O Partido Comunista do Brasil, coñecido polas siglas PCdoB, é un partido político brasileiro de esquerda, baseado ideoloxicamente nos principios do marxismo. Ao igual que a maioría dos partidos comunistas está identificado coa cor vermella e o seu símbolo é a fouce e martelo.

Foi fundado en 1958 como unha á disidente, aliñada co stalinismo, dentro do Partido Comunista Brasileiro (PCB), que naquela época, apoiaba as reformas defendidas por Nikita Khrushchev no XX Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética en 1956, e que máis tarde serían coñecidas como desestalinización. Lideraban a disidencia Mauricio Grabois, João Amazonas e Pedro Pomar, e decidiuse a escisión do partido despois de que o documento Carta dos cen (asinada por cen militantes en catro Estados do país), fose rexeitada no V Congreso do PCB. Así pois, en 1962, fundouse o Partido Comunista do Brasil (PCdoB).

Desde o seu nacemento, o PCdoB seguiu diversas liñas políticas baseadas en distintas experiencias comunistas polo mundo. Naceu sendo contrário á liña adoptada por Nikita Khrushchev na antiga Unión Soviética e reivindicando o legado de Iosif Stalin. Nos anos 60, adoptou a liña maoísta (aliñándose co Partido Comunista da China) e pasou a practicar a loita de guerrillas (o PCdoB é famoso pola actuación na Guerrilla do Araguaia). En 1978, pasou a reivindicar o comunismo de Albania (hoxhaísmo).

Nacionalmente, o PCdoB fixo parte da base de apoio do goberno de Dilma Rousseff e anteriormente do de Lula da Silva.

Edita a publicación A Classe Operária e a revista Princípios, e, internacionalmente, é membro do Foro de São Paulo.

No movemento estudantil, organízase na União da Juventude Socialista (UJS) e no sindical faino a través da Central dos Trabalhadores e Trabalhadoras do Brasil (CTB). O partido conta con máis de 390.000 afiliados.

Historia

Orixe O nome de Partido Comunista do Brasil foi utilizado por primeira vez polo antigo PCB, fundado o 25 de marzo de 1922 . Máis tarde, o PCB cambiou o seu nome a Partido Comunista Brasileiro. Cando ocorreu a división internacional no movemento comunista, a partir do XX Congreso do PCUS en 1956, no PCB houbo tamén unha ruptura no V Congreso, en 1960, e esta ruptura afectou á dirección do PCB que reconstruíra o Partido tras os golpes sufridos por parte do Estado Novo de Getúlio Vargas, surxida na Confêrencia da Mantiqueira en 1943, formando parte dela Mauricio Grabois, Pedro Pomar, Diógenes Arruda Câmara e João Amazonas, entre outros. Esta división levou á creación do PCdoB, que adoptou o nome orixinal do PCB: Partido Comunista do Brasil. Cabe destacar que o PCdoB, a pesar de ser unha escisión, sempre reivindicou ser a continuación natural do PCB orixinal, razón pola cal utiliza a data de fundación daquel como súa, e afirma ser o partido máis antigo do Brasil. O seu primeiro congreso, realizado en 1960, foi chamado 5º Congreso, para continuar a cronoloxía do partido do que se orixinou.

Os marxistas-leninistas romperon co sector de Luís Carlos Prestes e realizaron a V Conferência Nacional Extraordinária do Partido Comunista do Brasil o 18 de febreiro de 1962, en São Paulo. Reorganizaron o partido, adoptaron as siglas PCdoB e proclamáronse os lexítimos herdeiros do Partido Comunista - Seção Brasileira da Internacional Comunista (PC-SBIC), que popularmente era coñecido como PCB. Dese xeito dataron a súa fundación no 25 de marzo de 1922. Coa participación de delegados da Guanabara, São Paulo, Río de Xaneiro, Río Grande do Sur e Espírito Santo. Esta conferencia, que tivo a importancia dun congreso polas cuestións que resolveu, marcou a completa ruptura dos marxistas-leninistas cos revisionistas de Prestes, quen usurpara a dirección do Partido e o transformara nunha organización kruschevista. En oposición á liña revisionista do V Congreso, a Conferencia aprobou o Manifesto-Programa, que trazou unha liña revolucionaria para o Partido; reintroduciu o Estatuto aprobado no IV Congreso; aprobou unha resolución sobre a unidade dos comunistas, firmando o principio de que en cada país só pode exsitir un único partido marxista-leninista; decidiu reeditar A Classe Operária, antio órgano central do Partido; aprobouse a ruptura coa Unión Soviética; e, finalmente, elixiuse un novo Comité Central. Estas resolucións históricas marcan non só a ruptura completa e decisiva cos revisionistas, senón tamén o propósito de reorganizar a "verdadeira vangarda marxista-leninista en Brasil". Participaron nesta conferencia João Amazonas, Maurício Grabois, Joaquim Câmara Ferreira, Mário Alves, Jacob Gorender, Miguel Batista e Apolônio de Carvalho.

A incorporación da Acción Popular Marxista Leninista - APML (1975) Despois dos duros golpes da represión e as numerosas baixas na Guerrilla de Araguaia, o PCdoB perdeu varias figuras importantes. Neste período, de liña maoísta, o partido recibiu a adhesión da maior parte da Ação Popular (esquerda cristã), un grupo sucesor da esquerda cristiá, que se uniu ao socialismo chinés. Despois de grandes debates internos, esa organización decidiu incorporarse ao PCdoB, reconstituíndo varios espazos deixados polas perdas de grandes figuras.

A directriz maoísta (1962-1969) Mentres que o PCB abandonaba definitivamente a figura de Stalin, o PCdoB mantivo o ex líder soviético como unha das súas referencias teóricas (á beira de Marx, Engels e Lenin). Ao mesmo tempo, a crise entre a Unión Soviética e a China alcanzou o seu punto máximo cando o líder chinés Mao Tse Tung criticou o proceso de desestalinización que se puxo en marcha na Unión Soviética, e acusou a Khruschev de desvíos "oportunista" e "reformistas".

Como a dirección do PCB mantívose ríxidamente leal a Moscova, a división de Mao co resto do movemento comunista atraeu a simpatía do PCdoB, que enviou emisarios a Pequín para formalizar a vinculación ideolóxica coas novas directrices do Partido Comunista da China. Entre estes emisarios, estaba o presidente exiliado do partido, João Amazonas, que foi recibido polo propio Mao Tse Tung. Desde entón, o partido comezou gradualmente a enfocarse nas posturas maoístas, considerando que só a China e Albania eran países comunistas, e que os demais tiñan retrocedido a unha directriz revisionista e xa non revolucionaria.

Con todo, a adhesión ao maoísmo incluíu un cambio nas estratexias seguidas polo PCdoB. Seguindo o principio da Guerra Popular Prolongada, o PCdoB comprometeuse a transferir os seus efectivos ao campo, iniciando a formación dun exército campesiño. Esta concepción da loita revolucionaria contrastaba tanto coas tácticas tradicionais da PCB (que, fiel á vía pacífica, opúxose á loita armada contra a ditadura) coma co foquismo das novas forzas como Ação Libertadora Nacional (ALN) e o Movimento Revolucionário Oito de Outubro (MR-8), que priorizaban a guerrilla urbana e o "foco" como forma de combater o goberno militar establecido en 1964.

A adhesión definitiva do PCdoB ao maoísmo deuse en 1966, no seu 6º Congreso. Ao ano seguinte, o grupo elaborou unha declaración de apoio á Revolución Cultural que estaba en marcha en China. En 1966, o PCdoB sufriu dúas divisións internas: a Á Vermella (favorable ao foquismo) e o Partido Comunista Revolucionario (PCR).

A guerrilla do Araguaia (1969-1976) Dende 1966, o PCdoB buscaba a formación dun núcleo de guerrilla no campo. A zona elixida para a irradiación dun futuro exército campesiño (seguindo as liñas maoístas) foi a rexión sur de Pará, preto da fronteira con Tocantins. Estímase que o partido reuniu uns 70-80 guerrilleiros na zona baixo o mando militar de Osvaldão e de Maurício Grabois, naquel momento comandante en xefe da guerrilla.

A maior parte dos efectivos da columna guerrilleira do PCdoB (baixo o nome de "guerrilla de Araguaia") estaba composto por estudantes da escola secundaria ou da universidade, organizados ao redor da Unión Patriótica Xuvenil (UJP), profesionais liberias e obreiros procedentes principalmente de São Paulo e Minas Xerais. Como había pouca adhesión entre os habitantes locais, o partido creou a Unión pola Liberdade e os Dereitos do Pobo (ULDP), en cuxo manifesto figura a base programática da guerrilla.

En 1971, unidades do Exército descubriron a localización do núcleo guerrilleiro e despregáronse para acordoar a zona, impedindo que se desprazasen cara ao norte da Amazonia. As operacións de represión á guerrilla comezaron en 1972, con tres expedicións militares que mobilizaron a 25.000 soldados. Sendo repelidas as dúas primeiras, a terceira expedición derrotou os últimos focos de resistencia. A maior parte dos guerrilleiros morreron en enfrontamento coas forzas do Exército, incluíndo Osvaldão e Maurício Grabois, que morreu no enfrontamento o 25 de decembro de 1973. A derrota de Araguaia comprometeu a organización do partido, pero á vez consagrou o mito da guerrilla, recoñecida como a máis efectiva experiencia de loita armada contra a ditadura. A maior parte dos mortos na represión do réxime militar entre 1964 e 1979 eran militantes do PCdoB.

O abandono do maoísmo (1976-1979) Dende finais da década de 1960, os militantes de Acción Popular Marxista-Leninista (APML), un grupo derivado da esquerda católica, adoptara a ideoloxía maoísta e achegárase ao PCdoB. A fusión dos dous grupos realizouse en 1975, tras o fin da loita armada. O PCdoB tamén atraeu a membros do Partido Comunista Brasileiro Revolucionario (PCBR) e do Movemento Revolucionario Oito de Outubro (MR-8).

O 16 de decembro de 1976, o DOI-CODI (un órgano de intelixencia e represión subordinado ao exército) irrompeu nunha casa na rúa Pio XI, de São Paulo, e asasinou no lugar, a Pedro Pomar e Ângelo Arroio, torturou e matou a João Batista Drumond, e apresou a Wladimir Pomar, Aldo Arantes, Haroldo Lima e Elza Monnerat, no episodio coñecido como Chacina da Lapa. Os presos non saíron libres até a Lei de Amnistía de 1979.

Nun clima onde a oposición comezaba a gañar forza, a prensa informou do crime, que chocou e conmoveu, dentro e fóra do Brasil. A dirección do Partido, duramente golpeada, funcionou, até a amnistía, sobre a base dun núcleo no exilio.

Anos despois, descubriuse que a operación contaba coa axuda dun informante arrestado ese ano, o líder do PCdoB Manoel Jover Teles (exmembro do PCB), que foi expulsado do partido en 1983.

Desposuído dos seus cadros dirixentes, o PCdoB comezou a reagruparse con membros procedentes da AP e baixo o liderado persoal de João Amazonas, que xunto con Diógenes Arruda, eran os únicos que quedaban de entre os que reconstruíran o partido. A morte de Arruda (en 1979) deixou a Amazonas co liderado máximo do PCdoB até a súa morte.

O fracaso das guerrillas campesiñas e a nova política adoptada pola China tras a morte de Mao en 1976 , conduciu ao PCdoB a romper completamente co maoísmo. En 1978, o partido seguiu a Enver Hoxha na súa crítica aos líderes chineses, considerando a Albania como o único país socialista e último bastión do estalinismo.

Durante este período, unha división interna do PCdoB deu orixe a un novo partido, o Partido Revolucionário Comunista (PRC), dirixido por José Genoino e Tarso Genro , e que máis tarde se uniría ao Partido dos Traballadores (PT), xunto coa chamada Á Vermella.

O camiño cara á legalización partidista (1979-1987) A adopción da liña albanesa non significou a radicalización da política do PCdoB. En 1978, toda a esquerda tiña acción institucional a través do Movemento Democrático Brasileiro (MDB), oposición moderada ao goberno militar. O PCdoB retomou o seu espazo parlamentario e elixiu aos seus primeiros deputados baixo a clandestinidade.