Amadeu José Ferreira, nado en Sendim o 29 de xullo de 1950 e finado en Lisboa o 1 de marzo de 2015, foi un profesor, avogado e escritor portugués que traballou pola revitalización lingüística do mirandés.

Traxectoria Formado academicamente no ámbito do Dereito, tamén publicou textos como Homicídio Privilegiado e Direito dos Valores Mobiliários, o seu traballo principal céntrase na lingua mirandesa. Na súa produción poética figuran Cebadeiros, Ars Vivendi / Ars Moriendi e Norteando. En prosa publicou La bouba de la Tenerie / Tempo de Fogo, Las Cuntas de Tiu Jouquin, Lhéngua Mirandesa - Manifesto an Forma de Hino e Ditos Dezideiros / Provérbios Mirandeses.

Traduciu obras de varios tipos ao mirandés. Traduciu as obras de Horacio, Virxilio e Catulo, e os clásicos da literatura portuguesa como Os Lusíadas de Luís de Camões, e Mensagem de Fernando Pessoa. Tamén traduciu os catro Evanxeos canónicos e dous volumes de Astérix.

Dentro do eido cultural e lingüístico, presidiu a Asociación da Lingua e Cultura Mirandesa (en mirandés: Associaçon de la Lhéngua i Cultura Mirandesa), así como a Academia de Letras de Trás-os-Montes. Tamén foi vicepresidente da Comisión do Mercado de Valores Mobiliarios portuguesa, membro do Consello Xeral do Instituto Politécnico de Braganza e profesor convidado da Facultade de Dereito da Universidade Nova de Lisboa. En 2004 foi nomeado comendador da Orde do Mérito da República Portuguesa. Foi deputado na II lexislatura da Asemblea da República.

Faleceu de cancro na cidade de Lisboa, onde residiu desde 1981 ata a data da súa morte.

Notas

Categoría:Nados en 1950 Categoría:Finados en 2015 Categoría:Avogados de Portugal Categoría:Blogueiros Categoría:Deputados de Portugal Categoría:Poetas de Portugal Categoría:Poetas en lingua portuguesa Categoría:Escritores en lingua mirandesa Categoría:Nados no distrito de Braganza Categoría:Lingüistas de Portugal Categoría:Profesores Categoría:Tradutores de Portugal Categoría:Xornalistas de Portugal Categoría:Personalidades sen imaxes