A igrexa de Alva (sueco: Alva kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Alva, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia e arquitectura As partes máis antigas da igrexa son o coro e a ábsida do románico tardío, que datan de finais do século XII. A nave foi engadida durante os últimos anos do mesmo século. A construción da ancha torre comezou uns cen anos despois, pero nunca foi rematada; de aí a súa aparencia actual desproporcionadamente baixa. De feito, semella que a construción da igrexa se parou dun xeito rápido: ademais da torre a medio construír, o portal principal do sur tamén semella que foi rematado dunha forma desordeada e caótica.

O portal do coro é de estilo románico e ten algúns relieves esculpidos, posiblemente executados polo mestre escultor local Sigraf. Do mesmo xeito, o portal románico do norte tamén está decorado con esculturas.

No seu interior a igrexa mostra un conxunto de frescos realizados ao final da Idade Media, probablemente xusto antes da Reforma e posiblemente polo mesmo artista que decorou a igrexa de Lau. Entre o mobiliario, destaca a dominante cruz triunfal, que data de mediados do século XIII e unha pía bautismal parcialmente conservada, realizada polo mestre escultor románico Hegvald a finais do século XII. O púlpito é do ano 1740 e o retablo con decoración pouco común é de 1653.

A igrexa foi restaurada entre os anos 1953 e 1954.

Galería de imaxes

Notas

Alva