A primeira tempada de True Detective, unha serie de televisión estadounidense creada por Nic Pizzolatto, estreouse o 12 de xaneiro de 2014 na canle de televisión por cable HBO. Os actores protagonistas desta tempada foron Matthew McConaughey, Woody Harrelson, Michelle Monaghan, Michael Potts e Tory Kittles. Cunha duración de oito episodios, a súa primeira emisión finalizou o 9 de marzo de 2014. Seguindo un formato de serie de antoloxía, cada unha das tempadas de True Detective posúen unha historia propia con diferentes personaxes e ambientacións.
Construída como unha narrativa non lineal, a primeira tempada céntrase nos detectives de homicidios da policía de Luisiana Rustin "Rust" Cohle (McConaughey) e Martin "Marty" Hart (Harrelson), que investigan o asasinato da prostituta Dora Lange en 1995. Dezasete anos despois retoman a investigación xunto ás doutros crimes sen resolver. Durante ese tempo as infidelidades de Hart ameazan a estabilidade do seu matrimonio con Maggie (Monaghan), mentres que Cohle ten problemas para enfrontarse ós problemas do seu pasado. Esta primeira tempada de True Detective explora as temáticas do pesimismo filosófico, da masculinidade e do cristianismo. A crítica analizou a súa representación das mulleres, a súa sensibilidade de obra de autor e as influencias dos cómics e da ficción estraña de terror na súa narrativa.
Pizzolatto concibiu True Detective nun primeiro momento como unha novela, mais finalmente considerou que era máis axeitada para unha serie de televisión. Os episodios, dirixidos por Cary Joji Fukunaga, rodáronse en Luisiana nun período de tres meses. A serie recibiu críticas positivas e estivo considerada unha das mellores series dramáticas da tempada televisiva estadounidense de 2014. Foi candidata a numerosos premios televisivos, incluíndo o nomeamento a un premio Emmy á mellor serie dramática e un Globo de Ouro á mellor miniserie ou telefilme, gañando varios deles polo seu guión, cinematografía, dirección e actuación.
Episodios
Elenco e personaxes Personaxes principais Matthew McConaughey como o detective Rustin "Rust" Cohle Woody Harrelson como o detective Martin "Marty" Hart Michelle Monaghan como Maggie Hart Michael Potts como o detective Maynard Gilbough Tory Kittles como o detective Thomas Papania
Personaxes recorrentes
Kevin Dunn como o maior Ken Quesada Alexandra Daddario como Lisa Tragnetti Michael Harney como o sheriff Steve Geraci Elizabeth Reaser como Laurie Perkins J. D. Evermore como o detective Bobby Lutz Madison Wolfe como Audrey Hart de nova Erin Moriarty como Audrey Hart de adolescente Meghan Wolfe como Macie Hart de nova Brighton Sharbino como Macie Hart de adolescente Don Yesso como o comandante Speece Brad Carter como Charlie Lange Lili Simmons como Beth Jay O. Sanders como Billy Lee Tuttle Shea Whigham como Joel Theriot Glenn Fleshler como Errol Childress Charles Halford como Reggie Ledoux Joseph Sikora como Ginger Paul Ben-Victor como o maior Leroy Salter
Produción Concepción Inspirado polas series da HBO The Wire, The Sopranos e Deadwood, Nic Pizzolatto comezou a traballar nunha colección de relatos curtos que publicou posteriormente co título de Between Here and the Yellow Sea en 2006. En 2010 publicou a novela Galveston, e comezou a escribir guións para a televisión, sen éxito nuns primeiros momentos por falta de presuposto. O seu primeiro traballo notable na televisión foi en 2011, como guionista para a serie da AMC The Killing. Pizzolatto afirmou que o seu traballo nesta serie serviulle para ver o funcionamento interno da industria televisiva. Porén, co tempo aumentou a súa insatisfacción coa dirección creativa da serie e marchou ás dúas semanas de comezar o traballo no guión para a segunda tempada.
A súa intención inicial era que True Detective fose unha novela, pero en canto o proxecto tomou unha forma definida, Pizzolatto considerou que os cambios narrativos no tempo e perspectiva a facían máis axeitada para a televisión. Intentou propoñer unha adaptación da súa novela Galveston, e dende maio ata xullo de 2010 escribiu seis guións, incluíndo un bosquexo de 90 páxinas do episodio piloto de True Detective. Pizzolatto conseguiu un acordo coa HBO para unha serie piloto potencial ó pouco tempo. Escribiu un segundo guión para a serie ó pouco de marchar do seu traballo en The Killing co apoio da produtora Anonymous Content, que finalmente produciu e desenvolveu o proxecto internamente. En abril de 2012, tras un axitado período de poxas, a HBO encargou oito episodios de True Detective. Pizzolatto non contratou un equipo de guionistas por considerar que un enfoque colaborativo non funcionaría ben co seu proceso novelístico illado, e porque un grupo non conseguiría o resultado que desexaba. Tras traballar en solitario durante uns tres meses, rematou a copia final do guión proxectado, cunha extensión de 500 páxinas.
Actores e persoal
Debido a que a serie está concibida como unha antoloxía, cada unha das tempadas posúe unha narrativa propia, seguindo a un conxunto de personaxes distinto en diferentes escenarios cada tempada. Pizzolatto comezou a considerar os papeis protagonistas cando estaba propoñendo a serie ás diversas cadeas a comezos de 2012. O formato de antoloxía só requiría que os actores se comprometesen a unha única tempada, polo que Pizzolatto puido atraer estrelas de cine que normalmente evitarían as series de televisión por mor dos seus frecuentes compromisos cinematográficos. Woody Harrelson e Matthew McConaughey estaban entre os actores que Pizzolatto considerou para os papeis protagonistas. McConaughey, que rematara había pouco a rodaxe de Killer Joe, xa fora contratado tempo antes de que a HBO encargase a tempada. Impresionado coa súa actuación en The Lincoln Lawyer, Pizzolatto asignoulle nun primeiro momento o papel de Hart, mais o propio McConaughey convenceuno para que lle dese o papel de Cohle. Cando lle preguntaron sobre a súa decisión de cambiar papeis nunha entrevista para a revista Variety, o actor respondeu: "Quería meterme na cabeza dese tipo. A obsesión, a illa dun só home—Sempre estou buscando a un tío que fai monólogos. É algo realmente importante cando sinto que estou adentrándome no meu mellor traballo". Na súa preparación para o papel, McConaughey creou unha análise de 450 páxinas, "Four Stages of Rustin Cohle", para estudar a evolución da personaxe durante a tempada.
Harrelson foi a seguinte elección de protagonista para representar a Hart, contratado a petición de McConaughey. Harrelson afirmou que se uniu á serie en parte porque desexaba traballar con algunhas das persoas involucradas no proxecto, coas que colaborara previamente no filme de 2012 da HBO Game Change. Michelle Monaghan aceptou representar o papel feminino protagonista da serie afirmando que se sentía atraída pola dirección do argumento da serie e o arco argumental da súa personaxe. Michael Potts e Tory Kittles completaron o elenco de actores protagonistas, representando os detectives Maynard Gilbough e Thomas Papania respectivamente. Os principais actores secundarios da primeira tempada de True Detective foron Kevin Dunn no papel do maior Ken Quesada, Alexandra Daddario no papel de Lisa Tragnetti e Brad Carter no papel de Charlie Lange.
Pizzolatto reduciu a súa procura dun director a dous candidatos, Cary Joji Fukunaga, ó que coñecía de Anonymous Content, e Alejandro González Iñárritu. Fukunaga foi nomeado formalmente como director despois de que Iñárritu non aceptase o proxecto por mor de compromisos noutros filmes. Como preparación para o seu traballo na serie, Fukunaga pasou tempo cun detective de homicidios da división de investigacións criminais da policía estatal de Luisiana para desenvolver unha representación rigorosa do traballo dun detective de homicidios nos anos 1990. Fukunaga recrutou a Adam Arkapaw, director de fotografía de Top of the Lake, como o cinematógrafo do proxecto. Arkapaw chamou a atención de Fukunaga polo seu traballo en Animal Kingdom e Snowtown, e foi contratado tras unha reunión que mantiveron en San Francisco. Alex DiGerlando, con quen Fukunaga xa traballara en Glory at Sea de Benh Zeitlin en 2008, foi contratado como deseñador de produción. Fukunaga afirmou nunha entrevista: "Sabía o que Alex conseguira nos pantanos de Luisiana, e con algo de orzamento o máis incrible que podería ser na construción de escenarios a usar durante un ou dous días e quedar abandonados despois".
Rodaxe miniatura|esquerda|Ruínas do Forte Macomb do século XIX Inicialmente a primeira tempada de True Detective ía rodarse en Arcansas, pero Pizzolatto finalmente escolleu rodar en Luisiana para aproveitar os incentivos fiscais do estado e a paisaxe distintiva da zona. A rodaxe principal levou entre uns 100 e uns 110 días dende xaneiro ata xuño de 2013, rodando aproximadamente uns cinco minutos de serie por día. O equipo de produción construíu varias pezas de decorado, entre elas unha capela incendiada, a tenda da congregación relixiosa de Joel Theriot e as oficinas da división de investigación criminal de Luisiana, estas últimas construídas dentro dun almacén de lámpadas abandonado preto de Elmwood. Para a escena do crime de Dora Lange o persoal rodou tomas exteriores nun campo de canas de azucre en Erath, que ó estar parcialmente queimado inspirou o que DiGerlando denominou un fondo "deprimido e atmosférico" para as escenas interiores correspondentes. A escena na que Cohle escapa dun tiroteo tomando a Ginger como refén rodouse en Bridge City nunha toma continua de seis minutos, unha técnica que Fukunaga xa utilizara anteriormente en Sin Nombre en 2009 e en Jane Eyre en 2011. Rodada en sete tomas, a preparación para esta escena foi extensa e esixente. McConaughey adestrouse con Mark Norby para dominar un estilo de loita para a súa personaxe, e a natureza da toma precisou un equipo de coordinadores de dobres, artistas de maquillaxe e persoal de efectos especiais durante toda a súa rodaxe. Outra das localizacións para a serie foi nos arredores do instituto Kenner High School, e nas ruínas do Forte Macomb do século XIX, localizado nos arredores de Nova Orleáns, para as escenas do último capítulo.
O horario de rodaxe non se organizou seguindo a mesma secuencia que os episodios, o que supuxo unha dificultade engadida para o manexo da loxística. Toda a tempada rodouse en película de 35 mm, escollida polo equipo de produción para conseguir unha textura determinada e unha calidade de "nostalxia". Para a rodaxe utilizouse unha cámara Panavision Millennium XL2, correspondendo a elección da lente segundo o período no que tiña lugar a escena. As escenas ambientadas en 1995 e 2002 rodáronse con lentes Panavision PVintage, producindo unha imaxe máis suave ó estar feitas de vidro reciclado de baixo contraste, e utilizaron lentes máis anchas para esaxerar a composición e darlle un efecto máis "cinemático". Por outra banda, as escenas ambientadas en 2012 rodáronse con lentes Panavision Primo, cunha paleta visual máis aguda e un contraste moito maior, dándolle unha aparencia máis "moderna e nítida" ás imaxes segundo Arkapaw.
Deseño artístico