miniatura|Detalle da portada do libro editado en 1967 pola RAG. As Asembleas Lusitano-Galegas (ou orixinalmente Asambleas Lusitano-Gallegas) foron celebradas a mediados do século XX por iniciativa da Real Academia Galega para que os portugueses e os galegos puidesen expoñer os seus puntos de vista canto a temas culturais comúns como cuestións étnicas, folclore, historia ou relacións literarias galego-portuguesas. Celebráronse dúas asembleas, a primeira delas tivo lugar na cidade portuguesa de Braga os días 29 e 30 de outubro de 1955 e a segunda, do 14 ao 16 de agosto de 1961 na cidade galega da Coruña.
Orixe e obxectivos
Debido ás boas relacións que sempre mantiveron Galicia e Portugal ao longo da historia, por razóns xeográficas e idiomáticas (chegaron a compartir a mesma lingua na Idade Media) a RAG decidiu levar a cabo estes encontros alentada polo clima de irmandade ibérica promovido polas ditaduras de Francisco Franco e António de Oliveira Salazar. Os primeiros contactos entre a institución galega e importantes personalidades lusas producíronse antes da Guerra civil española, mais só darán os seus froitos a mediados do século XX con actividades como a “Primeira Asemblea Lusitano-Galega”. Anteriormente existiron algún precedentes como o I Congreso de Estudos Galegos ou o boletín extraordinario que a academia dedica a Portugal en 1943, con ocasión do oitavo centenario da "fundación e restauración da gloriosa nacionalidade lusitana", mais non se consumou ata o ano 1955 coa primeira asemblea.
O principal obxectivo desta asemblea era a reivindicación do antigo ideario do galeguismo cifrado na identidade espiritual de Galicia e Portugal sustentada na saudade proposta por Teixeira de Pascoaes; na historia e na literatura compartidas e na igualdade de etnografía, idioma, paisaxe e lingua. Esta actividade terá continuidade nos mesmos parámetros na Segunda Asemblea Lusitano-Galega.
Primeira asemblea lusitano-galega
A primeira reunión rexistrouse na cidade de Braga, outrora sede metropolitana de Galiza, debido ao desexo de que o primeiro encontro se levase a cabo no país lusófono. Nela encontráronse un gran número de destacadas figuras das letras, das ciencias e das artes de Portugal e de Galiza. Os membros da Real Academia foron recibidos nos Paços do Concelho de Braga con moito orgullo e emoción polos seus homólogos portugueses cos cales compartirían mesa nestes importantes encontros galego-portugueses.
Unha vez creada a mesa, o presidente da cámara, o señor Santos Da Cunha, pronunciou un discurso de benvida moi hospitalario mostrando a súa gratitude a todos os presentes e deixando patente a forte afinidade existente entre os pobos galegos e a cidade de Braga. Finalmente, rematou a súa exposición destacando a cidade de Santiago de Compostela. En resposta a este discurso o doutor Portela Pazos interveu para agradecer as distinguidas palabras do presidente Da Cunha. Nesta mesma sesión, o propio Portela Pazos destacou os motivos que impulsaran a celebración da asemblea mencionados anteriormente. Por último, o presidente da Academia, deixou un texto, debido a imposibilidade da súa comparecencia, para que fose lido por un secretario. Posteriormente, os asembleístas fixeron unha visita á Biblioteca Pública e ao Arquivo Distrital, ao arcebispo Primado, ao mosteiro de San Frutuoso e á catedral de Braga. A continuación os intelectuais galegos foron recibidos no Palacio dos Falçoes e inauguraron un monumento conmemorativo pola visita dos intelectuais galegos.
Na última sesión, os compoñentes da xuntanza realizaron unha visita á vila de Guimarães na zona setentrional de Portugal.
Integrantes
Presidentes da mesa e acompañantes
Antonio María Santos Da Cunha, presidente da Cámara Municipal de Braga Jose María Saro y Posada, cónsul de España no Porto Francisco Acevedo Soares, presidente do Círculo Xudicial de Braga Coronel Alcobia Veloso, comandante militar de Braga Salustiano Portela Pazos, presidente substituto da RAG Leandro Carré Alvarellos, administrador da Academia
Galegos
Ramón Otero Pedrayo Fermín Bouza-Brey Enrique Chao Espina Xesús Ferro Couselo Ángel del Castillo Sebastián Martínez-Risco Florentino López Cuevillas Xosé Filgueira Valverde
Portugueses
Francisco José Velozo Francisco Garibaldi António Pires de Lima António da Rocha Madahil Fernando de Castro Pires de Lima
Segunda Asemblea Lusitano-Galega
Ambas partes coincidiron en que a primeira asemblea debía ter unha correspondencia en Galiza. Deste xeito, a Real Academia decidiu realizar un segundo congreso na cidade herculina; polo tanto, fixouse unha reunión previa en Porto para organizar o evento. Desta maneira, a asemblea quedou fixada para o 14, 15 e 16 de agosto de 1961. Os temas a tratar foron os mesmos que na súa edición previa; as reunións de traballo leváronse a cabo en 4 días noutros 4 centros de cultura diferentes; e as comunicacións presentada foron en total 19.
Os asembleístas lusos foron recibidos o primeiro día do congreso nun salón capitular do Concello da Coruña. Do mesmo xeito que fixeron os portugueses 6 anos atrás, o señor Peña María de Llano deu unha cordial benvida a todos os congresistas, especialmente aos do país veciño. Como resposta, o doutor Velozo, agradeceu as afectuosas palabras que lles foron dedicadas, algo parecido ao que expresou inmediatamente despois o doutor Silva Pinto.
Por outra banda, posteriormente a este acto, os membros visitaron o Arquivo Xeral de Galicia.
Integrantes
Galegos
Rafael Puga Ramón, presidente da Deputación da Coruña Ricardo Carballo Calero Ramón Otero Pedrayo Fermín Bouza-Brey Sergio Peñamaría de Llano, alcalde da Coruña Sebastián Martínez-Risco Enrique Chao Espina
Portugueses
Francisco José Velozo Américo Lopes de Oliveira Sérgio da Silva Pinto Arturo Garibaldi Manuel Oliveira Guerra
Comunicacións
Denomínanse comunicacións a aqueles traballos que foron expostos en ambas as asembleas polos asistentes a cada unha delas. Entre os temas abordados están o amor e a fraternidade entre portugueses e galegos, como puxo de relevo Salustiano Portela Pazos en "Xenerosidade lusitana agradecida", onde se describe a axuda prestada por Portugal a Galiza nunha das súas peores épocas; por outra banda, a necesidade de creación dunha litertura, historia e cultura comúns (por exemplo, como fixo Hugo Rocha no seu traballo "La Gaita Gallega, expresión cultural sobre o instrumento").
Alén disto, reivindicouse tamén a recuperación de figuras claves como Almeida e Garret nas relacións entre ambos pobos ("Romanceiro Galaico-Portugués" de Fernando de Castro Pires de Lima) e a importancia das influencias políticas entre os dous países, como expuxo Arturo Garibaldi na súa comunicación "Afinidades políticas de Portugal e influencia galega na literatura portuguesa", entre outros temas.
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:1955 Categoría:1961 Categoría:Eventos