Escuchando Elefantes é un dúo galego de folk-rock e pop formado por Silvia Rábade e Carlos Tajes. Son coñecidos por compaxinar as súas xiras con actuacións espontáneas na rúa. Publicaron varios álbums e sinxelos, con videoclips premiados internacionalmente.
Na súa carreira actuaron con músicos como Bono (U2), Glen Hansard, Sinéad O'Connor e Damien Rice entre outros.
Traxectoria Silvia Rábade e Carlos Tajes comezaron na Coruña en 2006 a súa aprendizaxe musical xuntos e en pouco tempo comezaron a compoñer as súas primeiras cancións, dando o seu primeiro concerto co nome de Escuchando Elefantes. En 2010, Glen Hansard e Markéta Irglová, gañadores dun Óscar polo filme Once atoparon o dúo mentres ofrecían un concerto no centro de Donostia e esa mesma noite convidáronos a compartir con eles escenario no Teatro Victoria Eugenia, onde interpretaron "The Rain" con The Frames, banda referencia para o grupo.
En 2012 publicaron o seu primeiro disco, Show & Tell, de maneira totalmente independente. O álbum foi ben recibido pola crítica e levou o grupo a realizar xiras por España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal. Durante este proceso actuaron tamén como abreconcertos para artistas como Glen Hansard, Paddy Casey, Declan O’Rourke ou Cathy Davey. Tamén participaron en festivais como o Noroeste Pop Rock, ou o BBK Live ademais de actuar en salas como Vicar Street.
O seu segundo álbum, Happy Lonely People, foi gravado en 2014 e contou con colaboracións de músicos como Rob Bochnik e Paddy Casey. Os videoclips foron candidatos a premios internacionais e gañaron o galardón a mellor videoclip nos Premios Mestre Mateo 2014.
En 2016 publicaron os dous primeiros avances do seu seguinte álbum e anunciaron un novo formato, tocando ambos tanto guitarra como batería e dando un cambio máis eléctrico ao seu son. En marzo de 2017 publicouse o novo álbum co nome de Hope, sendo presentado nunha xira por toda Galicia e España.
En novembro de 2017 o grupo sufriu un grave accidente de tráfico en Francia cando se dirixían ao Reino Unido para unha pequena xira. As lesións sufridas obrigaron ao dúo a cancelar esa xira e paralizaron a súa actividade durante máis dun ano. Volveron aos escenarios en febreiro de 2019 cunha xira titulada We are fine, thank you (Estamos ben, grazas).
En febreiro de 2021, case cinco anos despois do seu último disco, publicaron o seu cuarto álbum, o primeiro en castelán, titulado ¿Por qué siempre cantáis en inglés?. En maio de 2022, uns días antes do Día das Letras Galegas, publicaron o seu primeiro sinxelo en galego, musicando o célebre poema de Rosalía de Castro Adios ríos, adios fontes, coa colaboración do cantautor Amancio Prada. Ademais no videoclip interviron varios actores galegos como Marta Larralde, Fran Lareu, Melania Cruz, Ledicia Sola ou Touriñán.
En maio de 2026 publicaron o seu primeiro tema orixinal en galego, co título de "Arder".
Activismo Dende 2012 a banda formou parte dun festival benéfico celebrado en Grafton Street (Dublín) organizado por Glen Hansard para reunir fondos para a Simon Community e outras asociacións sen ánimo de lucro. Neste evento téñense reunido con músicos irlandeses como Bono, Sinéad O'Connor, Damien Rice, Hozier ou The Script entre outros.
Ademais teñen participado noutros actos benéficos como o Festival da Luz ou a campaña Kiss Goodbye to MS, a prol da investigación da esclerose múltiple, e en actividades como as TedTalks.
Discografía Show & Tell (2012) Happy Lonely People (2014) Hope (2017) ¿Por qué siempre cantáis en inglés? (2021) Momento (2025) Sinxelos The Rain (2012) Forever Young (2012) Sing Me a Song (2013) Garden's Road (2014) Robin (2014) Anyway (2016) There'll Be Joy (2016) Burning Inside (2017) Ahora (2020) Valiente disonante (2020) Falsa vanidad (2020) Arder (2026) Colaboracións Willing and Waiting (con Paddy Casey, 2014)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial
Categoría:Grupos musicais de Galicia Categoría:Grupos musicais formados en 2006 Categoría:Grupos musicais en galego