.
Hidrografía Abegondo delimítano os ríos Mero e o Barcés, e o Gobia descorre polo seu interior. En Abegondo está o encoro de Cecebre, que abastece de auga potable á cidade da Coruña; e o encoro de Beche, en Folgoso. O encoro de Cecebre fórmao o río Mero e ocupa unhas 275 ha., parte abranguendo os concellos de Betanzos, Cambre e Carral. Construíuse no val conformado pola confluencia do Barcés e o Mero, val de relevo suave.
Clima Recóllense 1169 mm./ano de precipitacións, e a temperatura media é de 12,3 °C.
Demografía No 2017 a poboación do concello era de 5467 habitantes, dos cales 2698 eran homes e 2769 mulleres. A densidade da poboación no territorio en 2017 foi de 65,16 persoas/km2. En 2004 houbo 3.314 parcelas edificadas, que case na súa totalidade se empregan como vivendas residenciais. Do total de edificacións, 1168 foron construídas antes de 1950, 1662 construíronse entre 1950 e o 2000, e 598 desde o ano 2000.
Censo total 2014 5585 habitantes Menores de 15 anos 642 (11,49 %) Entre 15 e 64 anos 3347 (59,93 %) Maiores de 65 anos 1596 (28,58 %)
Historia Do calcolítico ao Imperio Romano miniatura|dereita|Croa do Castro Maior de Vizoño, que se atopa na Tarroeira. O número de xacementos arqueolóxicos mostran que o municipio, como o resto da comarca, estivo densamente poboado desde o calcolítico á idade de Bronce, xa que se conservan castros en todo o territorio. Destacan algúns como o castro Maior, ou Coto da Cerca, e os túmulos preto deles en Vizoño.
Xacementos como o castro de Abegondo mostran un "desbordamento" na construción fóra do castro. Iso reflicte o proceso de residir fóra do recinto amurallado que se deu no período de transición do século I a.c. ao século III d.c. O resultado foron asentamentos abertos galaico-romanos.
O itinerario romano chamado Vía XX per loca marítima foi unha das vías que conectou Bracara Augusta con Astorga antes do século III. Esta vía puido pasar polo actual territorio de Vizoño. Se fose así, habería unha mansión na ruta "per loca marítima" chamada Atricondo, posiblemente preto de Castromaior en Vizoño, e que sería unha parada das vías romanas e un punto termal.
Na época prerromana puido haber minería de ouro nas augas do Barcés desde a Aquelabanda ata Abegondo.
Do medievo á idade moderna
As primeiras referencias escritas ás igrexas cristiás que se crearon a partir das parroquias suevas do concello son do século IX. O "documento de Tructino" do 880, con Afonso II ao poder, fai referencia a dúas das igrexas de Abegondo: "sca. eulaliain auigondo cum sua villa et scm. tirsum in auegondo" (Santaia de Abegondo e San Tirso de Mabegondo) e cítanse como dentro do mesmo commisso ou comitatus (un "condado") de Némitos (ou Nendos), que foi o similar á comarca das Mariñas do século IX. Unha carta de doazón de Sobrado de 887, a "karta donationis quam fecit Sisnandus (sponse sue) domne Eldontie de uillis et de hominibus et de habere", cita "[...] iste sunt: in Nemitos, [...], Heletes cognomento Limenioni, Crendes, [...]”, mencionando ás igrexas de Limiñón ("o lugar de Heletes propiedade de Lemen") e Crendes. Escritos dos séculos X ao XI citan a outras vilas de Abegondo e ás súas igrexas. Escritos do mosteiro de Cis citan "[...] per archam inter Carraes et Cularagondo [....] per petram qui dividit inter Presidiu, et Iohancium et Iohancium et Villar, [...] per ipsam aquam usque ad Merum et inde per Merum usque ad Liminum [...]” mencionando a Cullergondo, Vilar de Meangos e o paso do Mero por Limiñón. Documentos de Celanova de 934 mencionan "[...] in Nemitos Mavegondo", a Mabegondo; e noutro documento de Sobrado de 959 citan a Meangos "[...] in territorio Nemitos, uilla Melangus cum [...]". Un escrito de Santiago de 1020 cita a dúas igrexas nos lugares de Orto de San Román e Seixurra dicindo "[...] ad illos saxeos qui stant in ripa Mero inter Sanctum Romanum et Sexurriam et [...]". En 1044 cítase a Xuanzo dicindo "a villa que uocitant Iohanzu, territorio Nemitos, secus fluuium Mero [...]". Así é que no século XIII a meirande parte das igrexas parroquiais actuais estarían construídas e vertebrando a poboación desta área da comarca. As confrarías relixiosas, establecidas para representar ás 26 freguesías desta zona de Nendos pasou de ser 1 soa en 1594 a 18 en 1630-1650, unha menos que no século XXI.
En 1528, con Carlos I a "xurisdición real de Betanzos", que previamente estivo unida á da cidade da Coruña, posuía "partidos" que hoxe se corresponden case por completo ás actuais parroquias da parte leste do actual concello. Nese período, con Carlos V, entre a nobreza de Betanzos estaba entre os "rexedores do concello" Fernán Reimóndez de Figueroa, da casa e torre de Figueiroa e que tiña moitas propiedades en Figueiroa, Crendes, Folgoso, Meangos, Limión, Sarandóns, entre outros lugares.
miniatura|A Torre Peito de Bordel, que loce os escudo coas cinco follas de figueiras. Baltasar Pardo de Figueroa e Lupidana da casa dos Figueroa, e gobernador xeral de Tucumán e cabaleiro da armada de Santiago, recibiu o título de marqués de Figueiroa no ano 1675 da man de Carlos III. Así, esta familia da parroquia homónima recibiu o recoñecemento da realeza pola participación na Guerra de Francia e no Perú en 1639. Os seus antecesores tiveran unha historia ligada a Figueiroa e ao pazo, así como a cidade de Betanzos e á orde de Santiago. O seu pai, Ares Pardo de Figueroa, fora señor da torre de Figueiroa e da casa de Pardo de Cela, así como capitán da garda do vicerrei de Nápoles, gobernador de armas na Coruña e Capitán xeneral do Reino de Galicia. Na literatura a liñaxe dos Figueiroa cítase na lenda do tributo das cen doncelas e colócaos na loita cos mouros na Torre de Peito Bordel. A lenda cita como os cabaleiros de Figueiroa rescatan ás cen doncelas empregando pólas de figueiras con cinco follas.
Os Quiroga foron señores do couto e xurisdición de Santirso de Mabegondo, Crendes e Santa María e San Vicente de Vigo, entre outras. Diego de Quiroga e Reimóndez foi quen o construíu no século XVII o Pazo de Quiroga en Mabegondo.
miniatura|esquerda|O camiño inglés de Santiago á beira do río Mero, entre Limiñón e Cos. Dúas das variantes do camiño de Santiago teñen o seu paso polo concello: desde a Coruña pasando por Sarandós e desde Ferrol pasando de Limiñón a Viós. Este camiño seguiría os "camiños reais" que comunicaron as dúas cidades con Compostela desde o medievo.
Idade moderna e contemporánea Na primeira división territorial de Galiza en provincias as parroquias do concello pertenceron a varias. Máis da metade estiveron dentro da provincia de Betanzos, como foron Presedo, Cullergondo, Figueiroa, Mabegondo ou Crendes. Outras como Sarandós, Montouto ou Folgoso, estiveron sempre dentro da provincia de Santiago.
O Concello de Abegondo constituíse como tal en 1836, formado dende entón coa actual agrupación territorial de parroquias en cada "partido" trala aprobación do decreto estatal de división territorial de 1835 para a Deputación Provincial da Coruña.
miniatura|Casa do Concello en San Marco. Durante a ditadura franquista Abegondo foi un dos puntos loxísticos e de actuación das guerrillas contra a ditadura que actuaban entre a Coruña, Ordes e Betanzos. Nos días de 19 e 20 de xullo de 1936 a veciñanza, iniciando a resistencia, requisaron armas en lugares como a Torre de Figueiroa. Logo nese ano os franquistas actuaron contra deles, en lugares como Presedo, Limiñón e Viós ao consideralas puntos de resistencia ou ter sido puntos de acollida desa "guerrilla". En outubro de 1936 hai constancia dun xornaleiro da CNT "paseado" e asasinado. Os guerrilleiros no concello desde 1944 actuaron en apoio ou con accións contra a ditadura. En 1947 guerrilleiros que apoiaban ao grupo de resistencia “Enrique Líster" asasinaron ao párroco de Viós, por ser este un firme defensor do franquismo. Poucos días despois, en 1947 guerrilleiros do grupo "Santiago Álvarez" atentaron contra a Garda Civil nun salón de bailes propiedade dun anterior alcalde do concello e asasinaron a dous gardas, escapando despois ao monte da Groba que hai preto. Na noite do 21 de xullo de 1948 a casa consistorial ardeu, quedando queimando o edificio e os seus arquivos ao completo. Só horas previas ao incendio, un guerrilleiros asaltaron unha casa atrás da igrexa de Beldoña e pedíronlles a cea. Os donos conseguiron avisar a Garda Civil e ao chegar á casa comezaron a confrontación cos guerrilleiros. Estes conseguen escapar polo Castro en Mabegondo e ao pouco arde a casa consistorial, co que puido ser provocado polos guerrilleiros.
O abastecemento de auga da cidade da Coruña na década de 1960 estaba suplido polas presas da Telva e de Cañás. En 1967 considerouse a construción dun encoro para duplicar a subministración a cidade co que se comezou a planificar a súa construción no Mero. O plano aprobouse en 1972 e construíuse entre o 1974-1976 dirixido polo enxeñeiro Luciano Yordi. A presa construíuse en Cecebre e anegou os vales do Mero e o Barcés en Orto e Crendes.
Cultura Toponimia Abegondo é un topónimo de orixe xermánica. O topónimo está composto por abe- 'auga' e -gondo 'terra'Albaiges Olivart, Josep María (1997): Enciclopedia de los topónimos españoles. Planeta. (outros autores indican que se compón de ave- e -gondo). Amais da propia parroquia de Abegondo, que dá nome ao concello, tamén as de Cullergondo e Mabegondo teñen esa mesma orixe xermánica con remate en -gondo.
Patrimonio Patrimonio arqueolóxico Os xacementos do concello son de épocas que van desde o calcolítico, neolítico, idade de bronce ata o período romano e medieval. Os xacementos identificados no concello son: