O evanxeo segundo San Mateo () é un filme biográfico italiano de 1964 dirixido por Pier Paolo Pasolini. É unha adaptación cinematográfica da historia de Xesús de Nazaret, dende o nacemento ata a resurrección. En 2015, o xornal L'Osservatore Romano, do Vaticano declarouno o mellor filme realizado sobre Cristo.
Os diálogos están tomados directamente do Evanxeo de Mateu, xa que Pasolini sentía que "as imaxes nunca poderían acadar as alturas poéticas do texto". Explicou ademais que escollera o Evanxeo de Mateu sobre os outros porque decidira que "Xoán era demasiado místico, Marcos demasiado vulgar e Lucas demasiado sentimental".http://enacademic.com/dic.nsf/enwiki/100612
Foi emitido na TVG o 23 de decembro de 2017.
Argumento Xesús de Nazaret viaxa por Palestina durante o imperio Romano cos seus discípulos, curando os cegos, resucitando os mortos, exorcizando demos e anunciando a chegada do Reino de Deus e a salvación de Israel. Proclama que é o fillo de Deus e polo tanto o mesías profetizado, o que o leva a enfrontamentos directos cos líderes do templo xudeu. É detido, entregado aos romanos e acusado de sedición contra o estado romano, cargo do que é declarado inocente polo gobernador de Palestina. Con todo, é crucificado por orde dos líderes do templo, mais tres días despois resucita de entre os mortos.
Elenco Enrique Irazoqui como Xesús Cristo Enrico Maria Salerno como voz de Cristo Margherita Caruso como María (nova) Susanna Pasolini como María (vella) Marcello Morante como Xosé Gianni Bonagura como voz de Xosé Mario Socrate como Xoán o Bautista Pino Locchi como voz de Xoán Settimio Di Porto como Pedro Alfonso Gatto como André Luigi Barbini como Santiago Giacomo Morante como Xoán Giorgio Agamben como Filipe Guido Cerretani como Bertomeu Rosario Migale como Tomé Ferruccio Nuzzo como Mateu Marcello Galdini como Santiago, fillo de Alfeo Elio Spaziani como Tadeu Enzo Siciliano como Simón Otello Sestili como Xudas Iscariote Rodolfo Wilcock como Caifás Alessandro Clerici como Poncio Pilato Amerigo Bevilacqua como Herodes o Grande Francesco Leonetti como Herodes Antipas Franca Cupane como Herodías Paola Tedesco como Salomé Rossana Di Rocco como Anxo do Señor Renato Terra como posuído polo demo Eliseo Boschi como Xosé de Arimatea Natalia Ginzburg como María de Betania Ninetto Davoli (sen acreditar) como un pastor Umberto Bevilacqua (sen acreditar) como un soldado
Produción Pasolini empregou algunhas técnicas do neorrealismo italiano na realización do filme. A maioría dos actores non eran profesionais. Enrique Irazoqui (Xesús) era un estudante de economía español de 19 anos e activista comunista, mentres que o resto do elenco eran naturais de Barile, Matera e Massafra, onde se rodou o filme. Pasolini visitara Terra Santa, pero atopou as localizacións inadecuadas e "comercializadas". A propia nai de Pasolini, Susanna, interpretou a nai de Xesús de vella. O elenco inclúe intelectuais como os escritores Enzo Siciliano e Alfonso Gatto, os poetas Natalia Ginzburg e Rodolfo Wilcock e o filósofo Giorgio Agamben. Ademais das fontes bíblicas orixinais, Pasolini empregou referencias a "2000 anos de pintura e escultura cristiás" ao longo do filme. O aspecto das personaxes á tamén ecléctica e en ocasións anacrónicas, lembrando representacións artísticas de diferentes épocas: o vestiario dos soldados romanos e dos fariseos por exemplo están influídos pola arte renacentista, mentres que Xesús parece máis ligado á arte bizantina ademais da obra do artista expresionista Georges Rouault). O director describiu máis tarde o filme como "a vida de Cristo máis 2000 anos de narración sobre a vida de Cristo".
Pasolini indicou que a súa experiencia na rodaxe foi moi diferente das anteriores. Expresou que mentres que o estilo de rodaxe de Accattone foi "reverencial", cando ese estilo se aplicou ás fontes bíblicas "volveuse retórico. (...) E entón cando estaba a filmar a escena do bautizo preto de Viterbo abandonei todas as miñas ideas técnicas previas. Comecei a empregar o zoom, usei movementos novos de cámara, novos planos que non eran reverenciais, senón case documentais [combinando] unha severidade case clásica con momentos case "godardianos", por exemplo nos dos xuízos de Cristo, filmados como cinema verite. (...) A clave é que (...) eu, un non crente, estaba contando a historia a través dos ollos dun crente. A mestura a nivel narrativa produciu a mestura estilística".
Premios Na 25.ª edición do Festival Internacional de Cinema de Venecia, O evanxeo segundo San Mateo competiu polo León de Ouro e gañou o premio OCIC e o premio especial do xurado. Na estrea, reuniuse unha multitude para apupar a Pasolini, mais aclamárono cando o filme rematou. O filme gañou tamén o gran premio da Oficina Cinematográfica Católica Internacional. Foi candidato ao premio das Nacións Unidas na 21.ª edición dos premios da BAFTA.
O evanxeo segundo San Mateo estreouse nos Estados Unidos en 1966 e foi candidato a tres premios Oscar: mellor dirección artística (Luigi Scaccianoce), mellor vestiario (Danilo Donati) e mellor banda sonora.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Bart Testa, "To Film a Gospel ... and Advent of the Theoretical Stranger," en Patrick Rumble e Bart Testa (eds.), Pier Paolo Pasolini: Contemporary Perspectives. University of Toronto Press, Inc., 1994, páx. 180–209. . "Pasolini, Il Cristo dell'Eresia (Il Vangelo secondo Matteo). Sacro e censura nel cinema di Pier Paolo Pasolini (Edizioni Joker, 2009) por Erminia Passannanti,
Categoría:Filmes de 1964 Categoría:Filmes de Italia Categoría:Filmes en lingua italiana Categoría:Filmes rodados en Italia Categoría:Filmes biográficos sobre Xesucristo Categoría:Filmes de 1964 con versión en galego