Joaquín Cortizo Rosendo, nado en Ribadavia o 4 de outubro de 1932 e finado en Las Infantas (Xaén) o 4 de xaneiro de 2018, foi un futbolista galego que xogaba de defensa, aínda que nos seus inicios xogou algunhas tempadas como dianteiro centro. Tras militar na Cultural Leonesa, no Lugo e no Ourense, xogou dez tempadas na Primeira División, dúas co Celta de Vigo e oito co Zaragoza dos "Cinco Magníficos", co que gañou dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa de Feiras.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol no campo da feira da súa vila, sendo o seu primeiro equipo o Escudeiros de Esposende. Coñecido nos seus inicios como "Cancas" xogou no Ribadavia FC, do que foi capitán. Posteriormente pasou pola Cultural Leonesa, da Terceira División e en 1954 recalou no Lugo, da mesma categoría. Durante esta eṕoca xogaba de dianteiro centro, pero trala súa fichaxe en 1955 polo Ourense, o adestrador Cuqui Bienzobas atrasou a súa posición ata a defensa. Co equipo ourensán proclamouse campión do seu grupo de Terceira, pero perdeu a promoción de ascenso contra o Sestao.

En 1956 fichou polo Celta de Vigo, adestrado por Scopelli. Con todo, non debutou ata a penúltima xornada da tempada 1956/57, nun partido contra o Valencia no que formou defensa con Quinocho e Villar e no que os celestes aseguraron a permanencia na Primeira División ao gañar 2-1. Apenas dispuxo de minutos tampouco na tempada seguinte, con Pasarín no banco, pechando a súa etapa celtista con só 12 partidos en dous anos.

En xuño de 1958 foi traspasado xunto cos seus compañeiros Mauro e Gausí ao Zaragoza. Alí coincidiu cos tamén ourensáns Rodolfo e Wilson Jones, e durante anos formou na defensa xunto co lucense Severino Reija. Formou parte do equipo coñecido como o Zaragoza dos "Cinco Magníficos", que liderado por Canário, Santos, Marcelino, Villa e Lapetra, conseguiu os primeiros títulos da historia do club.

En 1963 gañou a Copa de Feiras, ao vencer ao Valencia na final do Camp Nou, e disputou no mesmo estadio a súa primeira final da Copa do Xeneralísimo, perdendo contra o FC Barcelona. Repetiu presenza na final da Copa do Xeneralísimo ao ano seguinte, gañando esta vez o título ao derrotar ao Atlético de Madrid por 2-1. O club aragonés chegou á final aínda dúas veces máis nas dúas seguintes tempadas, aínda que Cortizo quedou no banco en ambas finais, das que gañou a de 1966. Disputou un total de 197 partidos oficiais co Zaragoza en oito tempadas, e marcou dous goles, un deles contra o Real Madrid no Santiago Bernabéu e outro contra o Sevilla no Sánchez Pizjuán.

Cortizo ostenta o récord da sanción máis dura recibida no fútbol español, pois foi suspendido durante 24 partidos. O 27 de decembro de 1964, nun encontro do Zaragoza contra o Atlético de Madrid, ao defender un balón, supostamente partiulle a tibia ao dianteiro Enrique Collar. Cortizo negou que lle fixese falta, e o árbitro non apreciou gravidade na entrada e non o expulsou. Mais posteriormente o Comité de Competición aplicoulle a sanción que lle acabaría custando 15 partidos de Liga e 9 de Copa. O Comité de Competición estaba presidido por Ramón María del Arroyo, vicepresidente do Atlético de Madrid.

Finalizou a súa carreira deportiva no Real Jaén, co que conseguiu o ascenso a Segunda División na tempada 1966/67. Nas xornadas finais da seguinte tempada actuou como xogador-adestrador, trala destitución de Manuel Doménech, pero non conseguiu salvar o equipo do descenso de novo a Terceira.

Logo de retirarse continuou vivindo toda a súa vida en Xaén, onde foi secretario técnico e presidente do Jaén entre 1987 e 1990.

Palmarés CD Ourense

Terceira División (1): 1955/56.

Real Zaragoza

Copa do Xeneralísimo (2): 1963/64, 1965/66. Copa de Feiras (1): 1963/64.

Real Jaén

Terceira División (1): 1966/67.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Ribadavia Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Real Jaén Categoría:Presidentes de clubs de fútbol de España